O gañador ou gañadora do VI Premio “Contar a Ciencia-la Caixa” de comunicación científica universitaria sairá das doce propostas seleccionadas por GCiencia, e que deberán ser presentadas antes do vindeiro 31 de abril. Estudantes das tres facultades de Comunicación de Galicia (USC, UVigo e UDC) enviaron as súas ideas para optar ao certame, convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado por Obra Social la-Caixa. O concurso tamén conta coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Universidades, e a empresa Primux Tech.
Unha vez recibidos os traballos, que abranguerán diversas investigacións que se desenvolven nas universidades e centros de investigación galegos, os participantes verán as súas informacións publicadas en GCiencia ao longo do mes de maio. As propostas recollen, na súa maioría, reportaxes escritos, aínda que tamén hai traballos que se centrarán en contidos audiovisuais e multimedia.
Despois da súa publicación, o xurado emitirá o seu fallo no mes de xuño de 2019. Estará encabezado por Juan Lema Rodicio, presidente da Real Academia Galega de Ciencias e catedrático de Enxeñaría Química da USC, e integrado tamén por representantes da Consellería de Educación, do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), de ‘la Caixa’ e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, GCiencia, e por un investigador galego de recoñecido prestixio.
O gañador ou a gañadora do VI Premio “Contar a Ciencia-la Caixa” recibirá 500 euros en metálico, un dispositivo electrónico (IoxPhone P1 de Primux) e diploma acreditativo. Tamén se recoñecerá a dous finalistas con cadanseu equipo de altofalantes portátil Sk-21 de Primux e un diploma acreditativo. Ademais, os restantes concursantes seleccionados para elaborar os seus traballos recibirán os seus diplomas en recoñecemento á súa participación.
Os premios entregaranse nun acto público que se celebrará en Santiago de Compostela entre xuño e xullo de 2019. No caso de non poder asistir ao acto, os gañadores e finalistas recibirán os premios por envío postal.
O ano pasado, o estudante de Xornalismo Íñigo Caínzos, da USC, foi o gañador da quinta edición do premio coa reportaxe, Un reloxo para a independencia, conta o proxecto de tres estudantes da universidade compostelá que deseñaron un dispositivo intelixente que axuda a persoas maiores cun grao de dependencia leve. Os outros dous finalistas, tamén alumnos de Xornalismo da USC, foron Paula Martínez Graña, con Os fármacos do futuro contra o cancro e a sida fanse en Santiago, e, Yago Grela, con Unha sociedade descorazonada.