Un laboratorio de Santiago tenta resolver o asasinato do ‘Che Guevara’ africano

Un laboratorio de Santiago de Compostela traballa cos supostos restos de Thomas Sankara, coñecido como o ‘Che Guevara’ africano, asasinado a tiros en Burkina Faso hai tres décadas. A súa morte provocou unha conmoción en toda África.

O Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro é o lugar onde se atopan agora os restos humanos, para realizar a análise definitiva de ADN que permita determinar se corresponden ao líder panafricano. O laboratorio, que fora fundado polo xenetista Ángel Carracedo, é agora dirixido por María Victoria Lareu, coñecida nos medios por ter resolto o caso do asasinato de Eva Blanco. Especializados no estudo de restos xenéticos moi degradados, como os das vítimas da Guerra Civil, o centro compostelán é a derradeira esperanza para pechar un caso xudicial que esperta gran expectación en toda África.

Publicidade

Fidel Castro condecorando a Thomas Sankara.
Fidel Castro condecorando a Thomas Sankara.

Thomas Sankara (1949- 1987) foi un capitán militar e panafricanista que presidiu Burkina Faso de 1983 ata 1987. Figura carismática da revolución, foi el quen decidiu cambiar o nome do seu propio país, denominado Alto Volta polos colonizadores franceses, e agora Burkina Faso: “O país dos homes íntegros”. No seu mandato, promoveu medidas para eliminar a corrupción, unha fonda reforma agraria e rematar coa débeda externa que afogaba ao país. Outras medidas moi aplaudidas no mundo foron a súa campaña de vacinación de 2,5 millóns de nenos contra a meninxite e a febre amarela. Ou a plantación de dez millóns de árbores para frear a desertificación do Sahel. Tamén prohibiu a ablación do clítoris, os matrimonios forzados e a poligamia, medidas polas que foi aclamado como feminista nun país cunha cultura retrógrada.

Pero a popularidade internacional de Sankara petou contra os sectores máis conservadores do país. Ata que foi derrocado e asasinado nun golpe de estado liderado polo seu ex colaborador Blaise Compaoré, o 15 de outubro de 1987. O cambio de réxime contou coas simpatías da antiga potencia colonial, Francia.

Publicidade

Campaoré, o asasino de Sankara, vive protexido en Costa de Marfil

Compaoré gobernou con man de ferro ata ser derrocado en 2014. O seu goberno foi un dos máis corruptos da historia de África, ademais de apoiar ao criminal de guerra liberiano Charles Taylor. Tras ser expulsado do poder o presunto asasino do Che Guevara africano refuxiouse na veciña Costa de Marfil, onde está protexido e ten un compromiso de non ser entregado á Corte Penal Internacional.

Pero nos últimos dous anos, o novo goberno de Burkina Faso quere facer xustiza con Tomas Sankara. Primeiro foron exhumados os supostos restos do líder panafricano, xunto a outros 12 colaboradores. Pero as primeiras mostras levadas a un laboratorio de Marsella foron negativas: non había ADN dabondo para emitir unha identificación certificada. Por iso, a xustiza de Burkina Faso recorreu ao laboratorio compostelán.

O xuiz encargado do caso Sankara en Burkina, François Yaméogo, xa inculpou a catorce persoas, encabezadas por Blaise Compaoré e o tamén xeneral golpista Gilbert Diendéré. Agora, o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro de Santiago de Compostela ten a clave para que se faga xustiza con Sankara, o Che Guevara africano, tres décadas despois do seu asasinato.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do proxecto de Carracedo: como poñer nome ás enfermidades raras de galegos sen diagnóstico

A análise do xenoma completo e o uso de tecnoloxías avanzadas permiten detectar mutacións complexas tras máis dunha década de probas sen resultado

Un proxecto liderado por Carracedo resolve os casos de 18 galegos que levaban 10 anos sen diagnóstico

A iniciativa é un dos eixos da Estratexia Nacional de Medicina Personalizada e conta cunha rede de 110 hospitais e máis de 500 expertos de toda España

Atrapado polo ADN: así cazou a xenética o asasino rubio de Elisa Abruñedo

A detección da mutación no xene MC1R, que outorga unha cor avermellada ou alaranxada no cabelo, foi clave para identificar o culpable

Un estudo con selo galego identifica variantes de ADN coas que predicir o risco de TOC

A investigación revela relacións xenéticas con outros trastornos psiquiátricos como a síndrome de Tourette, a anorexia nerviosa, a ansiedade e a depresión