Venres 26 Abril 2024

Certezas e incertezas ante a hepatite de orixe descoñecida que xa afecta a nenos en Galicia

A maior exposición a patóxenos despois da eliminación das restricións, un adenovirus máis agresivo e un virus sen identificar son as principais hipóteses

A comezos de abril saltaron as alarmas. O Reino Unido notificou un aumento de casos de hepatite aguda de orixe descoñecida en nenos menores de 10 anos, todos eles procedentes de Escocia. Tan só uns días máis tarde, o 12 de abril, o país anglosaxón rexistraba máis de 60 noutros puntos da súa xeografía, cunha maioría de infectados entre os 2 e os 5 anos. Agora, os casos xa se espallan por outros países de Europa, entre eles España, que xa rexistra cinco casos. Dous deles en Galicia, segundo notificou onte a Consellería de Sanidade. Un dos pacientes evoluciona favorablemente e o outro xa pasara a enfermidade no mes de xaneiro. Pero a causa da súa hepatite segue a ser descoñecida.

A alerta sanitaria está activa en Galicia dende o 14 de abril, momento no que o Ministerio de Sanidade informara de tres casos detectados en Ciudad Real, Madrid e Aragón. Todos eles presentaban sintomatoloxía similar e, ademais, un dos pacientes requiriu dun transplante de fígado. Segundo informou onte o Sergas, e debido á activación da alerta sanitaria, comezou unha busca activa de casos, tamén con carácter retroactivo. De aí que o primeiro de hepatite aguda infantil se detectara nun paciente que xa pasara a enfermidade no mes de xaneiro e que, ademais, tivo unha evolución positiva.

Publicidade

Hai cinco casos en España e un deles precisou dun transplante de fígado

A Consellería de Sanidade enfatiza que, de momento, a causa da doenza non está clara e a súa orixe segue a ser descoñecida. Dende o Centro Europeo para a Prevención e o Control de Enfermidades (ECDC, polas súas siglas en inglés) consideran que o máis probable é que se trate dunha causa infecciosa. Unha hipótese que sostén o equipo de investigadores do Reino Unido que están a facer o seguimento dos máis de 70 casos que xa se rexistraron no seu país. De feito, fan fincapé en que o estudo das características, tanto clínicas como epidemiolóxicas, dos pacientes apuntan a un axente infeccioso como causante directo.

Varias hipóteses

De momento, a información é escasa e dende os organismos implicados na investigación non trascenderon máis datos. Malia isto, estanse alzando algunhas voces de expertos españois que tratan de lanzar luz sobre o asunto. Unha delas é a presidenta da Sociedad Internacional de Trasplante Hepático, Marina Berenguer Haym, que está en contacto cos médicos británicos que están a estudar o caso: “Barallan varias hipóteses. Unha delas é que coincide coa eliminación das restricións covid. Os nenos estiveron máis protexidos, con máscaras, e de feito levamos dous anos case sen ver nada disto. Pode ser que agora haxa unha acumulación de casos relacionados coa maior exposición actual”.

Pode haber unha relación dos casos coa eliminación das restricións covid e unha maior exposición aos virus

A investigadora, que tamén pertence ao Centro de Investigación Biomédica en Red de Enfermedades Hepáticas y Digestivas (CIBEREHD) e traballa no Hospital Universitario y Politécnico La Fe, engade que os médicos británicos tamén van comparar os datos epidemiolóxicos de 2018 e 2019 nestes meses, para comprobar se efectivamente hai un pico agora. Berenguer Haym advirte, nas declaracións recollidas polo Science Media Centre España, de que a investigación pode durar semanas.

Unha das causas que se barallaba estaba relacionada coa covid. É dicir, que a hepatite puidese ser unha secuela da infección por SARS-CoV-2. Berenguer Haym apuntan que “non parece unha causa probable”, posto que só algúns dos casos rexistrados deran positivo. A este respecto, o microbiólogo Ignacio López-Goñi apunta á posibilidade de que o coronavirus deixara os nenos máis vulnerables a outras infeccións, tal e como recolle nun artigo publicado no blog MicroBIO e en The Conversation. “Tampouco se pode descartar unha posible complicación ou secuela da covid”, engade.

O adenovirus, posible causa

Outra das hipóteses é que se deba a un adenovirus. Berenguer Haym asegura que xa se detectou nalgúns pacientes, pero que este tipo de virus son moi habituais en nenos, polo que poderían non ser a causa da doenza. López-Goñi, pola contra, asegura que o adenovirus é a hipótese que, de momento, parece “máis probable” para algúns investigadores. De feito, fai fincapé en que a metade dos casos deron positivo en adenovirus. Outras opcións, sempre vinculadas á esta hipótese, é que haxa unha variante de adenovirus máis agresiva ou que sexa un virus común que agora ten máis impacto no sistema inmunóloxico dos nenos pola falta de exposición a outros patóxenos debido ao confinamento e outras medidas derivadas da pandemia; unha hipótese que Berenguer Haym tamén poñía sobre a mesa.

O adenovirus parece a hipótese “máis probable” para algúns investigadores

Por último, entre as posibles causas, López-Goñi engade: “Tampouco podemos descartar que a causa sexa un virus aínda sen identificar“. O certo é que as investigacións continúan e, pese as hipóteses, non hai unha causa certa. A orixe, ata que non haxa estudos máis concluíntes, é de orixe descoñecida. De todas formas, hai causas xa descartadas que enumera López-Goñi no seu artigo. Entre elas, un efecto secundario das vacinas de covid, dado que os afectados non estaban vacinados; a orixe bacteriana; e os virus da hepatite A, B, C e E porque ningunha mostra deu positivo.

Segundo traladou o ECDC nun comunicado, os casos de hepatite aguda rexistrados no Reino Unido presentaban niveis elevados de encimas hepáticos e moitos casos presentaban ictericia. Amais disto, os pacientes tiveron síntomas gastrointestinais, como dor abdominal, diarrea e vómitos nas semanas anteriores e a maioría dos casos non tiñan febre. O ECDE tamén salienta que algúns dos pacientes requiriron atención en unidades hepáticas infantís e que algúns casos, aínda que foron poucos, tiveron que someterse a un transplante de fígado. De feito, precisouno un dos casos rexistrados en España.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses