Xoves 18 Abril 2024

‘A auga alcalina é un engano que busca o paraugas da Universidade’

Manuel F. Herrador é profesor da Universidade da Coruña e un destacado membro do Círculo Escéptico, unha asociación de científicos dedicada a combater a pseudociencia e cualquera forma de engano utilizando datos falsos. Incansable divulgador, este enxeñeiro é tamén membro do colectivo DivulgAcción. Ante o caso da auga alcalina ionizada, no ten dúbidas: é ‘un engano’ eabusa do sufrimiento de enfermos reais.

-Que opinión lle merece que unha empresa galega comercialice filtros de ‘auga alcalina ionizada’ para previr e tratar enfermidades como o cancro, osteoporose, hepatite, depresión, párkinson… etc?

Publicidade

-Que haxa quen se queira aproveitar da vulnerabilidade dos enfermos graves e mesmo desafiuzados para enriquecerse me produce repulsa. Hai quen dende a inocencia e boa vontade mal informadas ás veces orienta a amigos ou coñecidos nesa situación aos métodos mal chamados «alternativos» ou «naturais», pero cando se adorna unha estafa con tantos detalles, chegando a implicar a centros de investigación e tentando manipular a documentación científica, non cabe o beneficio da dúbida. É un timo, é despreciable e resulta máis doloroso cando un ve que está a suceder preto do propio fogar.

-Están de moda a escala mundial a dieta alcalina e a auga alcalina?

-Si, sen dúbida. A auga alcalina ten menos penetración, posto que pasa por realizar un desembolso para comprar a xerra e mantela cos filtros, pero a dieta alcalina é moi popular. Ten todas as características das pseudoterapias máis difundidas: un vocabulario que parece científico, pero que en realidade utiliza mal os termos; unhas regras moi sinxelas de seguir, baseadas en supostas listaxes de alimentos nocivos («ácidos») e beneficiosos («alcalinos»); unha orixe lendaria e un malentendido: o da hipótese de Warburg (que foi premio Nobel, pero por algo diferente) sobre a morte de células cancerosas en medios alcalinos, e que non ten aplicación terapéutica ningunha; e, finalmente, a compoñente quixotesca de conspiración: o remedio contra o cancro que as malvadas farmacéuticas non queren que vostede coñeza!

‘A auga alcalina é un timo e ten todas as características das pseudociencias’

-Na nosa reportaxe vemos que a empresa Alkanatur utiliza logos da UVigo e da USC para avalar o seu produto… É habitual que se recorra a mencionar institucións científicas neste tipo de negocios?

-En efecto. As universidades e centros de investigación conservan unha ben gañada imaxe de solvencia e imparcialidade, traballada desde fai centos de anos. É certo que ás veces se cometen erros e tamén que, como en todas partes, hai malfeitores, pero non é o habitual, e así o entende o público. É curioso que moitos destes estafadores, á vez que critican o sistema que se nega a recoñecer os seus supostos descubrimentos, non dubidan en acollerse ao paraugas do apoio dunha universidade ou dunha titulación. Chegan mesmo a inventarse tanto colaboracións con universidades reais como os títulos que ostentan.

-Os medios ás veces fanse eco de informacións sobre pseudociencia. Que consellos hai que seguir para certificar que unha información é veraz?

-O primeiro é buscar a fonte. Non é admisible que un medio de comunicación fale dun avance científico quedándose na famosa expresión «científicos americanos din…»: sempre han de proporcionar información dabondo para poder trazar a súa orixe. Coñecida a orixe, podemos valorar o seu mérito. Non ten a mesma validez un artigo publicado nunha revista de prestixio con revisión por pares que un vídeo de Youtube. Non ten a mesma validez un ensaio realizado en condicións controladas, aleatorizado, dobre cego e comparado con placebo que o testemuño dun crente. Tamén hai páxinas web dedicadas a filtrar falsas informacións e que amosan ser fiables, como Snopes ou Quackwatch. Por suposto, tamén se pode acudir a asociacións sen ánimo de lucro como o Círculo Escéptico, ao que eu pertenzo.

‘Os timadores cébanse sobre persoas doentes ou en dificultades extremas’

-Vostede denunciou innumerables casos de fraudes ou pseudociencia… en que momento nos atopamos? Está en declive a pseudociencia ou podería estar en boga?

-É difícil de analizar. Podemos ter a sensación de que está en boga a pseudociencia porque grazas a Internet e a abundancia de información ten moita visibilidade, pero iso non quere dicir que non estivese antes presente dun xeito menos evidente. Superstición e pensamento mítico son consustanciais ao ser humano. Tamén cabe pensar que en sociedades nas que a relixión é cada vez menos prevalente o pseudoterapeuta veu a substituír ao confesor e as terapias milagrosas aos milagres de toda a vida. En calquera caso, non hai que esquecer que a abundancia de información ten dúas caras: se é máis doado propalar pseudoterapias, tamén temos ao noso dispor máis coñecementos e máis divulgación científica que nunca. Aquí xoga un papel importante aprender a filtrar esta información, como comentabas antes.

-Unha mellor cultura científica ou un maior nivel educativo preveñen contra a pseudociencia e os remedios milagrosos? Ou afecta a toda a sociedade e en todo o planeta?

-A cultura científica da sociedade en xeral, sen dúbida. O nivel educativo… se falamos do nivel educativo do conxunto da sociedade, supoño que si, pero non individualmente. Semella sorprendente, pero con frecuencia persoas moi formadas caen no engano da superstición ou da pseudociencia. Non só iso, senón que pode ser máis difícil facerlles ver que están trabucadas, precisamente porque se escudan nesa formación. Hai que lembrar tamén que os estafadores se ceban sobre persoas enfermas ou en dificultades extremas e é difícil predicir como se vai comportar un mesmo nesa situación, na que se tende a perder a racionalidade.

Aquí podes ler esta entrevista en castelán

2 COMENTÁRIOS

  1. Me gustaría tener la posibilidad de que tu artículo estuviera en español. Veo que existe la posibilidad en catalán, pero no en español. Una pena.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T