Os virus respiratorios, agás o coronavirus, permaneceron aletargados nos últimos dous anos e medio. A crise sanitaria causada polo SARS-CoV-2 agochou vellas coñecidas, como a gripe. Pero agora, tras recuperar a normalidade, as infeccións respiratorias chegan con máis forza. Segundo a última actualización da Consellería de Sanidade, xa hai 36 persoas ingresadas por gripe e outras 203 de covid. Dende o Sergas puntualizan esta última cifra, asegurando que só o 30% —é dicir, unhas 60 persoas— están hospitalizadas por coronavirus mentres que o 70% restante se corresponde con pacientes ingresados por outras doenzas pero igualmente positivos en SARS-CoV-2.
“Os números non son alarmantes”, asegura a inmunóloga África González, catedrática da Universidade de Vigo. A situación respecto aos dous anos anteriores cambiou por varios motivos, entre os que a experta enumera a retirada das máscaras e a fin das restricións. Un escenario propicio para que volvan aparecer e conflúan virus respiratorios xa coñecidos como a gripe, o virus respiratorio sincitial, os adenovirus e os rinovirus. Amais disto, o frío é un caldo de cultivo para estes patóxenos. “As baixas temperaturas afectan as mucosas e provocan que os virus se adhiran máis a elas e poidan penetrar máis facilmente”, explica González, dando a entender o motivo polo que os meses máis fríos se asocian sempre cos virus respiratorios máis comúns.
“As baixas temperaturas afectan as mucosas e provocan que os virus poidan penetrar con máis facilidade”
ÁFRICA GONZÁLEZ, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo
Segundo a inmunóloga, outro factor clave é a falta de exposición a estes patóxenos nos últimos dous anos, o que aumenta a susceptibilidade da poboación e, sobre todo, daquelas persoas que adoitan ter problemas respiratorios cando chega o frío. Este aumento das infeccións, antes habitual, chama a atención porque rompe coa tendencia á que xa estabamos acostumados. “Houbo moito coronavirus circulando e produciuse certo desprazamento dos virus respiratorios. Pero antes da pandemia todos tiñamos algún arrefriado en inverno. Había pais que en canto levaban os nenos á gardería xa estaban continuamente enfermos. Pero como esta situación cambiou nos últimos anos, xa se nos esqueceu o que acontecía antes”, reflexiona González, instando á calma.
Adianto da tempada gripal
“Unha das grandes protagonistas da tempada invernal é, sen dúbida, a gripe. Malia que pasou desapercibida nos últimos anos, agora volve infectar coa súa forza habitual. “O seu pico adoita vir en xaneiro pero este ano adiantouse, tal e como xa acontecera en Australia. Isto pillounos un pouco por sorpresa, coa campaña de vacinación contra a gripe aínda en marcha e sen rematar”, continúa explicando a científica. González aduce que este anticipo se debe, de novo, ao pouco exposta que estivo a poboación á gripe nos últimos anos. Como circulou moi pouco, o virus aparece e xa infecta e contaxia. “Esa semella ser a explicación máis lóxica”, insiste a investigadora da UVigo. González engade que está circulando, sobre todo, a gripe A xunto con outras cepas.
“O pico da gripe adoita producirse en xaneiro pero este ano adiantouse”
ÁFRICA GONZÁLEZ, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo
A este respecto, a inmunóloga pide non baixar a garda, dada a gravidade que pode desencadear unha infección gripal. “Hai que ter especial coidado cos nenos e coas persoas maiores porque pode ser a antesala dunha neumonía“, indica. E fai especial fincapé nos cativos máis pequenos, que nunca estiveron expostos á gripe por ter nacido en pandemia: “Poden ter problemas serios”. De todas formas, a recomendación de vacinarse contra a gripe non se estende a toda a poboación, senón aos maiores de 65 anos e, agora, tamén se está fomentando a inmunización dos nenos. Tamén sería aplicable a persoas con patoloxías crónicas e aos conviventes con pacientes inmunodeprimidos.
Posible incremento de casos

As cifras, de momento, non son preocupantes pero si cabe esperar un repunte dos casos en xaneiro. Ese é o prognóstico de González, quen explica que este aumento se debe principalmente á chegada do frío e á tempada máis forte da gripe. “Penso que despois os números irán baixando na meirande parte dos virus respiratorios. A covid non, quedará con nós todo o ano. Poden xurdir novas variantes pero xa levamos moitos meses con ómicron e coas súas subvariantes. Non xorden cambios moi espectaculares e iso é moi boa noticia”, explica González, insistindo en que os datos, sobre todo os relativos ás infeccións por coronavirus, entran dentro do esperable para esta época do ano.
A este respecto, a inmunóloga menciona unha variante covid —que en realidade semella ser un híbrido— que está a circular nos países asiáticos. Denomínase XBB pero é coñecida comunmente como o pesadelo. “Incrementáronse os casos en moi pouco tempo pero tamén diminuíron e a Organización Mundial da Saúde non o ve como algo realmente preocupante”, insiste. Ademais, González trata de insuflar calma ao recordar que a meirande parte da poboación está vacinada fronte á covid. “Temos memoria inmunitaria e aínda que se perda algo de resposta nunca vai ser como partir de cero”, indica. Engade, tamén, que en termos xerais as infeccións por SARS-CoV-2 van ser “bastante leves”. “Estamos vendo o que era previsible dende hai tempo. Cantos máis inmunizados polas vacinas e pola propia infección, máis contaxioso e menos virulento será o patóxeno”, apunta.
“Temos memoria inmunitaria contra a covid e nunca vai ser como partir de cero”
ÁFRICA GONZÁLEZ, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo
Finalmente, a pandemia e a crise sanitaria familiarizou á poboación cos tests de antíxenos e o autodiagnóstico rápido e fiable. Agora hai novos produtos dispoñibles nas farmacias que non só detectan a covid, senón que discirnen entre unha infección por SARS-CoV-2 e outra gripal. “Aínda que en moitos casos o tratamento pode ser parecido sempre que a enfermidade curse de maneira leve, é importante para o paciente saber que ten e quedar tranquilo”, explica González. As recomendacións poden ser aplicables a calquera proceso causado polos virus respiratorios, como a toma de moitos líquidos e repouso. De todas formas, a inmunóloga pon o foco nas sobreinfeccións. “Se dura moito tempo ou empeora, o pulmón pode estar moi cargado e hai que dar antibiótico porque, ao mellor, tamén hai infección bacteriana”, conclúe.














