De esquerda a dereita, Beatriz Sobrino, Raquel Cruz, Ana Latorre e Ángel Carracedo (Foto: Andrés Ruiz).

‘Nature’ publica un estudo galego que indaga nas chaves do envellecemento

A prestixiosa revista Nature publica no seu último número un estudo no que participan investigadores da USC e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. O traballo, titulado “Mitochondrial and nuclear DNA matching shapes metabolism and healthy ageing“, indaga nalgunhas das posibles chaves que inflúen na calidade do envellecemento. Segundo se apunta neste estudo, o xeito no que o ser humano envellece pode estar determinado moito antes de que as primeiras sinais sexan visibles. Isto débese a que a interacción dos xenomas nuclear e mitocondrial desencadean unha adaptación celular que acaba tendo repercusións durante a nosa vida e que determina a calidade do envellecemento.

A investigación pretende detectar os achaques antes de que sexan visibles

Na investigación participan Ana Latorre Pellicer, pertencente ao Grupo de Medicina Xenómica que dirixe Ángel Carracedo; Raquel Cruz Guerrero, investigadora do Ciberer e do CiMUS, e Beatriz Sobrino Rey, da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, pertencente ao Sergas. O coordinador do traballo é José Antonio Enríquez, do Centro Nacional de Investigaciones Cardiovasculares Carlos II (CNIC), e tamén participan científicos da Universidade de Zaragoza e do Medical Research Council de Reino Unido.

O estudo vén a demostrar que as variantes non patolóxicas do ADN mitocondrial teñen un impacto chave o metabolismo e na calidade do envellecemento dos individuos. A este tipo de ADN pertencen 37 dos máis de 20.000 xenes humanos. Atópanse fóra do núcleo das células, nas mitocondrias, e son herdados por parte da nai. “A chave do estudo é entender cómo a combinación entre os xenomas nuclear e mitocondrial desencadea unha adaptación celular que terá repercusións ao longo de toda a nosa vida”, sinala Ana Latorre Pellicer.

Os dous ratos son da mesma idade, pero o da esquerda ten un envellecemento 'mellor' debido a un ADN mitocondrial san.
Os dous ratos son da mesma idade, pero o da esquerda ten un envellecemento ‘mellor’ debido a un ADN mitocondrial san.

A variación xenética poboacional de só unha parte dos xenes pode repercutir na calidade do envellecemento e supón un gran avance para entender este proceso. “As diferenzas non patolóxicas na función mitocondrial teñen repercusións directas” no ritmo co que unha persoa se fai maior, segundo sinala José Antonio Enríquez.

Na investigación descubriuse que, cambiando unicamente o ADN mitocondrial en ratos, desenvolvéronse unha serie de mecanismos de adaptación celular nos animais xóvenes que favoreceron un envellecemento máis saudable. Ana Latorre engade que “se somos quen de explicar os factores que nos permitan envellecer eludindo as patoloxías asociadas á idade, poderemos manter unha saúde duradeira” na terceira idade.

Ángel Carracedo, catedrático da USC, explica que este traballo abre a porta “para entender un pouco máis o compoñente xenético das enfermidades complexas”, coma o cancro, a diabetes, a obesidade e as enfermidades raras de orixe xenética. Por outra parte, abre un interesante camiño na mellora das técnicas de substitución mitocondrial, que poderían impedir a transmisión de doenzas xenéticas de nais a fillos. Este proceso, coñecido como “o embrión de tres pais xenéticos”,  consiste na substitución das mitocondrias alteradas por outras procedentes dunha doante sa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.