Unha empresa da USC activa o desenvolvemento preclínico dun tratamento contra a Covid-19

A nova terapia administrarase por vía intranasal co obxectivo de reforzar a resposta inmune do paciente fronte ao coronavirus

Smart Vitamins, spin off da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pon en marcha o desenvolvemento dun fármaco para a prevención e tratamento da Covid-19. A vantaxe desta innovadora terapia, composta por vehículos nanométricos que portan distintos principios activos, orbita ao redor de tres aspectos clave: a vía de administración
intranasal, a súa capacidade de dirixirse ao sistema inmune e a natureza dos seus compostos bioactivos.

Con este tratamento preténdese en primeiro lugar reforzar a resposta inmune do paciente —comezando no lugar onde se asenta o coronavirus, o tracto nasal— e modular a
resposta adaptativa para conter o exceso de inflamación, que trae consecuencias moi
negativas para a persoa enferma. A compañía pretende agora trasladar a ensaios clínicos as súas formulacións SDN-Nanodecov, en colaboración coa USC, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e co apoio financeiro do programa “Conecta Covid” da Axencia Galega de Innovación.

Publicidade

Obxectivos

Segundo Alfredo Bermúdez Castro, co-fundador da compañía, o potencial deste tratamento ten un mecanismo de acción sumamente interesante para o tratamento da Covid-19, tanto administrado de forma individual como en combinación con outros fármacos, algo especialmente relevante ante as novas variantes que poidan xurdir fronte ás cales as vacinas actuais ofrezan unha protección parcial. Por iso, obxectivo desta empresa é crear un tratamento intranasal que poida ser administrado na casa, baixo prescrición médica e que reforce o estado do paciente tras o contacto cun positivo ou a aparición dos primeiros síntomas, sen xerar efectos secundarios.

Equipo investigador

A dirección científica irá da man de María José Alonso, cofundadora da empresa e creadora desta tecnoloxía de nanovehículos intelixentes. Ademais, participarán activamente outros investigadores de prestixio internacional como Carlos Diéguez, director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago; Luís Enjuanes, virólogo do Consello Superior de Investigacións Científicas e un dos maiores expertos mundiais en coronavirus e Santiago González, xefe do grupo de investigación en inmunología do Institute for Research in Biomedicine Bellinzona.

Publicidade

Tras o desenvolvemento preclínico que terá lugar durante o próximo ano 2022, realizarase un ensaio clínico exploratorio no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) baixo a coordinación do Dr. Antonio Pouse, xefe do servizo de medicina interna do CHUS e o Dr. Anxo Fernández. Neste momento, a compañía prepárase para a captación dunha rolda de financiamento que permita completar os ensaios clínicos do fármaco e explora colaboracións con distintas empresas farmacéuticas para acelerar o seu proceso de translación ao mercado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados