Marcos Martinón é catedrático de Arqueoloxía na universidade de Cambridge. Créditos das imaxes: seaha-cdt.ac.uk / Hans A. Rosbach - CC BY-SA 3.0.

Marcos Martinón: “O xacemento do Exército de Terracota é máis grande cá cidade de Ourense”

O investigador galego Marcos Martinón foi o profesor titular de Arqueoloxía máis novo de Reino Unido, e leva 15 anos estudando os guerreiros de Xi'an

Marcos Martinón-Torres (Ourense, 1977) é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Unha beca Barrié impúlsao á capital británica, onde cursa o Máster de análise científico de restos arqueolóxicos e o seu doutorado, para finalmente convertirse, no ano 2005, no profesor titular de Arqueoloxía máis novo do Reino Unido. Tras unha década como catedrático de arqueoloxía na University College de Londres (UCL), o ano pasado uniuse ao Departamento de Arqueoloxía de Cambridge. Durante os últimos anos, o arqueólogo ourensán realizou investigacións por distintos recunchos do mundo. O máis recente, e no que continúa traballando, é o descubrimento das armas do Exército de Terracota. A pesar das súas viaxes, o Martinón-Torres mantén os lazos coa súa terra mediante distintos proxectos e colaboracións.

– Cando decide que quere dedicarse á arqueoloxía?

– Dende que era adolescente interesáronme a historia e a arte, intrigoume sempre como a arqueoloxía nos permite aproximarnos a persoas que xa non están aquí, ás súas maneiras de facer e pensar. Gústanme as cousas, os restos materiais que estudamos… pero atráenme aínda máis as sociedades que fabricaron, usaron, intercambiaron, reusaron e depositaron esas cousas, que atopamos nas escavacións centos ou miles de anos despois. Así que quixen ser arqueólogo case dende que teño recordos. Non é unha carreira moi convencional, nin cun futuro profesional garantido, pero na miña familia non atopei máis que apoio e entusiasmo. Animáronme a que perseguise o meu interese, e como sempre, o seu consello foi acertado.

– E que é o que máis lle gusta do seu traballo?

– Gústame poder combinar o mellor das ciencias e das humanidades, ler un día sobre física e outro sobre filosofía… E tratar de combinalas. Paréceme un luxo poder escribir historia, e non só ler as historias que escriben outros. Por suposto, tamén é unha sorte ter a oportunidade de coñecer moitos lugares e persoas interesantes, tanto na miña investigación como nas miñas clases e conferencias. A miña vida profesional obrígame a estar sempre alerta: novos métodos científicos, países descoñecidos, estudantes do máis diverso… e iso mantenme vivo e esperto, aínda que moi ocupado tamén.

– En que momento lle empezan a espertar interese os Guerreiros de Terracota? E que foi o que máis lle chamou a atención desta obra?

– Eu creo que o exército de Terracota é un deses temas que seducen a case todos, arqueólogos ou non arqueólogos, e dende logo que lembro a miña fascinación cando empezaban a mostralos na televisión nos anos 80. Sen dúbida, visitar Xi’an dúas décadas máis tarde foi un soño cumprido, e sentarme cos meus colegas chineses e británicos a traballar xuntos alí, un privilexio e unha gran responsabilidade.

Do mausoleo chámanme a atención dúas cousas: por unha banda, a súa magnitude; non esquezamos que o xacemento é máis grande que toda a cidade de Ourense, e construíuse en apenas uns anos. E por outra, a sofisticación técnica e artística que se atopa en cada detalle. O primeiro só pode apreciarse plenamente visitando o lugar en persoa. O segundo, utilizando microscopios e outras técnicas de análise. Son moi afortunado por poder facer ambas as cousas.

“Do mausoleo de Terracota chámame a atención a súa magnitude (máis grande cá cidade de Ourense) e a súa sofisticación técnica e artística”

– Despois deste achado, que queda por saber do Exército?

– Sen dúbida seguiremos falando do exército durante décadas. Para empezar, non esquezamos que o Exército de Terracota non é máis que un compoñente relativamente pequeno dunha gran cidade funeraria na que se seguen descubrindo e escavando numerosas estruturas e fosas. Temos o exército pero tamén acróbatas, músicos, carruaxes, aves… E por suposto a tumba do propio emperador, aínda por escavar. Cada un dos novos achados suscita novas preguntas. Entre outros moitos interrogantes, gustaríame saber máis acerca das fontes de cada un dos materiais que alí se atopan: metais varios, cerámicas, pigmentos de múltiples cores, quilómetros de vigas de madeira, toneladas de laca… aínda fan falta máis análises xeoquímicas para determinar a orixe de cada un destes materiais, e o mapa resultante sería unha boa ilustración de ata onde chegaba o poder do emperador.

Un galego revela o segredo das armas do Exército de Terracota

– E en que outros proxectos traballa?

– Ando moi disperso, o cal é un gran luxo pero tamén unha tolemia. Para dar unha idea, no último ano avancei en proxectos sobre as sociedades de Colombia antes e despois da chegada de Colón, empecei proxectos de colaboración moi prometedores en Creta e en Gran Cimbabue e publiquei traballos sobre diversos proxectos en China, Dinamarca, Israel, Portugal, Croacia, Chipre e España. Todos estes proxectos son posibles grazas á estreita colaboración con colegas e institucións en todos estes países, demasiados para nomealos a todos. Sen eles, non faría nada.

Ademais, estou a reorganizar e expandir os laboratorios e equipos de ciencia arqueolóxica da universidade de Cambridge, onde acabo de incorporarme como catedrático tras moitos anos en Londres, e trato de facer contribucións máis amplas á disciplina como presidente da Sociedade Internacional de Ciencias Arqueolóxicas, editor xefe do Journal of Archaeological Science… e algún que outro cargo. Iso sen esquecerme dos meus estudantes, que realmente son o que máis me ocupa e unha das miñas maiores fontes de satisfacción profesional.

– Que vantaxes están achegando as novas tecnoloxías á arqueoloxía?

– Neste momento non pode pensarse en arqueoloxía sen ciencia e tecnoloxía. Os maiores descubrimentos arqueolóxicos, os que cambian de verdade a nosa forma de entender o pasado, os que sorprenden a académicos e a leigos… teñen lugar en laboratorios ou, polo menos, con importantes contribucións das novas tecnoloxías. O mesmo sucede coas formas de achegar a arqueoloxía ao público. O que pasa é que cada vez están máis integradas as ciencias en todas as ramas de arqueoloxía e patrimonio, dende a escavación ata a musealización, de modo que nin nos paramos a pensalo.

Investigación sobre megalitismo e ourivaría en Galicia

– Aínda que traballe fóra, non deixa de lado a investigación arqueolóxica en Galicia. En que temas está centrado agora mesmo?

– Ademais dos proxectos que mencionaba antes teño abertas varias colaboracións con colegas en Galicia que me motivan especialmente. Por unha banda mantiven lazos con Antón Rodríguez Casal, da USC, sobre o megalitismo galego; o profesor Rodríguez Casal foi quen me introduciu á investigación cando eu era estudante, e moitos anos despois deume unha gran alegría poder colaborar con el na dirección da excelente tese doutoral de Miguel Carrero, que une megalitismo e ciencia.

Por outra, da man de Lois Ladra introducinme no estudo da ourivaría castrexa, e hoxe sigo traballando nese mundo, cada vez con máis fascinación. De feito, grazas a Aurelia Balseiro e outros colegas, hai poucos meses organizamos un congreso internacional sobre a arqueoloxía do ouro no Museo Provincial de Lugo, que atraeu a especialistas de todo o mundo. E, finalmente, traballo tamén estreitamente con Lois Ladra, do Incipit (CSIC), en varios proxectos sobre a Idade de Bronce na fachada atlántica que sitúan a Galicia no lugar que lle corresponde no contexto internacional.

– Que nos di a arqueoloxía do que é Galicia?

– A min, a arqueoloxía dime e lémbrame constantemente dúas cousas sobre Galicia. Ningunha delas é particularmente sorprendente, pero non por iso deixan de ser importantes. A primeira, que Galicia ten un patrimonio arqueolóxico, histórico e artístico extraordinario na súa riqueza e diversidade, igual que o son o seu patrimonio natural e os seus moitos intanxibles. Isto é algo que debemos conservar, estudar, celebrar e compartir. A segunda, que Galicia foi sempre permeable: recibindo, compartindo e enviando persoas, recursos, e ideas máis aló de calquera fronteira política. Por tanto, a mellor maneira de entender Galicia, cara ao pasado e cara ao futuro, é situala nun contexto máis amplo.

“Galicia ten un patrimonio arqueolóxico, histórico e artístico extraordinario: isto é algo que debemos conservar, estudar, celebrar e compartir”

– Bota en falta maior interese das Administracións para protexer, conservar e divulgar o patrimonio? Que cre que habería que facer?

– Dado que vivo e traballo no estranxeiro, non son a persoa máis indicada para comentar sobre aspectos administrativos, xa que carezo de experiencia directa. O único que podo facer é xulgar polos resultados que vexo parcialmente, e o que vexo é que cada vez hai máis concienciación social do valor do patrimonio, mellores museos e investigacións máis punteiras que teñen repercusión a escala global. Sen dúbida, detrás destes éxitos está o traballo inxente de numerosos profesionais e afeccionados, uns máis precarios que outros. Sempre hai espazo para mellorar, en todas partes, pero tamén hai que celebrar e compartir o moito e moi bo que se fai.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.