Sábado 27 Abril 2024

Estas serán as cifras do cancro en España: máis de 280.000 novos casos en 2022

Un informe da Sociedad Española de Oncología Médica indica que os tumores máis diagnosticados serán os colorrectais, de mama, pulmón, próstata e vexiga

Case dous anos inmersos nunha pandemia sen precedentes. E case dous anos dende que a palabra “coronavirus” é a máis empregada na rúa, nos medios e nas reunións de amigos e familiares. Malia que a covid-19 ocupa todo o debate público, polo menos o referido a cuestións sanitarias, a realidade vai moito máis alá. Hai doenzas, non só as infecciosas, que seguen matando. Unha delas é o cancro. Con motivo do seu día mundial, que se celebrará o venres 4 de febreiro, a Sociedad Española de Oncología Médica (SEOM) acaba de publicar Las cifras del cáncer en España, un informe que afonda na realidade cuantitativa desta enfermidade.

As cifras non deixan indiferente a ninguén. Estímase que o número de cancros diagnosticados en España neste 2022 alcance os 280.100 casos, experimentando un lixeiro incremento respecto a anos anteriores. E as cifras, lonxe de deterse, semella que seguirán aumentando. Segundo as estimacións recollidas no informe, de cara ao ano 2040 espérase que a incidencia de cancro no país chegue aos 341.000 casos. De todas formas, dende a SEOM advirten que este tipo de predicións non teñen en conta a situación de covid-19. É dicir, non se valoraron os factores que puideran alterar as posibilidades diagnósticas do sistema sanitario. Por exemplo, o parón nos programas de cribado provocou, con probabilidade, que os cancros de mama e colon diagnosticados fosen menos dos esperados.

Publicidade

Os tumores con maior incidencia

Afondando no informe, e debullando os datos, a SEOM indica que os cancros máis diagnosticados en 2022 serán os de colon e recto, mama, pulmón, próstata e vexiga. Despois destes, aínda que distantes, estarían os linfomas non hodgkinianos, o cancro de páncreas, de ril, os de cavidades orais e farinxe, de estómago, corpo uterino e fígado. Pero máis alá do tipo de tumor, o número de persoas que o padecen segue en aumento. Os factores que provocan este incremento das cifras son o aumento da poboación, o avellentamento e a exposición a factores de risco, como pode ser o tabaco, o alcohol ou a contaminación. Así mesmo, o aumento de diagnosticados nalgúns tipos de cancro, como o colorrectal, de mama, cérvix ou próstata, débese aos programas de cribado.

Este tipo de iniciativas, que teñen por obxectivo a detección precoz da enfermidade, aumentan a incidencia un primeiro momento. Mais se funcionan ben, tamén se traduce nunha redución da mortalidade. A este respecto, a SEOM aclara que o número de cancros diagnosticos non aumentará tanto pola exposición aos factores de risco —que pode non variar—, senón polo incremento poboacional e o avellentamento da poboación que, de momento, seguirá a súa tendencia de aumento.

No que respecta aos tipos de cancros máis diagnosticados por sexos, as mulleres presentan con máis frecuencia os de mama e os colorrectais, mentres que os homes padecen os de próstata, colorrectais, pulmón e vexiga. Con todo, dende a SEOM matizan que nos últimos anos estase a experimentar un cambio de tendencia debido, sobre todo, aos hábitos sobre o tabaco. Aínda que o consumo en homes estase reducindo, está aumentando nas mulleres, o que deriva nunha maior incidencia do cancro de pulmón entre a poboación feminina. É máis, a taxa de incidencia de 2022 case triplica á de 2001.

A mortalidade

Segue constituíndo unha das principais causas de mortalidade no mundo. Unha afirmación que recolle o informe elaborado pola SEOM e que non deixa ningún lugar a dúbidas. De igual maneira que acontecía coa incidencia, tamén se espera un aumento da mortalidade nos próximos anos. En Espala estímase que dos 113.000 casos en 2020 se cheguen aos 160.000 casos en 2040. Iso si, estimacións que, de novo, non teñen en conta a pandemia de covid-19.

O cancro segue constituíndo unha das principais causas de mortalidade no mundo

Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE) e os datos que publicou recentemente sobre a mortaldade en España en 2020, os tumores constituíron a segunda causa de morte no país (22,8% das mortes, 112.741), só por detrás das enfermidades do sistema circulatorio (24,3%, 119.853). En función do sexo, as variables cambian un pouco. Mentres que os tumores foron a principal causa de morte en homes, as enfermidades cardiovasculares foron a das mulleres —aínda que a segunda tamén foron os cancros—.

En relación aos falecementos por tumor, os máis frecuentes en 2020 en España foron os de pulmón, colon, páncreas, mama e próstata. Se segregamos os datos por sexo, os que provocaron máis mortes en homes foron o de pulmón, colon, próstata, páncreas e vexiga. En mulleres, o de mama foi o responsable de maior mortaldade, seguido de pulmón, colon e páncreas. De todas formas, no informe da SEOM recórdase que a mortaldade por cancro en España experimentou “un forte descenso” nas últimas décadas grazas ás actividades preventivas, os avances terapéuticos e a diminución do consumo de tabaco en homes. Porén, o aumento de cancro de pulmón por contaminación ou os tratamentos para o virus da hepatite van tardar en mostrarse.

A supervivencia

Tamén hai raios de luz e esperanza que nos encamiñan a crer que, algún día, a palabra “cancro” non asuste tanto como agora. E hai datos que, paseniño, vannos achegando máis a ese momento. Segundo o informe, a supervivencia neta a 5 anos do diagnóstico dos pacientes diagnosticados no período 2008-2013 en España foi de 55,3% dos homes e 61,7% nas mulleres. E apúntase que a diferenza na supervivencia entre sexos se deba, con probabilidade, a que algúns tumores son máis frecuentes por sexo ca outros.

A supervivencia a 5 anos do diagnóstico (2008-2013) foi de 55,3% en homes e 67,1% en mulleres

Máis en detalle, a supervivencia neta en homes foi do 90% nos cancros de próstata e testículo e do 86% en tiroides. Mentras que foi do 7% no cancro de páncreas, do 12% no de pulmón, do 13% no de esófago e do 18% no de fígado. Nas mulleres, o cancro de tiroides tivo una supervivencia neta do 93%, o melanoma cutáneo do 89%, e o cancro de mama do 86%, mentres que o do cancro de páncreas foi do 10%, nos de fígado e esófago do 16% e no de pulmón do 18%.

Factores de risco

Por último, cabe recordar aqueles factores de risco que poden contribuír ao cancro. O informe da SEOM baséase nos datos recollidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), quen asegura que un terzo das mortes por cancro son debidas a cinco factores evitables: tabaco, infeccións, alcohol, sedentarismo e dietas inadecuadas, con escada cantidade de froita e verdura. Cinco factores que non deixan de ser cinco recordatorios do importante que é coidarse máis e mellor. E conseguir, algún día, reducir a tendencia do cancro. Ou, polo menos, frear o seu aumento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro