Coidarse nos 50 pode aumentar ata 10 anos a esperanza de vida

Un estudo a gran escala dirixido pola universidade de Harvard incide na relevancia de ter bos hábitos nesta etapa da vida

Os hábitos de vida saudables son importantes e necesarios a calquera idade. Pero a medida que nos achegamos á vellez, o corpo comeza a amosar síntomas de desgaste e máis importante é, se callar, tomar as medidas precisas para previr o inexorable paso do tempo. Así o constata un estudo da prestixiosa Escola de Saúde Pública T.H. Chan, da universidade estadounidense de Harvard, que conclúen que ter bos hábitos de saúde arredor dos 50 anos (e con isto inclúese beber pouco alcol, non fumar, facer exercicio e ter unha dieta sa) non só alonga a vida, senón que evita en gran medida o desenvolvemento de enfermidades crónicas na vellez. As estimacións apuntan ata que a esperanza de vida pode medrar ata en 10 anos a partir dos 50 se nos coidamos.

Os científicos destacan que a esperanza de vida medrou por regla xeral en todo o mundo, pero a medida que as poboacións envellecen, as persoas adoitan vivir con discapacidades e enfermidades crónicas como o cancro, as doenzas cardíacas e a diabetes. En cambio, os resultados deste estudo apuntan a que a adopción de bos hábitos suma anos sen padecer estas enfermidades nunha media de 7,6 anos para os homes e 10 para as mulleres, en comparación cos participantes que non se coidan. O estudo é unha continuación doutro previo de 2018 que atopou que o seguimento destes hábitos aumentaba a esperanza de vida en xeral.

Publicidade

Segundo Yanping Li, científica experta en nutrición e autora principal do traballo, “o novo estudo proporciona unha forte evidencia de que seguir un estilo de vida saudable na madurez pode estender substancialmente os anos en que unha persoa vive libre de enfermidades”.

Estimación da esperanza de vida aos 50 segundo diversos factores. Fonte: BMJ.
Estimación da esperanza de vida aos 50 segundo diversos factores. Fonte: BMJ.

Para chegar a esta conclusión, os investigadores tomaron datos de dous grandes estudos realizados durante anos nos Estados Unidos. Por unha banda, os de 73.196 enfermeiras rexistradas no “Nurses’ Health Study” e os de 38.366 profesionais sanitarios masculinos do Health Professionals Follow-up Study. Todos eles, estaban libres de cancro, enfermidades cardiovascular e diabetes no momento da inscrición.

Publicidade

Os autores utilizaron cinco factores de estilo de vida de baixo risco –non fumar, peso saudable, polo menos 30 minutos de actividade física diaria, consumo moderado de alcol e unha dieta de boa calidade– para calcular unha puntuación de estilo de vida saudable. Os participantes foron avaliados regularmente durante un período de máis de 20 anos. Durante este tempo, rexistráronse novos diagnósticos e mortes por cancro, enfermidade cardiovascular e diabetes tipo 2.

Despois de axustar a idade, a orixe étnica, o historial médico-familiar e outros aspectos potencialmente influentes, os investigadores atoparon que as mulleres que practicaban catro ou cinco dos hábitos saudables aos 50 vivían en media 34,4 anos máis libres de diabetes, enfermidades cardiovasculares e cancro, en comparación con 23,7 anos saudables entre as mulleres que non practicaban ningún destes hábitos.

Pola súa banda, os homes que practicaban catro ou cinco bos hábitos á idade de 50 anos viviron 31,1 anos libres de enfermidades crónicas, en comparación con 23,5 anos entre os que non practicaron ningún. Ademais, os fumadores empedernidos e os homes e mulleres obesos tiñan a menor esperanza de vida libre de enfermidades.

Limitacións

Os autores resaltan que se trata dun estudo observacional, así que non se pode establecer a causa. Tamén existen algunhas limitacións, tales como confiar nos hábitos de estilo reportados polos propios participantes, e que os integrantes sexan profesionais da saúde na súa maioría de raza branca, polo que os resultados poderían non aplicarse de maneira máis xeral, advirten.

Con todo –engaden– os datos cubriron un gran número de persoas cunha avaliación detallada e repetida dos factores do estilo de vida durante un longo período de seguimento. Os investigadores conclúen que “as enfermidades crónicas teñen un alto custo nos sistemas de saúde”. Por iso, “deberíanse promover desde a administración estilos de vida máis saudables”.


Referencia: Healthy lifestyle and life expectancy free of cancer, cardiovascular disease, and type 2 diabetes: prospective cohort study (Publicado no British Medical Journal).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alcol na adolescencia: cal é o seu impacto nun cerebro aínda en desenvolvemento?

O consumo intensivo de bebidas alcólicas a unha idade temperá reduce as capacidades cogniticas e aumenta o risco de sufrir outras patoloxías, como a demencia ou as enfermidades cardíacas

Estas son as luces e sombras do xaxún

Un estudo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts apunta a que esta abstinencia axuda ás células nai intestinais a rexenerarse e curar lesións, pero tamén aumenta o risco de cancro en ratos

Catro de cada dez galegos tomaron tranquilizantes nalgunha ocasión

Un informe do Sergas sobre condutas de risco destapa unha problemática xeneralizada en torno á saúde mental, cunha especial incidencia nas mulleres adultas de entre 45 e 64 anos

Mira o que comes e como o envolves: “Hai interaccións de sustancias entre os envases e a comida”

Un investigador do CITIC presenta unha proposta para identificar biomarcadores de enfermidades gastrointestinais e analizar a influencia de determinadas substancias na microbiota
93040