Marcos Martinón, catedrático galego de Cambridge, acada a prestixiosa Advanced Grant

O arqueólogo liderará REVERSEACTION, iniciativa coa que obtivo 2,5 millóns, para estudar o desenvolvemento tecnolóxico en sociedades non xerarquizadas

O arqueólogo Marcos Martinón Torres (Ourense, 1977), catedrático de Arqueoloxía da Universidade de Cambridge, obtivo recentemente o financiamento do Consello Europeo de Investigación (ERC) a través da convocatoria Advanced Grant, unha das máis prestixiosas liñas de apoio á investigación na UE, para estudar como era a cooperación nas sociedades prehistóricas que se desenvolveron sen xerarquías.

O proxecto, que leva o nome de REVERSEACTION, recibirá 2,5 millóns de euros nesta convocatoria, deseñada para apoiar o traballo de científicos cunha traxectoria recoñecida de investigación nos últimos 10 anos. Ademais de reforzar a base de coñecemento na UE, esta liña de financiamento permitirá crear 1.900 postos de traballo para investigadores posdoutorais, estudantes de doutoramento e outro persoal investigador.

Publicidade

En declaracións á Universidade de Cambridge, Marcos Martinón explica: “Moitas sociedades prehistóricas desenvolveron con éxito vidas complexas e ricas sen necesidade de xerarquías permanentes de poder e autoridades coercitivas. Podería dicirse que elixiron cooperar, e non só para garantizar a supervivencia. A falta de estruturas estatais non lles impediu desenvolver e manter tecnoloxías complexas, creando artefactos extraordinarios que requirían materiais exóticos, habilidades desafiantes e acordos laborais. Estou ansioso por entender por que, pero tamén por como o fixeron”.

Para o arqueólogo ourensán, “esta axuda non podería chegar nun mellor momento, xa que a acción colectiva recoñécese cada vez máis como a única forma de abordar algunhas das preocupacións mundiais actuais, e hai un valor importante en estudar como a xente colaborou no pasado. Estamos preparados para emprender un novo e desafiante camiño de ciencia arqueolóxica a gran escala”.

Publicidade

En declaracións a ABC, Martinón poñía como exemplo a sociedade dos muiscas, en Colombia, entre os séculos VI e XVI, que “non parecen amosar estruturas de Estado e, con todo, elaboraron adornos e ofrendas relixiosas de orfebrería dunha complexidade extrema, cerámicas espectaculares e fabricaron tecidos tanto con fibras vexetais como pelo animas ás que engadiron tinturas e pigmentos elaboradísimos”.

Ademais de Colombia, o proxecto REVERSEACTION estudará sociedades que habitaron no Gran Zimbabue, a Escandinavia medieval, o mundo minoico da illa mediterránea de Creta ou os castros do noroeste da península ibérica.

Marcos Martinón-Torres é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Estudou o doutoramento e traballou posteriormente no University College de Londres (UCL), onde se converteu, no ano 2005, no profesor titular de Arqueoloxía máis novo do Reino Unido. Despois dunha década nesta institución uniuse en 2018 ao Departamento de Arqueoloxía de Cambridge. Durante os últimos anos, o arqueólogo ourensán realizou investigacións por distintos recunchos do mundo. O máis recente, e no que continúa traballando, é o descubrimento das armas do Exército de Terracota, do que falaba nesta entrevista con GCiencia en 2019.

Marcos Martinón: “O xacemento do Exército de Terracota é máis grande cá cidade de Ourense”

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O achado de estribos de cabalo achega novas claves sobre a ocupación medieval do xacemento das Torres

A campaña arqueolóxica en Tomiño revela varios elementos metálicos de carácter militar e permite avanzar na cronoloxía e evolución do complexo defensivo

Do túmulo neolítico de Chousa Vella á foxa medieval de Fontenla: un proxecto afina o pasado arqueolóxico de Galicia

Unha investigación da Xunta de Galicia e o Incipit analiza 33 mostras para determinar a súa antigüidade a través da proba do carbono 14

Dous proxectos galegos captan cinco millóns de Europa para investigar en IA e en arqueoloxía na Antártida

A USC e o INCIPIT-CSIC lideran iniciativas seleccionadas entre as máis competitivas do Consello Europeo de Investigación

Achados os restos dun individuo perinatal no xacemento do Castelo de Valencia do Sil en Valdeorras

Os ósos indican unha idade estimada de falecemento entre 36 e 38 semanas de xestación, un descubrimento estraño no contexto tardorromano