Atopan en Cedeira unha sauna de vapor castrexa duns 2.000 anos

Un equipo de arqueólogos dirixidos por Emilio Ramil atopou a pasada semana na punta do Sarridal, en Cedeira, unha ‘pedra formosa‘, a quinta localizada ata o momento en Galicia, durante uns traballos que están desenvolvendo na zona de Campo do Castro, na punta do Sarridal, a carón do mar. Ramil explicaba, nunha información recollida na web do concello cedeirense, que as pedras formosas forman parte dos coñecidos como “monumentos con fornos“, unhas construcións vinculadas á cultura castrexa e utilizadas para tomar baños de vapor, ao estilo dunha sauna. A estrutura atopada en Cedeira consta dun adro, unha antecámara, na que tamén existe un banco, unha cámara e unha entrada ao forno.

Segundo as evidencias atopadas, Ramil sitúa a construción desta sauna entre os séculos I a.C. e II-III d.C. O director da escavación destacou o excelente estado de conservación das estruturas, aínda que desapareceron a maioría das lousas do pavimento da cámara e a ‘pedra formosa’ que dividía as dúas cámaras e impedía a saída do calor do forno ao exterior. Este forno aínda permanece oculto, polo que aínda podería haber novos datos sobre este achado. En todas as estancias tamén se atoparon restos de cerámicas da época castrexa que aínda están pendentes de seren analizadas.

Publicidade

Pedra formosa conservada no castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños). Imaxe: Lansbricae / CC BY-SA 2.0.
Pedra formosa conservada no castro de Borneiro (Cabana de Bergantiños). Imaxe: Lansbricae / CC BY-SA 2.0.

As outras pedras formosas atopadas en Galicia están en Santa María de Augas Santas, Borneiro. Tamén hai constancia deste tipo de estruturas en Asturias e Portugal.

O equipo de Emilio Ramil nesta ocasión estivo integrado por catro arqueólogos máis -Víctor Tomás Botella, Ánxo López Felpeto, José Ramón Martínez Casal e David Abella- e cinco auxiliares -Xoán Carneiro Herrero, Carlos Rodríguez López, Macarena Teijido Ferreiro, Mónica Legaspi e Sara Ramil Blanco, ademais de Alejandro Ramil Blanco que levou a cabo o traballo audiovisual captado coas imaxes obtidas por un dron.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades