Varios grupos científicos pertencentes á USC e o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) unirán forzas para afondar nas causas do glioblastoma, un dos tumores cerebrais máis agresivos. O proxecto poderá dar os seus primeiros pasos grazas a unha doazón de de 8.000 euros realizada pola familia de Alberto Otero, un profesor lugués finado a consecuencia desta enfermidade, e da asociación Somos Unidos polo Cancro. A familia de Otero convidou a canalizar cara á ciencia os gastos en flores tralo seu pasamento, co que recadou máis de 5.800 euros, unha contía económica á que se sumaron 2.200 euros de Somos Unidos polo Cancro.
Grazas ao financiamento poderán usar modelos animais de peixe cebra (Danio rerio), unha especie cuxo o xenoma coincide nun 85% co dos humanos, para probar terapias fronte a este tipo de tumores.Así, afondarán no uso da inmunoterapia e na procura de nanofármacos capaces de contrarrestar os efectos deste mortífero tumor cerebral, ademais de avanzar no seu diagnóstico.
O doutor do Servizo de Neurocirurxía do HULA Pedro Reimunde é o investigador principal deste proxecto, no que tamén teñen unha implicación salientable os grupos de investigación da USC ZebraBioRes e Gapavet, con sede na Facultade de Veterinaria e coordinados, respectivamente, pola catedrática de Xenética Laura Sánchez Piñón e pola profesora de Anatomía Patolóxica, Maribel Quiroga Berdeal, ademais de Fernando Torres, investigador do CIMUS de Santiago. Completarán o equipo os profesores da USC Ana Losada, Roberto Pose e Luciano Espino, ademais dos investigadores predoutorais Vanesa Lombao e Martín Carreira.
O peixe cebra será un dos modelos animais empregados por este equipo de científicos para avanzar na súa particular loita contra o glioblastoma, tal e como se coñece o tumor cerebral máis maligno, agresivo e mortal, ao que, de momento, resulta imposible dar solución desde a cirurxía. Alén do peixe cebra, unha especie xa empregada para probar outros tratamentos oncolóxcios, a profesora Maribel Quiroga, adiantou que esta nova liña de investigación tamén incorpora o can como modelo de estudo animal.
De feito, engade a doutora Quiroga, os cans aportan de maneira espontánea valiosos datos sobre enfermidades humanas complexas como o cancro. Asemade, explicou que os glioblastomas humanos e caninos teñen bastantes semellanzas, o que significa que o can pode ser un excelente modelo para comprendelos e axudar a atopar tratamentos de aplicación tanto en medicina humana como veterinaria.