Penedo dos Lobos: un campamento romano excepcional asolado polo espolio

Un equipo de arqueólogos estima que se perdeu entre o 60% e o 70% da información do xacemento a causa dos roubos de furtivos

Vista aérea do xacemento de Penedo dos Lobos. Crédito: José Costas / Roman Army
Vista aérea do xacemento de Penedo dos Lobos. Crédito: José Costas / Roman Army

Centos de historias permanecen agochadas a 1.483 metros de altitude. Todas elas serían capaces de describir as inquedanzas, os desexos e os modos de vida dos soldados que habitaron o campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense). O recinto, datado arredor do ano 20 a.C., foi construído durante o avance da campaña, polo que se pensa que estivo ocupado moi pouco tempo. Con todo, consideráse que ten un alto valor arqueolóxico porque permite coñecer os últimos momentos da conquista romana no actual territorio galego e, porque, ademais, as características do solo favorecen a conservación excepcional dos obxectos que se utilizaban no campamento. Pero agora xa non queda case nada. Os espoliadores arrasaron con case todo.

“Perdimos entre o 60% e o 70% da información do xacemento”, asegura José Costa, director científico da última campaña arqueolóxica levada a cabo en Penedo dos Lobos, que rematou o pasado venres. “Hai uns anos fixemos a primeira intervención. Sabiamos que queriamos volver, pero por uns motivos ou outros foise retrasando. Nós xa tiñamos a sospeita de que cando volveramos sería demasiado tarde”, asegura o arqueólogo, tamén profesor na Universidade de Salamanca e membro do colectivo Roman Army. “Demos a coñecer o recinto para que se catalogase porque este espazo ía ser repoboado e reforestado. Pero cando fas unha difusión, calquera persoa pode pasar por aquí”, explica o director das escavacións. De feito, hai uns meses recibiron o aviso de que un grupo de persoas estaban no xacemento.

“O sitio era moi rico e estivera densamento poboado”

JOSÉ COSTA, arqueólogo

As sospeitas confirmáronse cando o equipo visitou os restos do campamento romano. “Xa pasaran por aquí e estaba sistematicamente espoliado“, apunta Costa. Todo o que fose antigo, ou semellase selo, desapareceu. E o único que atoparon nos arredores do xacemento foron latas de conserva e outros refugallos que daban conta da realidade: o campamento fora espoliado. “Sabiamos que o sitio era moi rico e estivera densamento poboado. A técnica que nós usamos para extraer os materiais é moi cirúrxica, porque recuperamos os obxectos no seu contexto”, engade o arquéologo. Por exemplo, se unha moeda aparece debaixo dun muro, sábese que é anterior á súa construción e, polo tanto, pode axudar a datar o recinto. Pero sen os obxectos in situ pérdese o contexto.

Ademais, a distribución dos materiais permite coñecer o que Costa define como “microhistorias”. É dicir, como cociñaban, onde vivían ou en que zona acampaban os 800 ou 1.000 soldados romanos que habitaron temporalmente o campamento hai máis de 2.000 anos. Pero toda esa información perdeuse ao non ser capaces de atopar os materiais que o equipo de José Costa, durante a primeira intervención, fora capaz de documentar. “Identificaramos chatolas do calzado dos lexionarios, que as usaban para ter mellor suxeición. Tamén dúas moedas que axudaban a datar o xacemento na época de Augusto. Un pico dunha tenda de campaña ou para un animal…”, enumera o arqueólogo. Pero toda esa vida do sitio, e do que aconteceu despois, xa non se pode recuperar.

Aumento dos delitos

“Non hai datos estatísticos, pero espóliase moito. De feito, eu detecto un aumento deste tipo de delitos nos últimos anos”, asegura o director da escavación, dando conta de que o roubo producido en Penedo dos Lobos é máis unha regra que unha excepción. Costa cre, ademais, que as redes sociais están axudando a que se cometan máis este tipo de actividades, posto que hai unha maior promoción dos sitios que son susceptibles de sufrir o espolio. As persoas que o cometen adoitan empregar detectores de metais, dos que tampouco existe un inventario. E, por suposto, o despoboamento rural non axuda. Só contribúe a que este tipo de espazos de alto valor histórico queden máis desprotexidos aínda.

  • Unha das zonas de traballo do xacemento de Penedo dos Lobos. Crédito: José Costas / Roman Army
  • Traballos de escavación no campamento romano. Crédito: José Costa / Roman Army
  • Dous arqueólogos traballan nun dos espazos do xacemento. Crédito: José Costa / Roman Army
  • Vista área dos traballos arqueolóxicos. Crédito: José Costa / Roman Army

“Estas actividades non é que sexan daniñas de por si. Máis ben, temos tan pouca información do sitio, que xa nos quitaron todo o que podiamos saber”, continúa explicando Costa. Ao tempo, reclama unha normativa que pene este tipo de condutas. Segundo traslada, a lei marco do patrimonio histórico “non define ben a situación”. E malia que non está permitido o uso de detectores, ese tipo de delitos séguense cometendo porque os infractores teñen unha sensación de impunidade. “Estas persoas van a sitios onde xa sospeitan que pode haber algo, xogando no límite da propia legalidade”, asegura o arqueólogo. Ao tempo, reclama que haxa un debate público sobre como coutar este tipo de actividades e, tamén, como concienciar á poboación da importancia de non espoliar estes xacementos. “Despois vólvense gastar cartos públicos en recuperar os obxectos perdidos, cando se atopan. Moitos organismos pensan que é mellor recuperalos que perdelos para sempre”, engade.

Con todo, resulta moi difícil coñecer os detalles deste tipo de actividades. Por exemplo, se se trata de algo organizado ou non. “Sospeito que si ou que, polo menos, si que existe certa organización. En Burgos, por exemplo, sábese que hai redes de persoas que van facer turismo de detector“, apunta o director da escavación, malia que descoñece a situación de Galicia ao respecto. “É complicado. De todas formas, non só entran neste tipo de xacementos. Tamén en necrópoles, espazos non documentados do século XVIII ou en igrexas. Non é unha situación exclusiva de persoas que empreguen detectores de metais, isto vai máis alá”, indica. E un dos motivos, volve insistir, está nos lugares que perden cada vez máis poboación e que, polo tanto, xeran unha sensación de desleixo do patrimonio.

Un solo que favorece a conservación

Por iso José Costa e o seu equipo están tratando de poñer en valor Penedo dos Lobos, malia o espolio. “É un lugar único para coñecer un período histórico moi concreto, que é o da última conquista romana en territorio galego e como foron esas transformacións”, indica o arqueólogo, dando conta da importancia do campamento romano. Ademais, a zona conta cun solo areoso que non ten tanta acidez, que adoita ser o habitual en Galicia. “Tamén está moi ventilado e drenado. Todo xunto permite que se conserven os metais, que non adoitan durar máis aló de 200 anos pola acidez”, explica. É dicir, que Penedo dos Lobos é un sitio excepcional onde a meirande parte dos obxectos, hoxe espoliados, estarían nun estado pouco frecuente nos xacementos galegos.

Estes obxectos de Penedo dos Lobos poderían ser clave para contextualizar e entender outros xacementos semellantes. “Podemos atopar outro sitio semellante, pero xa non teremos tanta información para entendelo no seu contexto”, engade Costa. Malia as perdas, el cre que coñecer o sistema defensivo do campamento e entender ben as súas estruturas tamén achegará datos clave para afondar na historia do xacemento. Os seguintes pasos, despois do procesamento da información e materiais recabados, así como da prospección xeofísica, están claros: “Aínda non sabemos o que temos, pero queremos que se sinalice o sitio, que se poña en valor. Talvez que se leven a cabo reconstrucións“, apunta. E, por suposto, que todos os materiais que se atopen vaian parar ao Museo de Ourense e formen parte das súas exposicións. Para recuperar todas esas historias que se perderon, hai máis de 2.000 anos, a máis de 1.400 metros de altitude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.