Venres 29 Marzo 2024

“Premian a excelencia e logo bótannos á rúa”

O ano pasado, Guillermo Pousada presentou a súa tese de doutoramento na Universidade de Vigo. Levaba por título Bases moleculares da hipertensión arterial pulmonar: caracterización molecular e funcional, e foi dirixida por Diana Valverde, profesora de Bioquímica e Bioloxía Molecular. Este traballo, que afondaba na orixe xenética desta doenza rara, recibiu o sobresaliente cum laude e foi recoñecido como a mellor tese do ano 2016 da UVIgo no eido das Ciencias Biomédicas.

Ademais, un artigo baseado na súa tese acaba de ser publicado na prestixiosa revista Scientific Reports, do grupo Nature. Estes recoñecementos súmanse aos galardóns recibidos nos últimos anos polo grupo de Xenética Humana da UVigo, que lidera a investigación sobre a hipertensión arterial pulmonar (tamén coñecida polo acrónimo HAP) en España. Entre outros premios, o equipo que dirixe Diana Valverde foi premiado polo mellor artículo de ciencia básica no ano 2014 na revista Archivos de Bronconeumología e pola mellor comunicación oral nos congresos BioIntegra Saúde 2015 e SEPAR 2016.

Publicidade

Guillermo Pousada, con Diana Valverde, directora da súa tese.
Guillermo Pousada, con Diana Valverde, directora da súa tese.

Porén, Guillermo leva xa medio ano no paro e sen posibilidade inmediata de volver ser contratado pola UVigo. “Premian a excelencia académica e logo bótannos á rúa sen darnos unha oportunidade”, lamenta. “E iso que, no meu caso, durante a tese tiven sorte“.  Encadeou varios contratos temporais que lle permitiron seguir adiante. Con todo, “moita xente ten que facer a tese sen financiamento, e non lle queda máis remedio que deixar a investigación ou irse ao estranxeiro para atopar un traballo decente”, lamenta Pousada, que é licenciado en Bioloxía, máster en Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida e posgraduado no Certificado en Xenética Médica, título propio da Universidade de Valencia.

Mentres segue á procura de traballo e financiamento para continuar a súa carreira, seguen chegando os recoñecementos. O traballo de Guillermo no tratamento da HAP destaca pola relevancia que podería ter para mellorar a esperanza e a calidade de vida dos pacientes. A HAP é unha doenza rara, cunha prevalencia de 15 a 50 afectados por cada millóns de habitantes.

Na súa investigación, Guillermo Pousada emprega por vez primeira a técnica “Minigene Assay” na hipertensión arterial pulmonar. Con este procedemento “é posible coñecer cómo as mutacións afectan ao mecanismo de corte e empalme das proteínas”, segundo explica o científico. Non en tanto, é un procedemento complexo porque “dura mes e medio, ten múltiples pasos e só ao final se pode saber se todo se fixo ben”. Para aprender esta técnica, Guillermo realizou unha estadía de catro meses no IIS-La Fe de Valencia nun grupo coordinado polo doutor José María Millán.

No artigo publicado en Scientific Reports, realizado en colaboración co grupo de Genética y Genómica do Centro de Investigación Príncipe Felipe de Valencia, Guillermo e o resto de asinantes afondan na localización subcelular da proteína BMPR2. “O estudo da localización subcelular axudounos a entender o que pasa a nivel proteico cando o xen é portador dunha mutación patoxénica”. Engade que “nos casos normais, a BMPR2 está na membrana plasmática e na rexión máis próxima ao núcleo da célula. En cambio, vimos que moitas mutacións causan unha deslocalización da proteína, que neste caso se sitúa no citoplasma”.

A investigación podería mellorar a calidade e a esperanza de vida dos enfermos de HAP

O artigo é pioneiro debido a que, por primeira vez “analízase como as mutacións de pacientes con HAP producen cambios no corte e empalme das proteínas. Nunca se comprobara antes. Ademais, confirmamos que as mutacións sinómicas axudan ao desenvolvemento da enfermidade. Este feito xa fora descrito para outras patoloxías xenéticas, pero nunca na HAP. Os pacientes portadores das mutacións desenvolven a enfermidade 10 anos antes que os doentes que non teñen estas mutacións”.

Grazas a este avance, poderá facerse un diagnóstico molecular dos pacientes antes de que aparezan os primeiros síntomas. “Ata agora, só se pode diagnosticar nun estado avanzado e polo tanto, o tratamento xa non é eficaz e os pacientes morren aos poucos anos. Ao facelo antes, poderíase medicar antes aos enfermos e aumentaríase a esperanza e a calidade de vida“.

Por tanto, é un campo de investigación que aínda ten moito traballo por diante. “As posibilidades son infinitas“, di Guillermo. “Agora que xa coñecemos o impacto das mutacións nos pacientes queremos coñecer como as mutacións afectan á expresión xénica. Tamén estaría ben analizar as diferentes rutas de sinalización das proteínas implicadas”, explica.

Non en tanto, e mentres non teña oportunidade de seguir traballando, todo está parado. “A única opción que nos queda é irnos ao estranxeiro para que valoren o noso traballo, que nos recoñezan e nos axuden a seguir traballando no noso”, lamenta.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento