Domingo 13 Outubro 2024

Dexametasona: prudencia ante a última gran esperanza contra a Covid-19

Un ensaio clínico realizado en 11.000 pacientes no Reino Unido amosa que este fármaco reduce a mortalidade nos casos moi graves da infección

A Universidade de Oxford anunciou este mércores que a administración en doses baixas de dexometasona a pacientes que presentaban graves complicacións respiratorias debido á infección causada polo SARS-CoV-2 reduce a mortalidade. Son os resultados preliminares do ensaio clínico RECOVERY, iniciado en marzo en máis de 11.000 pacientes de Covid-19 no Reino Unido, que se publicarán “tan pronto como sexa posible”, e unha vez revisados, nunha revista científica. Trataríase, por tanto, do primeiro fármaco que amosa unha mellora na evolución que podería evitar unha parte das mortes nos cursos máis graves da infección causada polo novo coronavirus.

“A dexametasona é o primeiro fármaco que amosa unha mellora na supervivencia na Covid-19; é un resultado moi benvido. O beneficio para a supervivencia é claro e grande naqueles pacientes que están o bastante enfermos como para precisar osíxeno artificial, así que a dexametasona debería convertirse agora no estándar dos coidados para estes pacientes”, expón Peter Horby, profesor de Enfermidades Infecciosas Emerxentes no departamento de Medicina da Universidade de Oxford, e un dos responsables do proxecto RECOVERY. Horby salienta, do mesmo xeito, que a dexametasona é un fármaco relativamente barato e accesible, polo que podería aplicarse a maior escala en todo o planeta.

Publicidade

Pola súa parte, Martin Landray, profesor de Medicina no departamento de Saúde Pública da mesma universidade, e tamén participante no ensaio, avanzou que os resultados preliminares de RECOVERY “son moi claros: a dexometasona reduce o risco de morte en pacientes con complicacións respiratorias graves”. Engade Landray que “é fantástico que o primeiro tratamento que demostra unha redución da mortalidade poida estar dispoñible de forma asequible no resto do mundo”.

A institución académica recolle tamén as palabras de Patrick Vallance, principal asesor do goberno británico durante a cirse, que destacou que os resultados preliminares do ensaio son “unha gran noticia”, ao tratarse dun fármaco “barato e dispoñible”. A dexometasona é un fármaco corticosteroide que se adoita usar para algúns procesos inflamatorios, reaccións alérxicas graves e enfermidades autoinmunes ou reumáticas.

Publicidade

Resultados sen publicar

Con todo, os prometedores avances arredor da dexometasona non foron aínda publicados en ningunha revista, nin sequera como preprint (artigo que se comparte co resto da comunidade científica para sometelo a unha valoración previa antes da súa revisión por pares). O comunicado da Universidade de Oxford explica algúns detalles en canto ás procentaxes de supervivencia no grupo de control fronte aos pacientes tratados coa dexometasona. O texto engade que o fármaco evitaría unha de cada oito mortes de pacientes con ventilación, e un de cada 25 dos que requiran osíxeno.

Ante a falta do artigo que detalle estas cifras, parte da comunidade científica chamou á prudencia, á espera de coñecer máis datos. A viróloga Angela Rasmussen, da Universidade de Columbia, amosouse crítica co feito de anunciar os resultados a través dun comunicado de prensa, sen amosar o estudo no que se sostén, aínda que recoñeceu que podería tratarse dun “resultado portencialmente moi importante”. “O propósito dun artigo científico é reportar datos de forma aberta para que o resto da comunidade científica poida reproducir o traballo e avaliar a solidez dos achados e métodos; o propósito dun comunicado de prensa é, básicamente, alardear do teu fabuloso estudo”, expuxo. Do mesmo xeito, Rasmussen advirte que a dexametasona, ao tratarse dun potente antiinflamatorio, “podería ser daniño” en determinadas circunstancias, polo que advertía, ante actitudes previas semellantes, como aconteceu coa hidroxicloroquina: “Non chame ao seu médico para pedirlle unha receita de dexametasona”.

En España, varios hospitais desenvolven ensaios clínicos coa dexometasona, segundo recolle a Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (Aemps). Preguntado ao respecto na súa comparecencia diaria, o portavoz do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, chamou a “ser prudentes” ante o ensaio e lembrou que “os resultados dun único estudo, non adoitan ser suficientes, a non ser que teñan unha solidez moi importante”, polo que se remitiu á valoración ao respecto da Aemps para propoñer ou non o tratamento en España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Luis Enjuanes, virólogo: “Hai que estar moi alerta, a polio está emerxendo polas guerras”

O experto en coronavirus participa no Congreso Nacional de Viroloxía que se está a celebrar esta semana en Santiago

Un algoritmo identifica os mellores fármacos para trastornos xenéticos e cancro

Un novo modelo computacional é capaz de predicir os sinais de 'stop' prematuros detrás de patoloxías causadas por un único xene

Máis alá do mpox: as cinco emerxencias sanitarias do século XX que viviu Galicia

A sociedade leva miles de anos enfrontándose aos microorganismos e ás enfermidades infecciosas como a varíola ou a poliomielite

A USC demostra que se poden liberar fármacos en polímeros usando luz

A investigación abre a porta a controlar de maneira gradual a cantidade de substancia liberada, o que sería clave para a entrega de medicamentos