Astérix e Lara Croft, sometidos ao xuízo dos historiadores

Unha revista on line de divulgación creada para dar cabida a artigos e investigacións de temática histórica e xeográfica mergullándose na súa presenza na cultura popular contemporánea, sexa cal sexa o medio ou a temática. Deste xeito preséntase El 8º historiador, unha publicación web creada este ano por alumnado e egresados da Facultade de Historia do campus de Ourense co obxectivo de rastrexar canto de verdade e canto de ficción hai en produtos como series televisivas, películas, cómics, novelas, videoxogos e mesmo música cando inclúen elementos supostamente históricos.

O videoxogo Ryse, Son of Rome, tamén analizado na revista
O videoxogo Ryse, Son of Rome, tamén analizado na revista

A revista naceu a finais do curso pasado da man de David Calviño, Ángeles Coello, Xoel Díaz, Marián Ferro, David Morenza, Roberto Rodríguez e Patricia Valle, unidos polo feito de estudar neste centro ourensán e por ser todos eles e elas membros activos da comunidade universitaria. Implicáronse cada curso na organización de xornadas como as de Novos Investigadores e Cando Mario Coñeceu a Clío, así como outras accións levadas a cabo desde a Delegación de Alumnos da facultade e a asociación de antigos alumnos Alehou. Dado que o grupo promotor son sete persoas, o nome elixido para a revista foi El 8º Historiador. “Como historiadores, a idea naceu porque nos interesa saber como se trata a historia en soportes que non son os puramente académicos ou clásicos, como os artigos científicos, pero que son máis populares entre o público xeral e que polo tanto teñen moita capacidade de impacto”, comenta Xoel Díaz.
Despois de seis meses de actividade, a publicación, comentan os seus creadores, xa ten entidade propia e un público crecente. “Estamos moi satisfeitos de como está funcionando”, sinala Díaz. Nas web do proxecto xa se poden ver artigos nos que se afonda no rigor histórico de series de televisión, películas, libros, cómics, música e videoxogos. Cada artigo é diferente, facendo nalgúns casos unha reseña, noutros unha análise en profundidade. “O que sempre intentamos é abordar os temas con rigor, tendo en conta o tempo e os recursos dispoñibles. Pensamos que este tipo de produtos, aínda que non sexan académicos, poden axudar a transmitir a historia a moita xente de xeito acertado”, recalca Xoel Díaz sobre a revista, que se actualiza dúas veces á semana, concretamente os luns e os xoves.
El manga de los 4 inmigrantes narra a vida dos xaponeses en Estados Unidos a principios do século XX
El manga de los 4 inmigrantes narra a vida dos xaponeses en Estados Unidos a principios do século XX

Entre os artigos que xa se poden ler nas súas páxinas está o tratamento da figura de Carlomagno na obra musical de Christopher Lee; os elementos históricos en series como The strain, sobre vampiros no Holocausto; Carlos, rey emperador, sobre esta figura histórica, ou The americans, centrada na Guerra Fría. No eido dos cómics, alén de achegarse aos coñecidos Astérix e Obélix, os historiadores afondan en publicacións como A Torre dos Mouros, de Manel Cráneo; El manga de los cuatro inmigrantes, de Henry Kiyama, ou Maus: relato de un superviviente, de Nicolas Meylaender e Zong Kai. En cine non faltan un monográfico sobre Drácula e referencias a Los miserables, Los girasoles ciegos ou El reino de los cielos. Tamén se achegan a libros como HHhH; Cuentos del 92; El clan del oso cavernario ou Un día de cólera. No caso dos videoxogos a lupa de El 8º Historiador póusase en títulos como Tomb Raider, Smite, Ryse: son of rome, Prehistory, Assassin’s Creed ou Never Alone. Entre os artigos máis lidos ata o momento, sinala, está o de The strain, feito por Patricia Valle.
Alén de facer análise, os autores da revista tamén realizan entrevistas a persoas que poden achegar visións interesantes sobre o tema do rigor histórico nestes produtos culturais destinados a público xeral. Deste xeito, a publicación conta xa con entrevistas a Ester de Frutos, xefa do Servizo de Educación do Museo del Prado, co gallo da celebración da segunda edición de Quedamos no Prado? Un episodio sobre Velázquez, unha iniciativa que permite a rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos achegarse á vida do pintor a través do cómic. Tamén hai entrevistas a Juan García, director de Prehistory, proxecto que pretende ser o primeiro videoxogo 100% realista desde un punto de vista histórico, ou a Alfonso Zapico, considerado un dos autores españois máis importantes do panorama actual, especialmente no ámbito do cómic histórico. “Cando hai iniciativas que nos parecen interesantes queremos darlle tamén voz na nosa revista”, indica Xoel Díaz.
Nos seus artigos, recalcan os autores da publicación, non só se queren achegar a produtos cun marcado aspecto histórico senón tamén “analizar calquera xénero, aínda que en principio non teña moita relación coa historia”. Aseguran que o máis importante é “que del se poida extraer algo de histórico, aínda que non sexa a súa finalidade”. A pesar de que a revista electrónica está en castelán, tendo en conta a lingua dos autores, os promotores da iniciativa agardan poder ter proximamente activa tamén a versión en galego e ampliar os contidos da publicación con sinaturas convidadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia abre o ciclo de faladoiros "Os mundos científicos de Vigo"

Os relatorios darán comezo o luns no edificio Redeiras cunha charla introdutoria que leva por título 'A divulgación científica en Galicia'

O cine familiar, a resistencia cultural das vilas galegas

Santiago Díaz e Concha Candán son propietarios do Cine Avenida en Caldas de Reis, a primeira multisala dun concello galego de menos de 10.000 habitantes

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas