Venres 29 Marzo 2024

270 científicos impulsan o Instituto para o Envellecemento Saudable

No ano 2012 máis de 1.200.000 persoas superaban os 65 anos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, segundo o Anuario Estatístico Galicia Norte de Portugal 2013 da Xunta de Galicia. O envellecemento da poboación é un dos grandes retos sanitarios que enfronta a sociedade actual, que ten na investigación un dos seus principais aliados para mellorar a calidade de vida e a saúde das persoas maiores. Co obxectivo de buscar solucións baseadas na bioenxeñaría a eses retos sanitarios que se presentan por mor do envellecemento da poboación, oito entidades público-privadas da Eurorrexión, lideradas pola Universidade de Vigo, están a promover a creación do Instituto de Bioenxeñaría para o Envellecemento Saudable, Iberos, unha proposta que acaba de ser presentada ao Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, POCTEP 2014-2020, coa intención de captar os 2,5 millóns de euros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento ata 2020.

Máis de 270 científicos e científicas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, a Católica Portuguesa e Minho, así como Instituto de Investigacións mariña do CSIC, a Fundación Profesor Novoa Santos, o Instituto Superior de Engenharia do Porto e o Instituto Nacional de Engenharia Biomédica, integran o consorcio promotor de Iberos, “achegando un gran potencial investigador no ámbito da bioenxeñaría, con grupos punteiros e moi recoñecidos internacionalmente. Este instituto pretende crear sinerxías e concentrar todo ese esforzo humano e económico, focalizándoo na procura de solucións”, explica Pío González, coordinador da Rede Galega de Biomateriais (RGB) e investigador da Universidade de Vigo. A institución académica viguesa participa neste proxecto con 32 investigadores e investigadoras do Grupo de Nuevos Materiales do Departamento de Física Aplicada e Team Nano Tech e Química Coloidal do Departamento de Química Física.

Publicidade

O instituto tentará captar da UE os 2,5 millóns de euros para o proxecto

Osteoporose e fracturas átipicas; osteoartrite, osteosarcomas, periodontitis; enfermidades neurodexenerativas como Alzheimer; cancro e enfermidades reumáticas ou dexeneración da cartilaxe, artrose ou desmineralización dental, son algúns problemas concretos relacionados co envellecemento aos que os e as investigadoras que integran Iberos tentarían dar solución. “Desde o instituto pretendemos desenvolver unha carteira de produtos tecnolóxicos que acheguen solucións ás enfermidades asociadas ao envellecemento”, explica González, que apunta ao desenvolvemento de próteses e implantes con recubrimentos avanzados para mellorar a súa vida útil, a sensores baseados en nanotecnoloxía para a diagnose temperá, ao uso de nanopartículas e nanocápsulas con fins terapéuticos e de instrumentación biomédica para a diagnose precoz, como algunhas desas solucións aos problemas de saúde asociados á idade avanzada.

Neste sentido, o investigador da Universidade de Vigo lembra que a procura de solucións baseadas na bioenxeñaría para problemas relacionados co envellecemento é unha prioridade de innovación común recollida na Estratexia de Especialización Intelixente da Eurorrexión, RIS3, e que o traballo en rede dos investigadores e investigadoras de Iberos “pode permitir obter resultados ao máis alto nivel internacional, a tempo que se incrementan as capacidades científicas da Eurorrexión neste campo”. No caso concreto da trintena de investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo que traballarían no instituto, Pio González sinala que achegarían ao consorcio “unha importante bagaxe de I+D en áreas de nanotecnoloxía e biomateriais”, co engadido de que as súas investigación inciden en aspectos clave de enfermidades asociadas á idade como as neurodexenerativas, do aparato locomotor ou reumatolóxicas.

Á espera da resolución da solicitude por importe de 2,5 millóns de euros presentada ao POCTEP, o coordinador da Rede Galega de Biomateriais, explica que a parte máis importante do pedido se dedicará á captación e retención de talento investigador. “Preténdese contratar nove investigadores ou investigadoras sénior, cun currículo brillante, que consoliden as liñas de investigación estratéxicas en bioenxeñería orientada ao envellecemento saudable”, explica Pío González, que sinala que tamén se pretende formar a 45 investigadores e investigadoras noveis, mediante contratos curtos, para realizar os seus traballos de mestrado e doutoramento. Outras partidas dedicaranse ao desenvolvemento de proxectos de investigación colaborativos, transferencia de resultados á contorna socioeconómica e á comunicación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artigo anterior
Seguinte artigo

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.