Martes 19 Marzo 2024

Investigadores de Biocaps traballan na vacina contra a tuberculose

O mycobacterium tuberculosis.
O mycobacterium tuberculosis.

Investigadores de Biocaps colaboran con científicos de sete países para deseñar a vacina do futuro contra unha das enfermidades máis persistentes a nivel global: a tuberculose, que provoca unha morte cada 24 segundos no mundo. En concreto, os expertos do Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo (IBI) son os encargados de buscar biomarcadores que se correlacionen con respostas inmunes protectoras fronte ao patóxeno que causa a enfermidade, un paso fundamental para desenvolver unha vacina efectiva.
A Área de Enfermidades Infecciosas do Programa de Apoio ás Capacidades Biomédicas, Biocaps, está a contribuír así a facer fronte a un problema de saúde pública a escala mundial. Esta doenza afecta a preto de nove millóns de persoas cada ano das que, a pesar dos avances médicos, case 1,5 millóns acaban perdendo a vida, o que converte á tuberculose na segunda causa de morte por enfermidade infecciosa no mundo despois do virus VIH. Os diagnósticos inadecuados e a habilidade do patóxeno que a causa para adaptarse aos antibióticos, desenvolvendo así resistencia aos fármacos, xustifican a urxencia de atallar o problema con carácter preventivo, é dicir, mediante unha vacina realmente eficaz.
“A única vacina existente na actualidade emprega unha mycobacteria bovis que non é completamente efectiva fronte á tuberculose pulmonar e só diminúe as formas severas na infancia”, explica África González, coordinadora de Biocaps.

O proxecto ten 8 millóns de euros de financiación e participan 7 países

O proxecto, que comeza este mes e se prolongará durante catro anos, conta con preto de 8 millóns de euros de financiamento procedente do programa europeo Horizon 2020. Baixo a coordinación da St George University of London, colaboran nel outros grupos de Reino Unido, España (o de Biocaps, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo e outro catalán), Suecia, Italia, Mozambique e República Checa, aos que se suman unha empresa alemá e outra inglesa.
A tuberculose ten a súa orixe nunha bacteria denominada mycobacterium tuberculosis, que se transmite por vía aérea, penetra pola mucosa respiratoria e produce xeralmente unha infección pulmonar, aínda que pode afectar tamén a outros órganos ou chegar mesmo a provocar un fallo sistémico.
A nova vacina que se pretende deseñar mediante este proxecto baseará a súa actividade en potenciar o sistema inmunitario de forma que impida o paso dos patóxenos xa a nivel da mucosa respiratoria, é dicir, na porta de entrada.
Os biomarcadores son sustancias que funcionan como indicadores dun estado biolóxico, como un estado patoxénico ou unha resposta do sistema inmune. Son, polo tanto, moi útiles para identificar enfermidades e a protección contra elas, predicir o éxito dun tratamento, etc. Na tuberculose non existe actualmente ningún biomarcador validado dispoñible, un requisito indispensable para desenvolver vacinas realmente eficaces.

Publicidade

Os investigadores galegos analizarán as células inmunitarias que loitan contra a tuberculose

Esta fase esencial do proceso que desembocará no deseño da nova vacina correspóndelle aos investigadores galegos. A Unidade de Tuberculose de Pontevedra, liderada polo investigador de Biocaps Luis Anibarro, levará a cabo a selección de pacientes para realizar estudos extensos do seu sistema inmunitario que permitan identificar biomarcadores relacionados con respostas protectoras fronte ao patóxeno. “Realizaranse estudos moleculares exhaustivos tanto en pacientes como nos seus contactos, observando o comportamento das súas células inmunitarias”, explica África González.
Isto contribuirá tamén a desvelar unha das maiores incógnitas desta doenza: por que algunhas persoas se infectan e outras non e por que só un 10% dos infectados finalmente desenvolven a enfermidade. “O coñecemento de como está o seu sistema inmunitario e os seus mecanismos de control pode axudar a realizar unha profilaxe máis efectiva”, engade a coordinadora de Biocaps.
A partir de aí, os científicos do IBI realizarán ensaios in vitro e in vivo. Mediante os primeiros, poderán estudar no laboratorio a resposta das células dos pacientes estudados. O traballo con modelos animais permitirá testar os prototipos de vacinas para comprobar se son protectivas ou non.
No grupo de Biocaps implicado no proxecto participa, ademais de África González e Luis Anibarro, o investigador senior Luiz Stark. O equipo galego complétase con Mónica Carrera, do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo, que desenvolverá o seu traballo empregando o equipo de espectrometría de masas de última xeración Orbitrap Elite, recentemente adquirido polo IBI grazas ao proxecto Biocaps.

Alta taxa en Galicia

Galicia é a quinta comunidade de España en número de casos de tuberculose e, só despois da cidade de Melilla, a que presenta maior taxa de enfermos (24,1 casos por 100.000 habitantes). Trátase polo tanto dunha enfermidade con alta incidencia tendo en conta o nivel de desenvolvemento económico e social da comunidade.
A instauración en 1996 dun plan específico de prevención e control da tuberculose en Galicia reduciu o número de novos casos dos 2.000 a menos de 700 na actualidade. A dispoñibilidade de vacinas efectivas é a única vía para acabar de converter esta doenza nun problema de saúde residual tanto en Galicia como no resto do mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

África González, ante a reaparición do sarampelo: “As familias deben vacinar os seus fillos”

España rexistra os seus primeiros casos trala pandemia e dende o 1 de xaneiro suma xa 15 contaxios

África González: "Estamos moi cerca da cura de doenzas autoinmunes"

Os científicos ven posibles as terapias que restauren a tolerancia inmune en enfermidades como diabetes ou lupus

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade