Xoves 25 Abril 2024

Timoteo O’Scanlan, un médico irlandés contra a varíola en Galicia

Atallou un gromo epidémico na Coruña e Ferrol, inoculando á poboación con pó das pústulas pulverizadas e disoltas en auga

En 1769, estalou no norte de Galicia un brote de varíola que comezou a asolar á poboación. A Coruña e Ferrol foron as cidades máis afectadas, cunha mortalidade próxima ao 50 por cento. Pero, fronte á gravidade da situación, por fortuna aquel ano contaban cunha nova arma contra a epidemia. Trouxéraa o médico irlandés Timoteo O’Scanlan, que estaba destinado en Ferrol como médico dentro do rexemento de  Hibernian destacado na cidade departamental. Era a técnica da ‘inoculación’, que consistía en administrar a un paciente san o contido das pústulas dun enfermo, de xeito que quedase inmunizado. Era un anticipo da futura vacina, obtida dunha variante das vexigas da vaca, que Edward Jenner probaría décadas máis tarde, en 1796. Pero, naquel gromo de 1769 que se estendeu ata 1771, a técnica adiantada por O’Scanlan en Galicia puido salvar moitas de vidas.

Timoteo O’Scanlan nacera na localidade irlandesa de Newcastle, aínda que se trasladou moi novo a Francia, onde estudou no Colexio Irlandés e cursou medicina na Universidade de París. Tras a súa licenciatura, en 1754, conseguiu emprego no Rexemento Hibernia, establecido en Ferrol, onde en 1766 foi nomeado director do Real Hospital de Mariña.

Publicidade

A vexigas eran naqueles tempos unha doenza terrible, que se cebaba coas cidades, onde a concentración de poboación favorecía os contaxios. E outro tanto sucedía cos exércitos, polo que os militares estaban especialmente interesados en atallala. Por iso O’Scanlan era un firme partidario da  inoculación como medida profiláctica para evitar o avance destas epidemias.

O pai da vacina da varíola Edward Jenner, nun cadro aconsellando a un granxeiro vacinarse.

A técnica consistía en  inocular nun individuo san po procedente de pústulas disolto en auga. Dise que levaban usando esta técnica durante séculos nalgunhas tradicións médicas orientais, e conseguía os seus obxectivos aínda que entrañaba graves riscos de que o paciente, en lugar de inmunizarse cunha versión menos grave da doenza, en realidade enfermase gravemente e puidese falecer.

O’Scanlan acometeu na Coruña e Ferrol a  inoculación da poboación, non sen polémica porque había non poucos ‘negacionistas’ da época, que se opoñían á nova técnica, tamén desde a medicina e desde a teoloxía. Cando se chegou a predicar contra a  inoculación nalgúns púlpitos, a oposición popular fixo moi difíciles estas campañas, que logo o médico irlandés retratou en varias publicacións científicas.

Parte do tratado sobre inoculación de O`Scanlan.

Nos seus escritos dedicados á  inoculación da vacina –“Práctica moderna de la  inoculación” (Madrid, 1784), “La  inoculación vindicada” (Madrid, 1786) e “Ensayo apologético de la inoculación” (Madrid, 1792)- amosaba un panorama moi completo da vida na España da Ilustración no que se refire á Medicina e aos médicos.

En Santiago publicou “La inoculación vindicada: carta repulsoria de las calumnias i falsas acusaciones que contra ésta practica i sus defensores publicó el lic. D. Vicente Ferrer i Gorraiz … en un libro intitulado Juicio o dictamen sobre el proceso de la inoculación”. Na obra deféndese do antinoculista Vicente Ferrer, quen dicía que non tiña ningún efecto beneficioso. Entre os argumentos a favor, O’Scanlan recolle o testemuño do corrixidor da Coruña, José Antonio de Armona, favorable á nova técnica.

Tratado de Timoteo O`Scanlan sobre a vacinación.

Pero, por riba de calquera teoría, Galicia fora o gran campo de probas para que O’Scanlan demostrase a bondade da  inoculación, usando as  pústulas pulverizadas e disoltas en auga, dos casos de vexigas máis benignos, administrados á poboación sa. Ademais, para dar exemplo, o irlandés tamén practicou a inoculación aos seus dous fillos, María e Timoteo, este último – Timoteo O’Scanlan de Lacy-, capitán de fragata, que chegou a alcanzar gran fama na súa vida tras escribir unha “Cartilla práctica de construción naval” (Madrid, 1829), un “Dicionario marítimo español” (Madrid, 1831) e outras obras sobre construción naval.

A transcendencia do traballo do doutor O’Scanlan en Galicia tivo o seu premio cando en 1778 foi nomeado membro da Real Academia de Medicina, en Madrid, ao tempo que se consagraba como un dos máis reputados científicos da Ilustración, ata a súa morte en 1795.

E todo iso pola sabia decisión do  intendente da Coruña, Julián de Arriaga, que foi quen encargou a O’Scanlan a súa campaña masiva de  inoculación das vexigas para atallar aquela pandemia do último terzo do século  XVIII. Aínda faltaban uns anos para que Edward Jenner pasase á historia ao  inocular a primeira vacina da varíola ao seu propio fillo. E para que A Coruña pasase a ser tamén un fito mundial, cando partiu do seu porto en 1803 a Real Expedición  Filantrópica da Vacina, con aqueles nenos orfos e a reitora Isabel Zendal a bordo da corveta ‘María Pita’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses