Autómatas do século XVII que, pola acción da auga e de enxeñosos mecanismos de cordas, engranaxes e poleas, espertaban a marabilla dos espectadores. Así eran os deseños do crego galego Domingo Martínez de Presa, quen soñou con imitar a natureza dende a montaña ourensá.
No ano 1645 o Conde de Lemos, quen tiña xurisdición sobre Xinzo de Limia, presentou ante o bispo ourensán a Martínez de Presa para que o nomease crego dunha parroquia de Calvos de Randín. Alí estaría ata o seu falecemento vinte anos máis tarde. E pasaría o tempo deseñando máquinas incríbles para a súa época, que reuniu nun interesante tratado. Persoeiro ao tempo descoñecido en partes esenciais da súa biografía, descoñecemos a súa procedencia, pero a súa denominación como licenciado indica que tería estudado nalgunha universidade, ao tempo que a ausencia do seu expediente de ordenación sacerdotal na diocese de Ourense fai pensar que sería ordenado noutra.
Nestas terras montañosas “sen comunicación”, este enxeñoso clérigo propúxose “(…) fuxir do lecer vicioso (…) e facer cousas que non se viron”.

A información máis importante sobre este inventor galego da Idade Moderna chega a través da súa obra, da que se conserva un exemplar. Porque, en 1662, editou en Madrid o seu tratado “Fuerza del ingenio humano y inventiva suya. Relación breve de instrumentos ingeniosos, y de movimientos particulares, en que se imitan los naturales. De nuevo sacados a luz jamás vistos, ni oídos en España. Inventor, y autor dellos y de dicha relación, el Licenciado Domingo Martínez de Presa, Abad de San Miguel de Feás en el Obispado de Orense”.
Na primeira parte do libro hai unha ampla disquisición sobre as milagres (quizais para sortear os riscos da Inquisición) que clasifica en tres clases: verdadeiros, finxidos e aparentes, correspondendo seus enxeños a este último grupo, “maravillas del ingenio, son los que no solo consisten en saber ocultar las causas, sino también en disponer por tal arte, que no vistas parezcan milagros; y vistas, causen admiración, por el ingenio con el que están dispuestas”.
O noso crego inventor amosa un bo coñecemento sobre astronomía, xeometría, aritmética, medicina e cosmografía, así como das técnicas da reloxería, facendo unha descrición clara e concisa do funcionamento dos reloxos. O pouco que coñecemos sobre Martínez de Presa está escrito na súa obra, que estivo esquecida durante séculos ata a súa reedición, precedida dun estudo de Mercedes Cabello Martín, no ano 2000 a partir do único exemplar coñecido, custodiado pola Biblioteca da Universidade Complutense.

As súas máquinas marabillosas son desritas en dous apartados. Un deles, referido a cinco instrumentos de corda que son movidos por auga e un conxunto de mecanismos de rodas articuladas que permiten a xeración de sons, pulsando un número determinado de cordas, semellantes á zanfona, bandurra, lira e guitarra, e nos que se combinan diferentes harmonías e sons. O outro apartado refírese a tres caixas “para deleytar la vista” de grandes dimensións. A primeira caixa, cuadrangular e de 1.25 x 0.60 metros, tiña dezaseis apousentos distribuídos en catro niveis nos que se movían figuras “poco mayores q(ue) dedos de la mano”.
Algunhas das figuras emitían música, neste caso promovida polo aire, e todo o conxunto movíase pola acción da auga e un mecanismo de rodas e poleas. A segunda caixa, de forma oval e de dimensións semellantes, era tamén accionada por auga , e “que el Rey de España puidera ver”, consta de cinco niveis ou “galerías” onde se desenvolven escenas tan complexas como unha orquestra, as procesións do xoves e venres santo, unha escena popular, a batalla de Clavijo, o Rei na súa corte e o Polo Ártico.
Todas elas realizadas, segundo a súa relación, con un incrible número de personaxes en movemento. A terceira caixa, movida por un mecanismo de reloxería , de “pesas y muelles” (en nota ao marxe di, “este se halla en Madrid”, polo que habería que supoñer que os outros enxeños ficarían aínda en Galicia), ten no alto un pequeno firmamento tolemaico e despois catro caixas máis pequenas con escenas da vida de Cristo (Infancia, milagres, morte e resurrección). Emite tamén diferentes sons e, neste caso, “los bultos son pequeñitos, aún no como un dedo”.
Finalmente, describe un conxunto de pequenos enxeños, mesmo como xoguetes: cobras que andan, personaxes que se moven, centauros que disparan béstas, etc. Así mesmo escúsase de non presentar outras “eutropelias” que precisaban o concurso de outras persoas para a súa acción, pero non se resiste a describir a que montou con motivo da festa de San Miguel, patrón da súa parroquia, no momento da misa maior: “al decir Sánctus, vaxaron dos Ángeles al Altar, y puestos uno de un lado, y outro de outro, junto a los candeleros, de rodillas estuvieron con velas encendidas alumbrando al Sacrificio, y seis Serafines bolando encima de la cabeza del preste; y al consumir, bolando Ángeles, y Serafines, desaparecieron subiéndose”.
“Se non fora polo conxunto de testemuñas que cita, como a do bispo de Ourense, e sobre todo a de quen autorizou o libro, Fray Gaspar Salgado, lector de Teoloxía do Convento de Atocha en Madrid, que “he visto, y examinado una suma, compendio, ó breve relación de un teatro de apariciones, y instrumentos músicos de particulares movimientos, disposiciones y figuras”, poderíase pensar que todos estes extraordinarios enxeños eran froito da imaxinación do párroco de Feás”, explica o investigador Francisco Díaz-Fierros na súa monografía sobre Domingo Martínez de Presa no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.
“Herón de Alexandría deseñou a máis importante colección de autómatas da antigüidade, que tiñan como principios motores a auga e a dinámica dos gases”, recorda Díaz-Fierros: “Na Idade Media, foron os árabes os que crearon os autómatas máis orixinais, pero sería a partir do século XIV cando Europa recupera a primacía sobre a práctica e os coñecementos da mecánica e comeza a desenvolver os principais modelos destes orixinais enxeños, moitos deles como complemento dos reloxos públicos que se construíron nestes tempos”.
Así que, dende unha pequena parroquia de Ourense, un crego galego do século XVII ideaba autómatas. Chamábase Domingo Martínez de Presa e dalgún xeito estaba a soñar cos robots do futuro.
Aquí podes consultar a biografía de Domingo Martínez de Presa no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega