Ampliar os carrís bici evitaría 10.000 mortes prematuras en Europa

A aposta por unha mobilidade sostible, limpa e beneficiosa para as persoas pode ter consecuencias positivas. En Galicia, o caso de Pontevedra, que xa acumula máis de seis anos sen accidentes de tráfico mortais na cidade, é un espello no que se miran moitas outras vilas e cidades. Un estudo científico liderado polo Instituto de Saúde Global de Barcelona, que analiza a situación de numerosas cidades europeas, sinala que no noso continente poderían evitarse ata 10.000 mortes prematuras ampliando as redes de carrís bici.

O traballo —que forma parte do Proxecto PASTA, financiado pola Unión Europea— analiza os datos de 167 cidades europeas e suxire que a lonxitude da rede de vías ciclistas está asociada ao tipo de transporte elixido, o que podería aumentar a selección da bicicleta como medio de transporte ata o 24,7% do total dos desprazamentos.

Publicidade

Con máis carrís bici, ata unha de cada catro persoas desprazaríase en bicicleta pola cidade

Así, con máis carrís bici, unha de cada catro persoas escollería a bicicleta como medio para desprazarse diariamente. A análise, publicada en Preventive Medicine, estima que se en todas as cidades estudadas a bicicleta chegase a ser seleccionada nese 24,7% dos desprazamentos, poderíanse evitar máis de 10.000 mortes prematuras ao ano.

“Este é o primeiro estudo que avalía as asociacións potenciais entre a lonxitude da rede de carrís bici, o tipo de transporte seleccionado e os impactos asociados na saúde en cidades europeas”, afirma Natalie Mueller, investigadora de ISGlobal e primeira autora da publicación.

Publicidade

A avaliación do impacto na saúde mostrou que cambiar á bicicleta como medio de transporte é beneficioso para a saúde debido ao aumento asociado de actividade física, “cuxos beneficios contrarrestan os efectos prexudiciais da contaminación do aire e os accidentes de tráfico”, engade Mueller.

Nas diferentes estimacións que fixeron os investigadores, os maiores beneficios para a saúde baseáronse no caso de que as cidades dispoñían de carrís bici en todas as rúas.

Cidades como Barcelona poderían evitar ata 248 mortes prematuras ao ano

Nese caso, Londres podería evitar ata 1.210 mortes prematuras ao ano, seguida de Roma (433 mortes prematuras ao ano) e Barcelona (248 mortes prematuras ao ano). Só cun incremento do 10% na infraestrutura ciclista, tamén se aumentaría significativamente o uso de bicicleta e evitaríanse 21 mortes prematuras en Roma, 18 en Londres e 16 en Barcelona.

Os autores tamén levaron a cabo unha análise económica para comparar o custo da ampliación das redes de vías ciclistas cos beneficios económicos estimados da mortalidade prematura evitable. Os resultados mostran que a mellor relación custo-beneficio conseguiríase cun aumento do 10% na rede de vías ciclistas, no que o cociente de beneficios por euro gastado sería de ata 70 a 1 no caso de Roma, 62 a 1 en Zúric e 35 a 1 en Barcelona.

“A rede de carrís bici debería ser unha prioridade nas axendas dos gobernos municipais”, sinalan os investigadores

“A rede de carrís bici debería ser unha prioridade nas axendas dos gobernos municipais que teñen a responsabilidade local directa para proporcionar ‘opcións saudables’ á súa cidadanía”, reflexiona Mark Nieuwenhuijsen, coordinador da Iniciativa de Planificación Urbana, Medio Ambiente e Saúde de ISGlobal e último autor do estudo.

En especial, as cidades onde a elección da bicicleta é menor (como Roma, Barcelona e Londres) teñen un gran potencial de aumentar o seu uso só incrementado a rede de vías ciclistas. “Só por un aumento do 10% na lonxitude da rede ciclista, que consideramos unha medida alcanzable para os concellos, estimamos uns beneficios considerables para a saúde e a economía”, engade Nieuwenhuijsen.

Sacar ás persoas dos coches produce grandes beneficios para a saúde. Unha combinación de medidas que fagan que o coche resulte pouco atractivo e políticas centradas en converter o transporte público e a bicicleta en medios máis atractivos sería o máis adecuado para mellorar a saúde e o benestar nas cidades europeas”, conclúe Mueller.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta activa a alerta vermella por episodio de calor extrema no interior de Pontevedra

O Goberno galego advirte de que os avisos poderán manterse durante varios días polos posibles efectos adversos para a saúde da poboación

A Xunta activa a alerta vermella por calor extrema no interior de Pontevedra

As temperaturas superarán os 35 graos en 16 concellos pontevedreses durante a xornada pola chegada dunha masa de aire africano

MeteoGalicia activa a alerta por temperaturas superiores aos 36 graos

A área do Miño de Ourense e Pontevedra, Ribeira Sacra e as Rías Baixas serán as máis afectadas pola dorsal subtropical

Unha epidemia en aumento: “O fígado graxo é unha enfermidade ‘invisible’ ata fases avanzadas”

O doutor Javier Crespo, un dos hepatólogos máis prestixiosos do Estado, sinala que arredor do 30% da poboación adulta presenta algún grao desta afección hepática