Venres 29 Marzo 2024

Estar casado reduce a mortalidade por doenzas cardiovasculares

Estar casado podería diminuír, e mesmo previr, a posibilidade de sufrir un ataque ao corazón ou un accidente cerebrovascular. Esta é a principal conclusión dun estudo publicado esta semana na revista Heart, que subliña como manter unha relación sentimental estable podería influír no risco de morte asociado.

Un 80% das enfermidades cardiovasculares atribúense a factores de risco como a idade, o sexo, a presión arterial, o colesterol, o tabaquismo e a diabetes. Con todo, aínda se descoñece a causa do 20% restante. E neste senso, un grupo de científicos da universidade de Keele, en Newcastle (Reino Unido), analizou 225 estudos publicados entre 1963 e 2015 sobre o impacto do estado civil na saúde cardiovascular.

Publicidade

Os investigadores analizaron 225 estudos publicados entre 1963 e 2015 sobre estado civil e saúde cardiovascular

Os resultados das investigacións levadas a cabo ata agora –realizadas en individuos de entre 42 e 77 anos procedentes de Europa, Escandinavia, América do Norte, Oriente Medio e Asia– eran moi variados e sobre un número de participantes bastante limitado, segundo os expertos. Por iso, os autores seleccionaron os 34 traballos máis relevantes, que analizaron un total de dous millóns de participantes, para aclarar esta cuestión a través dunha análise conxunta.

No estudo publicado esta semana, liderado por Mamas Mamas, da universidade de Keele e a universidade de Manchester, suxírese o incluír o estado civil como un factor de risco que inflúe tanto na posibilidade de sufrir enfermidade cardíaca, un ataque ao corazón ou un accidente cerebrovascular como de sobrevivir a estes episodios. “Estar solteiro, ou non vivir en parella asóciase cun risco maior de sufrir unha enfermidade cardiovascular”, explica á Axencia Sinc o autor do estudo. “Ademais, o risco de non sobrevivir tamén se incrementa”, subliña.

A análise dos datos revela que, en comparación ás persoas casadas, as persoas divorciadas, viúvas ou que nunca formaron parte dun matrimonio ou unha vida en parella presentan un 42% de máis risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares e un 16% máis no caso só de patoloxías cardíacas da arteria coronaria.

Estar solteiro tamén se asocia cun maior risco de morrer por estas causas –un 42% máis por enfermidade coronaria e un 55% máis por accidente cerebrovascular–.  Ademais, o divorcio relaciónase cun 35% máis de risco de desenvolver a patoloxía cardíaca tanto en homes como mulleres. Con todo, nos viúvos de ambos os sexos aumenta un 16% o de sufrir un accidente cerebrovascular.

A pesar de que non existen diferenzas na posibilidade de morte tras este tipo de episodios entre persoas casadas e as que non comparten este estado civil, non sucede o mesmo no caso dos ataques ao corazón. Neste caso, o risco de mortalidade é significativamente maior –ata un 42%– entre aqueles que nunca estiveron casados.

O divorcio tamén se relaciona cun 35% máis de risco de ter patoloxías cardíacas, tanto en homes como en mulleres

“Ata agora, os especialistas sanitarios só recollían información sobre o estado civil como parte do contexto social do paciente, sen ter en conta as implicacións que este pode ter na saúde cardíaca e sen consideralo un factor de risco”, comenta Mamas.

“Esperamos que isto cambie co noso estudo e que o dato se utilice xunto co resto de factores de risco que xa coñecemos”. Os autores advirten que son necesarios máis estudos que completen os datos actuais. Ademais, aínda non se dispón de información sobre parellas do mesmo sexo, a calidade do matrimonio ou a convivencia entre persoas que non están casadas.

O traballo suxire que estar casado ou solteiro debería terse en conta como factor de risco

“O noso estudo só recolle os datos de pacientes casados, divorciados ou viúvos comparándoos cos dos solteiros”, aclara Mamas. O experto considera que os individuos que viven en parella gozan dos mesmos beneficios que quen estea casado.

Segundo as hipóteses dos investigadores, o paciente está máis disposto a tomar medicamentos tras un ataque ao corazón se está casado, quizá pola presión do cónxuxe. Tamén teñen unha maior predisposición a acudir a rehabilitación (que mellora as secuelas dunha enfermidade cardíaca) pola mesma razón. “Sabemos que os homes tenden a ignorar os síntomas que preceden a este tipo de ataques ou accidentes, como as dores de peito”, explica o experto. “Normalmente, só buscan atención médica tras a insistencia das súas compañeiras, o que pode salvarlles a vida”, conclúe Mamas.

Na investigación científica existen varias teorías sobre por que o matrimonio podería ser un protector da saúde. Estas inclúen a maior rapidez no recoñecemento e resposta aos problemas de saúde, un seguimento máis estrito da medicación, mellor seguridade financeira, maior benestar e mellores redes de amizade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificada unha proteína clave na recuperación tralo ictus

En España, unha persona sofre un accidente cerebrovascular cada seis minutos

A infección polo virus do papiloma aumenta o risco de morte cardiovascular en mulleres

Investigadores coreanos constatan que as persoas infectadas coas cepas máis agresivas teñen máis posibilidades de falecer por un derrame cerebral

Atopada en ratos a primeira diana terapéutica contra a hipertensión pulmonar

Investigadores españois dan o primeiro paso para salvar a función cardíaca en pacientes con esta rara pero letal enfermidade

Un equipo galego emprega unha nova técnica de cirurxía coronaria que evita o uso de ‘stents’

Investigadores do Álvaro Cunqueiro publican un estudo en 'The Lancet' sobre un método que non deixa atrás ningunha estrutura metálica permanente