O desgaste causado pola periodontite pode acabar provocando a caída dos dentes. Fonte: Clínica Pardiñas.
O desgaste causado pola periodontite pode acabar provocando a caída dos dentes. Fonte: Clínica Pardiñas.

Periodontite: un desgaste silencioso que cómpre parar a tempo

A destrución dos tecidos da enxiva e as pezas dentais está causada pola falta de coidado da boca e os hábitos pouco saudables

É unha doenza moi habitual, tan frecuente que moitas persoas non deciden tratala ata que os seus efectos son xa irreversibles. A periodontite, tamén coñecida como piorrea ou enfermidade periodontal, afecta a unha parte importante da poboación, e caracterízase polo desgaste progresivo dos tecidos que rodean as raíces dos dentes, no ligamento periodontal e o óso dos maxilares onde están introducidas as raíces. Nestas zonas, onde se acumulan os restos dos alimentos e produtos que inxerimos, e que interaccionan coas bacterias bucais, comezan a producirse unha serie de reaccións químicas, a partir das cales se crean toxinas que desenvolven un proceso inflamatorio e infeccioso.

Unha doenza moi frecuente

A perda de pezas dentais era a norma en épocas pasadas, nas que o coidado da saúde bucodental non se tiña tan en conta. “Moitas persoas desdentadas total ou parcialmente sono por mor desta enfermidade; chega un momento en que a perda de óso ao redor das raíces é tal que os dentes empezan a moverse e ao ir quedándose sen os cimentos acaban por caerse”, explica o odontólogo Simón Pardiñas, director da Clínica Médico Dental Pardiñas.

Unha das razóns do elevado impacto desta patoloxía na poboación é que boa parte do proceso cursa sen dor nin molestias. Aparecen algúns síntomas que evidencian a presenza da piorrea, como o sangrado de enxivas, o mal sabor de boca e a halitose, pero ás veces pode derivar nunha infeccion aguda. Con todo, nalgúns casos o tabaquismo pode ocultar o avance da enfermidade, segundo advirte Pardiñas. “En moitas ocasións o sangrado pode estar enmascarado en fumadores, pois o tabaco diminúe a vascularización das enxivas agravando aínda máis o proceso; por unha banda prívanos dun sinal clave, como é o sangrado, e por outro, ao haber menos irrigación, fai que os mecanismos de defensa corporais non actúen adecuadamente, co cal o proceso tende a avanzar máis rapidamente”.

Nalgúns casos hai, ademais, segundo expón Simón Pardiñas “un factor que predispón a cada individuo (xenético) que é clave, e é o que explica o que pacientes con moi pouco sarrio poidan desenvolver unha enfermidade periodontal; e viceversa, que pacientes con moito sarrio apenas teñan perdas óseas nos maxilares”.

Ademais, a placa acumulada pode causar problemas alén da boca, ao incorporarse ao torrente sanguíneo e chegar a órganos como o corazón, causando endocardite, a infección das válvulas cardíacas que pode desembocar en serias complicacións de saúde.

Como se trata a periodontite?

É esencial que a periodontite se conteña a tempo. “Cando non se trata, evoluciona irremediablemente antes ou despois cara á perda dos dentes por un fracaso dos alicerces que os sosteñen; unha vez que os dentes caen ou se extraen o proceso desaparece, é dicir non se segue perdendo altura de óso nos maxilares”, apunta o director da Clínica Médico Dental Pardiñas. Canto máis precoz sexa o diagnóstico mellores serán os resultados do tratamento e polo tanto mellor será o prognóstico das pezas dentais.

Unha vez detectada a enfermidade periodontal hai que facer un estudo detallado peza por peza para avaliar o grao de afección, e en función deste estudo planificarase o tratamento e evaluarase o prognóstico a longo prazo.

“Se a perda de óso e as bolsas periodontais son moderadas, abondaría cunha eliminación exhaustiva do sarrio que se acumula ao redor dos dentes, mediante un procedemento chamado raspaxe e alisados das raíces, cuns instrumentos chamados curetas”, detalla Simón Pardiñas. Como complemento, é moi importante que a persoa cumpra cun programa de hixiene oral para continuar no domicilio, mediante a limpeza detallada e periódica da boca e os dentes.

A continuación deben facerse avaliacións periódicas con controis de placa e repasos oportunos. De facerse correctamente o tratamento na casa, e nas revisións se corrobora a estabilidade do proceso, probablemente non sexa necesario facer nada máis que as revisións e mantementos periódicos que o profesional ditamina segundo o caso.

Cando a enfermidade está xa un pouco máis avanzada e con bolsas máis profundas, cunha maior perda de óso e certo grao de mobilidade das pezas, e posible que haxa que realizar un tratamento cirúrxico de enxivas, ademais dos raspaxes e alisados, para erradicar completamente todo o proceso infeccioso que está en profundidade. Do mesmo xeito, una vez rematado o tratamento requeriranse os programas de mantemento periódicos que o especialista determine.

Se a perda ósea arredor das raíces é xa moi importante, pouco se pode facer salvo a extracción das pezas correspondentes, tendo que acometer, se así se considera, a substitución por pezas novas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.