A hostalaría galega recupera os horarios habituais por primeira vez dende a pandemia

Despois de dous anos de restricións na hora de peche, o ocio nocturno en Galicia volve á normalidade

A Xunta eliminará os límtes de comensais por mesa na hostalaría.
A Xunta eliminará os límtes de comensais por mesa na hostalaría.

Os casos activos seguen baixando de forma paulatina. Este é un dos motivos que levou á Xunta de Galicia a pór fin ás restricións horarias na hostalaría, que poderán funcionar segundo as limitacións da súa licencia. A recuperación dos horarios prepandemia para este sector entrarán en vigor na madrugada deste sábado 12 de febreiro.

Os datos da comunidade galega baixan a un total de 49.182 pacientes coa infección activa, con 3.787 novos casos abertos nas últimas 24 horas. Non obstante, o número de persoas hospitalizadas mantense elevado, con 635 pacientes en planta e 47 en coidados intesivos.

“A taxa de contaxios está diminuíndo lentamente, pero hai que mentalizarse que imos ter que convivir coa covid os próximos meses”, indica a doutora María del Mar Tomás Carmona, do departamento de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e portavoz da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC).

Fin das restricións horarias en hostalaría

Acabáronse as restricións horarias en Galicia para a hostalaría e o ocio nocturno, así o anunciou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Ata o de agora, bares, restaurantes e cafeterías podían abrir ata a 1,00 horas durante a semana e ata as 1,30 as fins de semana. Pola súa banda, pubs e discotecas tiñan pactado o peche para as 4,00 horas entre semana e ás 5,00 as fins de semana. Non obstante, a partir deste sábado todos os locais do sector recuperarán o seu horario de peche prepandemia.

A partir deste sábado todos os locais do sector hostaleiro recuperarán o seu horario de peche prepandemia

Outra das medidas anunciadas é que polo momento seguirá en vigor o uso do certificado covid. A Xunta solicitou a ampliación de dúas semanas a vixencia do documento nos ámbitos en que actualmente está implantado, incluído en hostalaría, para o consumo no interior de establecementos. O sector hostaleiro solicitou que non se prorrogase esta obrigatoriedade, apelando a que era unha sobrecarga de traballo para pequenas e medianas empresas, a maiores de ser unha medidade que xa non estaba vixente na maior parte das comunidades autónomas.

Tres posibles escenarios

O anuncio destas medidas chega após do pronunciamento da Organización Mundial da Saúde (OMS) sobre a evolución da pandemia, agora que xa comezamos a dobregar a sexta onda. Dende a institución barállanse tres posibles escenarios, co obxectivo de facerlle fronte á incerteza. A primeira posibilidade é que haxa unha continuación da situación actual, é dicir, alta transmisión do virus pero sen provocar excesivos casos graves. A segunda opción contempla unha gripalización da covid, e por tanto, cunha xestión similar á que se leva a cabo coa gripe.

E un tercer escenario que se fai eco da posibilidade de que xurdan novas variantes do coronavirus que poidan volver a provocar unha situación comparable á de 2020. “Como ninguén sabe como vai evolucionar o virus nos próximos meses, hai que formular diferentes alternativas para poder ter plans de continxencia”, sinala María Tomás. E engade que aínda que a teoría di que os virus tenden a evolucionar con menor virulencia, non se pode descartar que en persoas inmunodeprimidas xurdan novas variantes que sexan máis perigosas.

A comunidade científica non descarta que a partir de ómicron poidan aparecer novas variantes moi diferentes ás iniciais. E por tanto, a doutora en microbioloxía incide na importancia de formular vacinas universais ou pancoronavirus que cubran máis variantes. E engade: “Hai que poñerse en todas as situacións posibles para non ir por detrás do virus e ser capaz de adiantarnos a futuros escenarios”.

Ómicron silenciosa

A subvariante BA.2 coñecida como “ómicron silenciosa” rexistrouse por primeira vez na depuradora das augas residuais dos concellos de A Coruña, Culleredo, Arteixo, Cambre e Oleiros, que analiza o equipo de CovidBens. A súa primeira aparición tivo lugar nas mostras recollidas entre o 17 e o 21 de xaneiro. Posteriormente, o 5 de febreiro o Servizo Galego de Saúde notificaba o primeiro caso de infección por esta subvariante en Galicia.

Foi o laboratorio de microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo o que deu a alerta, xa que o caso correspondía a un paciente desa mesma área sanitaria. A este respecto, María Tomás comenta que o motivo polo que a ómicron silenciosa pode reinfectar bastante é porque afecta ao tracto respiratorio superior, entón non produce a mesma inmunidade que as variantes iniciais que afectaban a nivel sistémico. “Unha persoa que pasara a infección pode volver reinfectarse relativamente pronto con outras variantes ou subvariantes de ómicron, aínda que en principio con cadros máis leves”, indica.

Como actuar

Pouco a pouco, as medidas de restrición da covid vanse suavizando. Exemplo disto son a eliminación das restricións horarias en hostalaría a partir de sábado e a fin da prohibición do uso das máscaras en exteriores -mantendo alguhas excepcións- que entra en vigor este xoves 10 de febreiro. Non obstante, e mentres non caian os contaxios, María Tomás recomenda non abandonar as medidas de prevención: uso da máscara en interiores, distancia social e intentar que as interaccións sociais sexan no exterior.

María Tomás: “O que se debería facer agora é coidar ás persoas máis vulnerables, centralizar todo o esforzo no diagnóstico e atención terapéutica neste colectivo”

Doutra banda, tamén considera que se deben finalizar o antes posible as campañas de vacinación, sobre todo en crianzas, para ter xa a toda a poboación con dobre dose. Neste momento Galicia conta xa co 81,9 % dos menores con idades comprendidas entre 5 e 11 anos con alomanos unha dose da vacina contra a covid. Segundo María Tomás: “O que se debería facer agora é coidar ás persoas máis vulnerables, centralizar todo o esforzo no diagnóstico e atención terapéutica neste colectivo”. E engade que se están desenvolvendo novos tratamentos contra a covid cun perfil moi interesante, como Evusheld, de AstraZeneca, que combina dous anticorpos monoclonais moi potentes, e que con dúas pinchas pode protexer da infección por seis meses a pacientes inmunodeprimidos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.