Xoves 23 Maio 2024

Buscan nas termas de Ourense enzimas de uso farmacéutico

As enzimas son catalizadores, proteínas que aceleran unha reacción química. Esta definición teórica significa que na práctica son compostos naturais de grande interese para a industria. Por exemplo, o que fai que un deterxente limpe o aceite dunha prenda de roupa é a lipasa, unha enzima que “racha” a graxa para que poida ser lavada. Investigadoras da Facultade de Ciencias do campus de Ourense traballan desde 2013 no proxecto europeo HotDrops. Nel, catro universidades e catro empresas buscan novas enzimas termofílicas, que actúan a altas temperaturas e son máis resistentes a condicións extremas, para aplicacións industriais tomando como punto de partida o ADN de microorganismos presentes en augas e solos de fontes termais de Ourense.

José Berenguer, coordinador do proxecto, con outros investigadores en Ourense.
José Berenguer, coordinador do proxecto, con outros investigadores en Ourense.

O proxecto está financiado polo 7 Programa Marco da Unión Europea, concretamente pola convocatoria Marie Curie academia-industria. O líder é a Universidade Autónoma de Madrid, estando como socias as universidades de A Coruña, Cambridge e Vigo e as empresas Galchimia, Biochemize, Droptech e Novozymes, o principal provedor de enzimas do mercado. O equipo da Universidade de Vigo está encabezado por María Luisa Rúa e formado tamén por Ana Torrado, investigadoras do Laboratorio de Bioquímica da Área de Nutrición e Bromatoloxía. Este xoves e venres, os membros do proxecto, encabezados por José Berenguer, coordinador de HotDrops, danse cita no I Encontro AgroBiotech que se celebra no Parque Tecnolóxico de Ourense, onde presentan o seu proxecto, que ten unha duración de catro anos, ao sector como exemplo de colaboración entre investigación e empresa no eido biotecnolóxico.

Actualmente, buscan microorganismos nas fontes termais do río Caldo, en Lobios

O interese nas fontes termais como fontes de enzimas, explican os membros do proxecto, parte do feito de que as enzimas presentes en organismos de altas temperaturas son enzimas preparadas para actuar a altas temperaturas. Estas enzimas, apuntan, poden empregarse en procesos industriais que requiren altas temperaturas ou en procesos que non requiren altas temperaturas pero nos que tamén se empregan porque estas enzimas teñen unha vida útil máis prolongada, un factor moi importante en aplicacións industriais a grande escala. As enzimas, lembran, teñen un custe significativo pero tamén teñen un elevando potencial porque “non teñen os problemas de toxicidade doutros catalizadores químicos e son catalizadores moito máis eficientes e específicos”.
Segundo explican as investigadoras ourensás, buscarán e seleccionarán enzimas para posteriormente levar a cabo a produción e caracterización dos compostos proteicos seleccionados para unha aplicación industrial. Actualmente, sinalan, atópanse no proceso de selección de enzimas a partir de bancos de ADN, concretamente de ADN procedente de microorganismos presentes nas augas e solos de fontes termais do río Caldo, en Lobios. Neste proceso, indican, é especialmente interesante a obtención de lipasas, proteasas, celulasas e outras enzimas de interese industrial. Entre as primeiras seleccionadas polas investigadoras ourensás están precisamente lipasas, que son de utilidade nun amplo abano de eidos, desde produtos farmacéuticos ata biodiesel.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un enzima do champiñón é eficaz para combater a hepatite C

Investigadores españois descobren a acción antiviral do cogomelo, que podería contribuír ao desenvolvemento de novas terapias

Arden máis de 8.000 hectáreas en 48 horas en Ourense nos maiores incendios desde 2017

Os incendios de Lobios, no parque natural do Xurés, e os de Vilariño de Conso, superan as 2.000 hectáreas, por riba dos maiores dos últimos tres anos

O vídeo do accidente do hidroavión contra incendios en Lobios

Un falecido e dous heridos con politraumatismos no sinistro da aeronave cando traballaba na extinción dun lume na fronteira con Portugal

Baixa Limia-Serra do Xurés: pura vida na raia seca

Este espazo protexido, que abrangue case 30.000 hectáreas na zona galega, é un compendio de historia, natureza e paisaxes de gran beleza