Asocian os cambios de temperatura á prescrición de fármacos para doenzas respiratorias

Un estudo no que participa a USC constata por primeira vez o aumento de prescricións vinculado aos episodios de calor e frío en varias cidades españolas

Un estudo que publica a revista Environmental Research, coordinado polo profesor da USC, avaliou por primeira vez a relación entre os efectos a curto prazo das oscilacións da temperatura media e o nivel da prescripción de fármacos para tratar doenzas respiratorias. O traballo constata, deste xeito, a que os episodios intensos de frío e calor inducen un aumento na subministración deste tipo de medicamentos segundo os datos compilados en cinco cidades españolas.

“Ata onde sabemos, este enfoque nunca se tiña utilizado antes para medir un relación desta natureza cos resultados da prescrición médica en Europa” explica Dominic Royé, profesor da Facultade de Xeografía e Historia. Como engade Royé, este tipo de indicador de saúde podería potencialmente identificar e anticipar, entre outros, “brotes de gripe debido a un grao máis sensible da fonte de datos”.

Publicidade

Segundo os autores do traballo, a elección da prescrición de fármacos como fonte de datos ten a vantaxe de que “a poboación incluída e afectada é máis nova, ao tempo que permite analizar a influencia da temperatura por patoloxías de forma indirecta” e complementaria a outros indicadores. Se ben o aumento do risco de mortalidade durante os períodos de altas e baixas temperaturas está ben definido, o equipo de investigación abordou esta nova liña de traballo ante a falta de análises en datos con menor severidade, “dado que a maioría dos estudos utilizan recontos diarios de mortes ou hospitalizacións como variable que reflicten so unha proporción limitada de pacientes cos casos máis graves”.

Á vista dos resultados obtidos, o equipo sinala que os efectos da calor e o frío “teñen diferencias na magnitude, a forma e a estrutura do efecto de retardo entre cidades e subgrupos de medicamentos”. Así entre o 0,3 e o 0,6% de todas as prescricións para doenzas respiratorias en Madrid, Zaragoza e Pamplona estarían asociadas co frío. Por contra, os efectos da calor nestas mesmas cidades mostraron porcentaxes superiores, entre o 8,7% e o 17,2%.

Publicidade

Outro dato importante, apunta Royé, son os custes económicos. En xeral, “son máis elevados para os efectos da calor, con valores anuais que oscilan entre 191.905 e 311.076 euros por cada 100.000 persoas”. No caso concreto de Madrid, estímase un custe anual por calor de 311.000 euros por cada 100.000 habitantes, mentres que en Zaragoza e Pamplona, esta cifra redúcese a 192.000 euros. “Os maiores custes e fraccións atribuíbles á calor e ao frío “atopáronse no grupo de antihistamínicos e os preparados para a tose e o arrefriado, respectivamente”.

Para a elaboración do estudo, o equipo tomou en consideración os datos de prescricións médicas respiratorias, tanto electrónicas como convencionais, proporcionados pola Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios a partir da base de datos BIFAP para o período de estudo comprendido entre 2004 e 2018 de Madrid, Murcia, Pamplona, Santander e Zaragoza. No artigo tamén participan os investigadores dos servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Adolfo Figueiras e Margarita Taracido, así como Santiago Gestal, do Hospital Montecelo de Pontevedra, e expertos do IDAEA-CSIC, das universidade de Valencia e Cantabria.


Referencia: Temperature-related effects on respiratory medical prescriptions in Spain (Publicado en Environmental Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Ministerio de Sanidade conclúe que non hai evidencia científica que avale a homeopatía

O Ministerio publica un informe que analiza 64 estudos sobre a homeopatía e conclúe que non hai evidencia da súa eficacia en tratamentos para a saúde

Os récords de calor multiplican por dez aos de frío en Galicia na última década

O gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé indica que, dende 2020, apenas se rexistrou unha marca mínima fronte ao predominio das máximas

Onde ver a eclipse total de 2026 en Galicia: un mapa revela as zonas con horizonte despexado

O climátologo Dominic Royé explica que o oeste será determinante porque o Sol estará moi baixo e calquera obstáculo pode ocultar o fenómeno do 12 de agosto

Galicia perde ata a metade das horas de sol nun xaneiro marcado polas borrascas

Un gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé amosa que foi o segundo máis escuro da serie históricadende 1984, só superado por 1996