Un burro, afoutado por un inglés e un holandés, defeca enriba dun español e dun francés, que reciben os excrementos dando ‘grazas a Deus pola forte lavativa‘. Estes, á súa vez, padecen unha intensa diarrea, con deposicións coa forma de galeóns. No resto da estampa vemos ao Rei Sol, Luís XIV, coa campá típica dos parvos e a Felipe V fuxindo a lombos dun coello. Unha lenda preside a escena: ‘Vigo´s Cagados‘, ‘Os cagados de Vigo’.
A estampa non pertence ao inferno de El Bosco, senón a algo tamén artístico, pero moito máis grotesco. É un gravado holandés sobre a Batalla de Rande, que se conserva no Museo Británico, e que ata agora non aparecera na historiografía sobre o acontecemento. ‘Vigo´s Cagados’ representa o maior escarnio que se teña coñecido sobre o desastre naval do 23 de outubro de 1702.
Porque non todo foi épico na Batalla de Rande. Houbo 2.800 mortos e 2.500 feridos. Un total de 17 galeóns e 19 buques da escolta francesa foron capturados, incendiados ou afundidos. E a coñecida internacionalmente como ‘Batalla de Vigo‘ saldouse como unha das maiores traxedias navais da historia. Unha vitoria total da escuadra combinada anglo-holandesa e un desastre para a armada franco-española. Só o tesouro de Indias, descargado previamente, conseguiu salvarse dun episodio que quedou na memoria de todos os contendentes.
En Inglaterra, acuñáronse moedas coa prata que os vencedores lograron recuperar. Os londinienses deron a unha céntrica rúa o nome de Vigo Lane (hoxe, Vigo Street). Fundíronse medallas conmemorativas en Utrecht e Londres. E pintáronse fermosos óleos representando a batalla.
Tras da victoria, imprimíronse ducias de gravados en Londres e Utrecht
Pero había máis contas que axustar. Inglaterra odiaba ao petulante Luís XIV e as súas ambicións imperiais en Europa. E as Sete Provincias Unidas dos Países Baixos non esquecían as guerras de relixión contra Felipe II. Así que Rande foi, tamén, a oportunidade de rir a escachar da derrota do inimigo.
Ata agora, coñeciamos os poemas satíricos publicados con motivo da batalla. Algúns mesmo rían do almirante George Rooke, polo pobre botín conseguido. Moitos foron publicados en ‘The Daily Courant‘, o primeiro xornal diario da historia, que comezou a editarse precisamente en 1702 e que tivo Rande como o seu primeiro ‘culebrón’ noticioso de éxito. Pero nada chega aos cumios da malicia que acada o gravado de ‘Vigo´s Cagados‘, que descubrimos nos arquivos do British Museum.
O gravado foi impreso en Holanda, en 1703, tras a batalla. Aparece en primeiro plano un animal de carga, con alforxas cheas de moedas. O conservador inglés, na catalogación da peza, afirma que é un boi (ox), pero leva bridas e parece máis un burro. O bicho ten os cuartos traseiros en pompa e defeca cara ao espectador. A bosta subseguinte cae sobre dous personaxes: un fidalgo español e un francés, que aparece espido. En senllas lendas, os ‘Cagados de Vigo’ exclaman: “Grande Clisterio” (Gran lavativa) e “Te Deum laudamus” (Louvámoste, Señor). Á súa vez, o francés e o español tamén defecan. E os seus excrementos convértense nos barcos da súa flota, tanto os galeóns como os buques de liña. Entre estes últimos, está representada unha galiña, suxerindo covardía.
Ao longo do gravado, aparecen outras escenas menores. Como a que representa ao rei Felipe V -o primeiro Borbón, antepasado de Juan Carlos I- fuxindo a lombos dun coello, perseguido por Carlos de Austria montado nun aguia. Pola súa banda, Luís XIV de Francia é representado cunha bolsa chea de moedas e a campá dun parvo. Aparecen na obra varios cofres do tesouro de Indias, con inscricións en castelán de ‘pagador’, ‘financeiro’ e ‘Polo Rei’. En varios deles, hai ratas roendo a madeira. Ao fondo do gravado adivíñanse unhas torres e lese: ‘Santiago‘, en alusión a Compostela.
Esta xoia do Museo Británico foi doada polos holandeses á raíña Ana Estuardo, soberana de Inglaterra durante a batalla de Rande. En realidade, a relación entre os ingleses e as Provincias Unidas era tan estreita que o seu predecesor como rei en Londres fora Guillermo III de Orange. Así que tiñan moitas razóns para rir xuntos. E ‘Vigo´s Cagados, desde logo, debeu dar para moita carallada. Tres séculos máis tarde, o gravado descríbenos unha época e as súas paixóns. E axúdanos a entender o alcance popular da Batalla de Vigo, coñecida internacionalmente. É o retrato dos ‘Cagados de Vigo’.