Venres 1 Decembro 2023

O estraño caso da mosca do cloroformo

O químico Generoso Álvarez e o zoólogo Luís Iglesias estudaron durante 40 anos un díptero que apareceu nun laboratorio

Unha mosca nun laboratorio desatou a máis surrealista investigación que xamais se rexistrou en Galicia. Durante corenta anos, o reputado químico Generoso Álvarez Seoane investigou á que chamou a “Mosca do  Cloroformo”, que primeiro atopou no Instituto  Bioquímico Miguel  Servet e logo no Laboratorio Municipal de Vigo. O catedrático de Zooloxía da Universidade de Santiago Luís Iglesias axudoulle a identificar aquel  díptero misterioso, cunha correspondencia que comezou nos anos 60 e continuou varias décadas. Finalmente, no ano 2001, aquela curiosidade rematou sendo un artigo científico, publicado na revista  Glaucopis.

Todo comezou a finais dos anos 50, cando o químico Generoso Álvarez Seoane era o director técnico do Instituto Miguel  Servet de Vigo, o mesmo que fabricaba produtos derivados do  caruncho do centeo, como a ergotina. Alí traballaban tamén nun fármaco que contiña vitamina  K ou menadiona, que se analizaba utilizando  cloroformo nunha vitrina con extracción de gases.

“Un día, a pouco de iniciada a evaporación do disolvente, xurdiron unhas moscas, a pesar de estar as ventás do laboratorio case pechadas. Achegábanse á solución  clorofórmica e moitas caían sobre ela, como  embriagadas”, explica Generoso Álvarez no seu informe científico.

Generoso Álvarez Seoane.

Máis tarde, decatáronse de que, cada vez que se utilizaba  cloroformo, “o laboratorio enchíase de  dípteros que se apiñaban nas xanelas, aínda despois de terminada a análise”. Ademais, as moscas eran dunha soa especie e diferentes da mosca doméstica.

Seoane recoñece que, co tempo, “xa considerabamos á mosca como a nosa amiga e compañeira de traballo” e que abondaba con abrir un frasco de  cloroformo para que aparecesen de inmediato, en maior número nos meses de outono, sobre todo outubro e novembro.

Máis tarde, comprobaron que as moscas aparecían tamén con outros compostos alifático  clorados, como o  tricloroetileno, aínda que non coa mesma intensidade. Así que un día cazaron varios exemplares destes insectos e remitíronllos ao catedrático da Universidade de Santiago Luís Iglesias. Para conservar aos  dípteros, e seguindo as instrucións do zoólogo, introducíanos en frascos con serraduras de cortiza impregnada en éter.

O curioso do caso é que estas observacións da mosca estendéronse durante máis de trinta anos no Laboratorio de control do Instituto  Bioquímico Miguel Servet de Vigo e tamén no Laboratorio Municipal de Vigo. “Ao non coñecer o nome científico da especie, empezámola a denominar Mosca do Cloroformo”, explica Álvarez Seoane.

As primeiras mostras foron enviadas en decembro de 1961, xunto cun detallado informe sobre un experimento que realizaron, abrindo ás 9 da mañá dous frascos de  cloroformo: “Ás once e media da mañá entrou a primeira das moscas que viramos achegarse a través das xanelas”, escribe Álvarez Seoane, “ás tres da tarde xa había centenares. Unha vez dentro, a inmensa maioría non segue avanzando cara ao cloroformo, senón que queda correndo de abaixo arriba nos cristais das xanelas antes citadas. Ao chegar ao marco, caen, póusanse máis abaixo e seguen correndo cara arriba”.

Podemos imaxinar o asombro do zoólogo Luís Iglesias cando recibiu estes ‘descubrimentos’ no seu despacho compostelán. Pero o certo é que, en xaneiro de 1962, respondeu sinalando que se trataba dun  díptero acalíptero, posiblemente da familia dos Escatofáxidos ou dos  Celópidos. “Parécelle un insecto non citado ata o de agora en España e pide novos exemplares”, anota no seu informe Generoso Álvarez Seoane, quen se toma moi en serio o estraño caso da Mosca do Cloroformo. De feito, elabora complexas táboas de observacións, con número de moscas anotadas diariamente, horas, estación do ano e cantidade de  cloroformo liberado.

Estes traballos científicos prolónganse durante anos, ata o punto de que o doutor Álvarez continúa investigando á misteriosa mosca nos anos 80, vinte anos despois de enviarlle a Luís Iglesias as primeiras probas. E aínda seguirá coa súa investigación a finais do século XX: “Como pode verse, a mosca aparece en gran abundancia no outono de 1977”, escribe no seu estudo, aínda que lamenta que “nos últimos anos do século, a pesar de chamala varias veces  evaporando cloroformo, non apareceu no laboratorio”.

O misterio, con todo, fora resolvido en parte xa nos anos 60. Consérvase abundante correspondencia sobre a Mosca do  Cloroformo entre Álvarez Seoane e Luís Iglesias, quen nunha das súas cartas comenta que este  díptero é unha variedade da conmúnmente chamada ‘mosca das algas’, que se observa nas praias. “O profesor Iglesias dicíanos nunha das súas cartas que estas moscas lembrábanlle ás que vira nas praias de Vigo pululando entre as algas”, lembra Álvarez Seoane, quen con todo obxecta que o laboratorio do Instituto Miguel  Servet de Vigo distaba dous quilómetros do mar, polo que conclúe: “Inclinámonos a crer que, polo menos parte das moscas observadas, vivían nos lixos domésticos, aínda que procedesen orixinalmente da costa”.

Non esquezamos que todo isto, que pode parecer un divertimento humorístico, é en realidade un artigo científico, no que participa quen foi presidente da Asociación Nacional de Químicos de Galicia –Álvarez Seoane- e un catedrático da sona de Luís Iglesias, Científico  Galego  do Ano 2014, homenaxeado pola Real Academia  Galega de Ciencias. Tratábase dunhas moscas nun laboratorio, pero foron analizadas cun rigor científico implacable e a investigación resultante apareceu publicada en 2001 na revista indexada Glaucopis.

Nas conclusións do traballo, sinálase o fito científico de décadas estudando esta mosca: “por primeira vez sinálase a forte atracción que exerce o  cloroformo sobre os individuos desta especie. Dita atracción tamén a exerce o tricloroetileno, aínda que con menor intensidade”. E Álvarez Seoane remata propoñendo “que se denomine ‘Mosca do  Cloroformo’ á especie  Coelopa  frigida,  F.,  variedaes  gravis e  parvula,  Hal.”

Así foi o estraño caso dunha mosca aparecida nun laboratorio de Vigo, que mobilizou experimentos, anotacións e recursos de investigación durante preto de corenta anos. Para demostrarnos que, para un bo científico, nunca hai un tema que poida considerarse menor…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario

Exposicións, obradoiros, rutas e premios: as outras actividades divulgativas de Gciencia

O portal da ciencia galega emprendeu ao largo da súa traxectoria numerosas actividades para sacar a divulgación á rúa

Dez anos fomentando a curiosidade

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario