Marcos Martinón é catedrático de Arqueoloxía na universidade de Cambridge. Créditos das imaxes: seaha-cdt.ac.uk / Hans A. Rosbach - CC BY-SA 3.0.

Un galego revela o segredo das armas do Exército de Terracota

Marcos Martinón, arqueólogo da universidade de Cambridge, lidera un estudo que atribúe ao solo do xacemento a boa conservación do bronce

O achado accidental dos guerreiros do Exército de Terracota, en 1974, na provincia chinesa de Shaanxi, foi un dos fitos da arqueoloxía mundial no século XX. Cando os investigadores comezaron a estudar os máis de 8.000 soldados de arxila a tamaño natural, cada un cos seus diferentes trazos faciais, posturas e peiteados (alén de máis dun cento de carros e 500 cabalos), chamoulles moito á atención o excelente estado de conservación das armas de bronce. Espadas, dagas, machadas ou lanzas que seguían afiadas máis de 2.000 anos despois da súa creación.

Desde aquel momento, as sucesivas investigación levaron á ciencia a concluír que aquilo se debía a que as persoas que fabricaran os guerreiros para a dinastía Qin (á que pertencía o emperador para cuxa tumba se construíu o Exército) desenvolvera unha técnica pioneira que usaba cromo para recubrir o metal e evitar a súa corrosión, e que non fora redescuberta de novo ata o século XX. Dicíase isto porque nas mostras tomadas nas armas dos guerreiros de terracota se atoparan restos de cromo.

Pero non foi así. Non houbo tal técnica pioneira hai 2.000 anos para conservar as armas dos guerreiros de terracota, polo menos coas novas evidencias atopadas agora. Acábao de descubrir un equipo liderado polo arqueólogo galego Marcos Martinón Torres (Ourense, 1977), investigador da universidade de Cambridge, que o conta nun artigo publicado por Scientific Reports. Foi, simplemente, a casualidade (ou non) de que o gran Exército de Terracota estivera enterrado nun solo cun pH moderadamente alcalino e a un tamaño das partículas moi pequenos, ademais doutros posibles factores, o que preservou as armas.

 

Resultados de pezas de bronce sometidas a diferentes condicións de envellecemento acelerado, revestimento de cromo e tipo de solo. Fonte: Scientific Reports.

Para chegar a esta conclusión, os investigadores liderados por Martinón analizaron a presenza dos diferentes elementos químicos en 464 armas a través da técnica de fluorescencia de raios X (XFR). E sorpresa: só había cromo en 37 delas, e non parecía haber correlación entre as armas mellor conservadas e a presenza deste elemento: parecía algo aleatorio, non o produto nunha técnica contra a corrosión do bronce.

Comezaron a buscar outras posibles explicacións á presenza do cromo, como a posible contaminación accidental con produtos utilizados para a elaboración das esculturas e as armas. Ata que repararon en que a laca probablemente usada para pintar os soldados antes de pintalos contiña cromo. Outra sorpresa: non parecía existir tal técnica punteira para previr a corrosión das armas, tal como postulaban as investigacións anteriores. “Por tanto, a teoría do tratamento antioxidante do cromo debería abandonarse“, din no artigo. Así que seguiron buscando respostas e introduciron outra variable, a das características do solo onde estaban enterrados os guerreiros de terracota, que non fora considerada en traballos anteriores.

“Máquina do tempo”

O equipo de Martinón construíu unha especie de máquina do tempo para provocar un “avellentamento acelerado” das armas, as lacas, e o solo do sitio, realizando tamén replicacións experimentais de como funcionaría a técnica de revestimento do cobre en diferentes solos. E aí estaba a clave, segundo apuntan os resultados da investigación. O pH moderadamente alcalino do xacemento (entre 8,1 e 8,5) e o pequeno tamaño do gran do solo “terían evitado a formación de ácidos que atacarían a integridade do metal” e “obstruído a ventilación e humidade precisas para a corrosión”.

Non en tanto, o traballo tamén alude a que as propias características das armas de cobre, moitas delas nunha aleación con estaño, contribuirían tamén en parte ao bo estado das armas durante máis de dous milenios, para que millóns de persoas poidan seguir ficando hoxe abraiadas ante elas.

Referencia: Surface chromium on Terracotta Army bronze weapons is neither an ancient anti-rust treatment nor the reason for their good preservation (Publicado en Scientific Reports).

1 comentario

  1. Dende Ourense enhoraboa a todo o equipo, liderado por un ourensán Marcos Martinòn, por ese novo descubrimento prá coñecemento da humanidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.