Venres 19 Abril 2024

Héctor Álvarez, especialista en física nuclear: “A nova fusión é un progreso histórico”

O investigador principal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías ensalza a potencialidade do logro científico pero advirte que a súa comercialización “aínda queda lonxe”

O Goberno de EEUU confirmou este martes que os seus científicos lograron unha fusión nuclear con ganancia neta de enerxía, o que posibilita unha produción menos custosa e menos contaminante co medioambiente. Trátase dun proceso que usa ao sol e as estrelas para xerar enerxía máis limpa e máis barata, e que algún día podería proporcionar unha fonte barata de electricidade. Para ver as potencialidades deste achado, GCiencia falou con Héctor Álvarez Pol, investigador principal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

—Dende o seu punto de vista como investigador principal no IGFAE, que supón este logro no desenvolvemento da produción de enerxía mediante fusión nuclear?

Publicidade

—Pois é un fito máis no camiño que hai que percorrer. Acábase de conseguir un dos puntos necesarios neste proxecto a longo prazo. Esta vez, parece que están certos de que conseguiron producir máis enerxía da que meteron no sistema de fusión nuclear. Digo isto porque, hai algo máis dun ano, anunciaran algo parecido e resultou non ser tal na análise dos datos. De feito, segundo os números que expuxeron na rolda de prensa, conseguiron case un 50% de enerxía máis da que puxeron. Pero incluso estes números que fixeron públicos están a ser sometidos a revisión por pares e non sabemos aínda se se confirmarán exactamente.

—Nese sentido, nos últimos anos teñen habido moitos avisos grandilocuentes de fitos históricos sobre a fusión nuclear. Pode que haxa algo de sensacionalismo?

—Non sei se sensacionalismo. Realmente, hai moito progreso e progreso histórico. Levamos 60 anos dende a idea inicial ata agora. Hai evolución. O que ocorre é que, de cando en vez, está ben dar unha visión cara fóra coa prensa para contar fitos coma este que son moi relevantes. Son pequenos pasos cara o que será un aproveitamento comercial desta enerxía. Pero iso será dentro de décadas. Que ese tempo sexa pouco ou moito vai depender do desenvolvemento dunha tecnoloxía extremadamente complexa.

—Cre que este fito vai ter grandes implicacións nos laboratorios de todo o mundo?

—Non creo que sexa así. Temos que pensar que esta tecnoloxía é extremadamente complexa e cara. Trátase dun laboratorio nacional de moitos miles de millóns de euros investidos. Só hai dos no mundo con capacidade para facer algo así. Este de Lawrence Livermore en California e un en Francia, chamado Megajule que aínda está en fase de desenvolvemento. Non hai no mundo esa capacidade de xerar láseres de tan alta potencia. Son moitos anos de desenvolvemento de tecnoloxía nuclear que, ademais, é de acceso reservado en moitos casos. Neste centro americano, tamén se fan probas asociadas a armas nucleares. Outra razón pola que os franceses teñen un laboratorio deste estilo. Cómpre non esquecelo.

—É unha grande coincidencia que se fagan públicos estes resultados nun momento de tensión xeopolítica na que a enerxía está no centro?

—Penso que non ten relación. En realidade, esta xente non está a dicir que vaia producir enerxía con este sistema en décadas. É un fito necesario, pero só é un chanzo no camiño. A aplicación comercial está a décadas. A presión que ten esta xente para conseguir resultados imaxino que é homoxénea no tempo.

—Hai unha analoxía que se está a facer en tódolos medios de comunicación e incluso dende o propio Goberno dos EE UU, a de que “conseguiron emular unha estrela”. É atinada a comparación?

—Basicamente, si. Todo isto son reaccións de fusión nuclear. A fusión que se produce co deuterio e o tritio para formar un núcleo de helio é semellante á que acontece no núcleo das estrelas. Algún dos procesos nucleares que acontecen nos núcleos das estrelas son os que se pretenden recrear.

—Como están a vivir este achado no IGFAE? Supoño que non pasou desapercibido.

—Para nada. Aínda que ningún de nós traballa directamente en temas de fusión. No noso grupo de nuclear si que hai xente traballando en fisión, pero tentamos seguir todo o que se fai no campo da enerxía nuclear. Máis ben traballamos en temas de investigación básica para coñecer a estrutura da materia nuclear. Coñecer como actúan os nucleóns dentro dos propios núcleos. E aínda que non estamos traballando directamente en fusión, en láser si. Temos un laboratorio aquí no IGFAE o que pasa é que ten outra enerxía e leva outro tipo de proxectos máis destinados a producir, por exemplo, isótopos radioactivos que teñan utilidade médica ou para acelerar partículas en medios nos que se forma un plasma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos detectan dunha colisión entre dous obxectos a 650 millóns de anos luz

A observación das ondas gravitacionais destes elementos cósmicos fai sospeitar que o máis lixeiro é unha estrela de neutróns e o máis pesado un burato negro

A USC contribúe nunha nova técnica para estudar reaccións nucleares en explosións estelares

O investigador Yassid Ayyad desenvolveu parte da análise neste traballo internacional que se publica na revista ‘Physical Review Letters’

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria

O Shazam das ondas gravitacionais ten acento galego

Un traballo liderado por Juan Calderón "dálle a volta á tortilla" aos complexos cálculos necesarios para obter información destes eventos