A esteatose, tamén coñecida como fígado graxo, é unha enfermidade producida para acumulación de graxa no fígado, e adoita estar acompañada por procesos inflamatorios. É a primeira etapa dunha doenza que pode derivar, en sucesivas fases, na esteatohepatite, fibrose, cirrose e cancro de fígado. Adoita aparecer asociada á obesidade e á diabete tipo II. O grupo de Metabolismo Molecular da Universidade de Santiago de Compostela, que dirixe o profesor de Fisioloxía Rubén Nogueiras, acaba de acadar un importante avance neste senso. Os científicos descubriron que dúas proteínas, p53 e p63, regulan a cantidade de graxa que se acumula no fígado, polo que poderían ser empregadas como dianas contra a esteatose.
Estas proteínas xa se empregaban como supresoras tumorais, e coñecíase a súa capacidade como factores de transcrición. Amais, sabíase que regulan o ciclo de desenvolvemento celular e que son indutores da morte celular programada, mais “o seu labor no metabolismo é practicamente descoñecido”, segundo sinalaron á USC Rubén Nogueiras e a primeira asinante do traballo, Begoña Porteiro.
O mesmo grupo xa acadou hai uns meses novos avances contra a esteatohepatite
A investigación, que foi publicada na prestixiosa revista Nature Communications, revela a posibilidade de reverter en modelos animais a esteatose, activando a proteína p53 e inhibindo a p63 (en concreto, unha isoforma chamada TAp63). Estas dúas intervencións reducen a acumulación de graxa no fígado, dado que diminúen o proceso de síntese dos lípidos. Os científicos galegos engaden ademais que, despois de corroborar este proceso en células hepáticas de orixe humana, os resultados poden ser clinicamente relevantes. Tamén asinan o traballo invesigadores do Center for Cooperative Research in Biosciences do País Vasco (CIC Biogune), do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Hepáticas e Dixestivas (CIBERehd), do Hospital Universitario de Salamanca e da Universidade de Córdoba.
Este novo avance súmase aos achados previos do mesmo grupo de investigación, que hai uns meses descubriu nos ratos un mecanismo que podería axudar a curar a esteatohepatite. Sinalaban que o bloqueo dalgunhas substancias opioides en zonas específicas do cerebro evita que os ratos poidan desenvolver a doenza. O equipo de Metabolismo Molecular recibiu precisamente en 2011 unha axuda Starting Grant para estudar a función do xene p53 na regulación do apetito, o peso e os niveis de glicosa no sangue.
Nos últimos anos, o investigador Rubén Nogueiras recibiu varios recoñecementos, entre os que destacan o premio Novos Investigadores da Fundación Astra Zeneca en 2016, o Rising Star en 2015 por parte da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes, o galardón da Sociedade Europea de Obesidade como Premio Europeo ao Mozo Investigador en Obesidade 2009, o da Sociedade Europea de Endocrinoloxía (Premio ‘Journal of Molecular Endocrinology 2011) ou a Sociedade Española de Bioquímica e Bioloxía Molecular, entre outros.