Venres 26 Abril 2024

A porcentaxe de persoas dispostas a vacinarse “mañá mesmo” sobe do 39 ao 72%

A cuarta rolda do estudo COSMO-Spain constata, ao mesmo tempo, un aumento na preocupación pola pandemia diante da terceira onda

Tal e como avanzaban algúns expertos cando as dúbidas sobre as vacinas contra a Covid-19 eran moito maiores, o comezo das campañas de inmunización e a protección que están acadando as persoas que completan o ciclo das dúas doses xa está a causar efecto na poboación. Os feitos falan, por agora, con estudos que apuntan a un descenso do 29% na mortalidade, aínda que o gran impacto de infeccións desde o Nadal opaca este efecto. E así o constata a cuarta rolda do estudo COSMO-Spain, impulsado polo Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), en colaboración co Ministerio de Sanidad e a OMS, para coñecer a percepción da poboación arredor da pandemia. O estudo estase levando a cabo en máis de 30 países.

Así, se na terceira rolda da enquisa, realizada en novembro, só un 39% das persoas ás que se lle preguntou estarían dispostas a recibir a inmunización “se estivese dispoñible mañá mesmo”, esta porcentaxe medra agora ao 72%. E por outra banda, a porcentaxe de persoas que sosteñen que non se vacinarían “mañá mesmo” cae do 38% ao 14%.

Publicidade

Unha das razóns que argumentaban as persoas que rexeitarían a primeira vacina dispoñible era que agardarían á segunda ou a terceira. Nesta quenda tamén descende a porcentaxe que apuntaba isto, caendo do 52% ao 17%. E respecto aos posibles riscos para a saúde, esta percepción cae do 59% da segunda rolda e o 48% da terceira ao 26% da cuarta.

Con todo, segundo destaca o estudo, a poboación segue manifestando que se precisa máis información sobre os beneficios e riscos de vacinarse, e esixen neste sentido contidos contrastados e fiables desde os medios de comunicación. Xa desde antes da pandemia, as dúbidas sobre as vacinas son consideradas polas organizacións sanitarias como un dos problemas de saúde pública a nivel mundial, segundo advertía a OMS a comezos de 2019.

Preocupación

Cando xa se cumpre un ano dos primeiros casos de Covid-19 detectados en España e 11 meses do estado de alarma, a chamada “fatiga pandémica” acada valores máximos, segundo a enquisa, toda vez que a nova escalada de restricións segue alterando a vida cotiá de moitas persoas.

Esta preocupación da poboación respecto a a pandemia aumentou, xa que o 67% dos participantes indican moita ou moitísima preocupación, a porcentaxe máis alta das catro roldas do estudo. Entre as principais preocupacións, aumenta a inquietude pola saturación dos servizos sanitarios, polas persoas que non utilizan a máscara e pola evolución da propia saúde física e mental. Ademais, crece a porcentaxe de participantes que cre que a pandemia se está propagando rápido (92%) e as persoas que afirman que a Covid-19 causalles un sentimento de depresión (50%) ou lles produce medo (47%). Finalmente, tamén aumenta (ata o 54%, o máis alto de todas as roldas) a porcentaxe de persoas enquisadas que considera que se está vivindo o peor da pandemia.

Sobre os coñecementos xerais sobre o coronavirus, as formas de contaxio e as medidas preventivas, mantéñense altos e son adecuados. Aumentou a un 96% a porcentaxe de persoas enquisadas que sabe que manter a distancia de seguridade é unha medida eficaz e quen afirma que as recomendacións das autoridades son de obrigado cumprimento. A maioría (por encima do 95%) son conscientes de que se teñen síntomas deben quedar na casa e que se teñen un contacto estreito debe illarse. Nesta cuarta rolda, o estudo incluíu preguntas sobre diagnóstico: o 54% das persoas considera estar ben informada sobre as diferentes probas existentes.

Risco e medidas de prevención

Con respecto á percepción do risco, só un 36% das persoas participantes nesta rolda considera que, de contraer a Covid-19, a enfermidade sería grave ou moi grave. Aumenta levemente a poboación que cre que as súas probabilidades de contaxio son elevadas ou moi elevadas (ata un 32%, fronte ao 26% de roldas anteriores), e tamén medra a percepción de probabilidade de contaxio segundo lugar e actividade: os espazos pechados e o transporte público son os lugares nos que maior risco de contaxio se percibe. As reunións con familiares ou amigos son o lugar que maior aumento experimenta en percepción do risco, mentres que a porcentaxe de persoas enquisadas que consideran que é moi difícil evitar infectarse polo coronavirus alcanza tamén o seu tope (30%).

O seguimento das medidas preventivas recomendadas polas autoridades sanitarias tamén aumentou nesta rolda. O tipo de máscara máis utilizada segue sendo a máscara cirúrxica, aínda que a porcentaxe de persoas que sinalan que a utilizan en primeiro lugar baixa lixeiramente ata o 40% mentres que o uso prioritario da máscara FFP2 aumenta e é utilizado polo 37% da mostra, fronte ao 26% da rolda anterior.

Fatiga pandémica

Os posibles efectos da sobreinformación, a infoxicación e a desinformación por consulta de diversas fontes, non sempre fiables, levan a que a facilidade percibida polos enquisados para atopar, comprender, avaliar e aplicar a información relativa ao coronavirus diminuíse lixeiramente nesta rolda, aínda que se segue considerando alta. Respecto diso, segue crecendo a frecuencia de consulta de información sobre o coronavirus varias veces ao día (pasa dun 34% na rolda anterior a un 38% nesta). A información procedente dos profesionais sanitarios e a OMS continúa sendo as que máis confianza xera e, de novo, a poboación confía pouco nas redes sociais, internet e os programas de debate. En todo caso, non varían as institucións que xeran máis confianza: a comunidade científica e sanitaria segue situándose no máis alto.

Aumenta a sensación de cansazo sobre a información arredor da pandemia

A influencia da denominada fatiga pandémica, que se analizou por primeira vez na rolda anterior, aumenta nesta cuarta rolda. Os seus efectos fanse notar co empeoramento da evolución da epidemia: as afirmacións con maior grao de acordo son “estou cansado/a de os debates sobre a Covid-19”, cunha media de 3.91 sobre 5 (onde 5 é máximo acordo), seguido por “estou farto/a de oír falar da Covid-19”, cunha media de 3.62 e “síntome en tensión tratando de seguir todas as recomendacións”, cunha media de 3.04.

O comportamento no Nadal

Como novidade, nesta rolda preguntouse á poboación sobre as reunións familiares nos días festivos durante o Nadal, toda vez que as institucións levantaron as restricións paara a celebración destas festas. O 70% dixo que celebrou Aninovo só cos seus conviventes; un 36% afirmou celebrar Noiteboa con non-conviventes dun núcleo familiar, e un 5% xuntouse con non-conviventes de varios grupos familiares en Noitevella.

Tamén se preguntou aos participantes se, nos últimos dous meses, estiveran máis de 15 minutos no interior dun bar/restaurante sen máscara. Un 24% contestou que si e, deste grupo, o 34% afirma que estaban ocupadas todas as mesas do interior do bar/restaurante.

Ao preguntar sobre as medidas que deberían tomar as autoridades diante do aumento de casos de Covid-19 (nun rango de 1 -nada de acordo- a 5 -totalmente de acordo-), a medida con máis aceptación é unificar a normativa e as restricións a nivel nacional (media de 3,84), seguida de confinar as zonas máis afectadas (3.32) e adiantar o ‘toque de queda’ (3,20).

No estudo participaron máis de 1000 persoas residentes en España maiores de 18 anos, e asegurouse unha distribución similar á poboación española en termos de idade, educación, xénero e zona de residencia. O 33% das persoas enquisas tiña entre 45 e 60 anos; o 42% tiña estudos universitarios, a maior parte (58%) referiu estar a traballar e, deste grupo, o 30% indicou que traballa presencialmente en contornas con risco moderado. A cuarta rolda publícase dous meses despois dos resultados da terceira, que se desenvolveu en novembro; os resultados das dúas primeiras roldas do estudo publicáronse en xullo e en setembro do ano pasado.


Podes consultar máis detalles do estudo COSMO-Spain nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Desconcerto ante o aumento da tosferina: os casos en Galicia en febreiro xa superan os de 2023

As causas deste repunte non están claras e as hipóteses están relacionadas co período postpandémico así como coas temperaturas anómalas do inverno

Chegan as vacinas contra o melanoma: como funcionan?

As compañías Moderna e Merck xa comezaron os seus ensaios clínicos para desenvolver a terapia, que podería estar lista en 2025

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"