O 4 de febreiro celébrase o Día Mundial contra o cancro.
O 4 de febreiro celébrase o Día Mundial contra o cancro.

Un 45% do gasto en cancro recae no paciente e a súa familia

Un informe da Asociación Española Contra o Cancro estima que o conxunto destas doenzas supón un custo de 19.300 millóns cada ano

De cada euro que o tratamento do cancro e os custos asociados implican, 45 céntimos son asumidos polas familias, mentres que o resto, o 55%, pouco máis da metade, é o gasto que asume o sistema sanitario. Son as cifras dun informe que presentaron este luns a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) e a consultora Oliver Wyman, co gallo do Día Mundial do Cancro, este 4 de febreiro.

Por comparar nun contexto autonómico, o custo calculado para o conxunto de España, 19.300 millóns, supón un 180%, preto do dobre, do orzamento total da Xunta de Galicia en 2018. Con esta estimación, segundo apunta a AECC, o cancro pódese considerar como o problema sanitario, social e económico máis importante que ten o noso país.

Cada ano diagnostícanse uns 275.000 casos novos e existen arredor de 1,5 millóns de persoas afectadas por esta enfermidade. A metade dos homes e un terzo das mulleres será diagnosticado con algunha das variables da doenza durante a súa vida. Con informe presentado este luns, a AECC realiza unha aproximación dos custos económicos do cancro, tanto sanitarios, como familiares, sociais e laborais, alén da dor, sufrimento e impacto vital que supón a doenza.

Cada ano diagnostícanse uns 275.000 casos novos e existen arredor de 1,5 millóns de persoas afectadas

Sábese que detrás da enfermidade hai uns custos para as persoas en dor, sufrimento e mortes en moitas ocasións innecesarias e, agora, por primeira vez, realízase unha aproximación ao que custa o cancro a través de tres grandes tipoloxías: custos directos médicos (derivados do tratamento, seguimento, farmacia e parafarmacia e atención médica adicional pagados polo paciente, así como coidados paliativos e preservación da fertilidade); custos directos non médicos (transporte, comida, aloxamento, equipamento e obras de casa, así como coidados e transporte a radioterapia que achega o Estado e as Administracións Autonómicas) e custos indirectos (perda de ingresos de pacientes activos e da súa familia, así como perda de produtividade como consecuencia directa do cancro ou por morte prematura).

Unha das conclusións que se extraen do informe é que o impacto económico da enfermidade varía notablemente en función da tipoloxía do cancro, sendo os máis custosos os catro tipos de tumores de maior incidencia: colorrectal (2.500 millóns), mama (2.200 millóns), próstata (1.000 millóns) e pulmón (2.100 millóns). Outro dato importante é que a poboación en idade laboral supón o 40% da incidencia e o 62% do impacto económico.

Segundo Mario Ezquerra, consultor de Oliver Wyman “o estudo amplifica as metodoloxías utilizadas en informes anteriores desta natureza. Ao partir de datos de incidencia de cancro segmentados en varias dimensións (idade, tipo de cancro, …) e considerar elementos que anteriormente eran dificilmente cuantificables (incorporando datos recentes da AECC e outras fontes), permítenos achegar unha visión máis ampla do impacto económico do cancro en todos os seus niveis e de forma máis granular”.

Noema Paniagua, directora xeral da AECC, sinala que é “preciso reducir estes custos no medio/longo prazo, pero non podemos esquecer que hai que traballar no presente para evitar que os custos do cancro provoquen extrema vulnerabilidade nas persoas que o padecen”.

A maior parte do custo prodúcese no primeiro ano da enfermidade, continuando o gasto nos anos seguintes e este mantense para as familias en moitas ocasións de maneira permanente e, noutras, durante os 5 anos ata que se considera á persoa como sobrevivente.

Con esta situación, hai diversos factores que poden contribuír á redución dos custos do cancro. A prevención e a detección precoz pasan por ser unha opción que o país debería considerar para abordar de maneira inmediata o gasto que xera a enfermidade.

Tendo en conta que as recomendacións que realiza a Organización Mundial da Saúde (OMS) son que entre o 30% e o 50% dos casos de cancro poderíanse evitar con estilos de vida saudable e coa implementación dos programas de cribado, estímase que ao redor de 9.000 millóns de euros poderíanse reducir dos custos globais do cancro.

Neste sentido, se se interviñese nos hábitos de vida saudables, a redución do custo sería significativa. Por exemplo, eliminar o consumo de tabaco (evitaría o 30% dos casos de cancro e un aforro de 5.700 millóns), eliminar o consumo de alcol (evitaría o 7% dos casos de cancro e un aforro aproximado de 1.300 millóns); e reducir a obesidade (evitaría case o 4% dos casos e un aforro duns 770 millóns).

Alén disto, en España hai implantados 3 programas de cribado para os cancros de mama, colon e cérvix. Segundo os resultados do informe, un cancro metastásico de mama (máis de 200.000 euros) custa case 4 veces máis que un cancro detectado en estadio local e un de colon (case 150.000 euros) ata 3 veces máis. De establecerse programas de cribado en todo o territorio español para as persoas en idade de risco, estímase que se podería chegar a unha redución dos custos en máis de 1.000 millóns de euros.

Ante esta situación, desde a AECC queren que se asuma o reto de “diminuír considerablemente o impacto do cancro na seguinte xeración e para iso debemos empezar a ver a enfermidade como un problema sanitario, social e económico que hai que corrixir entre todos e desde todos os ámbitos sociais. Non hai que esquecer que grazas á prevención poderiamos evitar 55.000 mortes anuais“. 


Aquí podes consultar o informe e demais datos da AECC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.