Sábado 20 Xullo 2024

Un mamut nos montes de Lugo

Era un día de 1961 nunha canteira preto de Buxán, unha aldea do Incio. Os obreiros extraían pedra caliza nunha canteira que se usaría para a futura fábrica de cemento que hoxe está instalada a poucos quilómetros en Oural, xa preto de Sarria. “Un deles trouxo un día unha especie de oso que acababan de desenterrar e díxome: ‘Xefe, mire que vaca tan grande‘”, lembraba hai anos en La Voz de Galicia Ramón Pedreño, ao mando da explotación. E si, aquilo era demasiado grande para ser unha vaca: tratábase dun mamut.

Un dos molares do mamut do Incio. Imaxe extraída do libro O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela (2003).
Un dos molares do mamut do Incio. Imaxe extraída do libro O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela (2003).

Os estudos realizados estimaron que cada un dos dous molares tiña, en orixe, unha lonxitude de arredor dos 20 centímetros. Unha exploración máis a fondo na zona revelou tamén a presenza de dúas vértebras e máis dunha decena de fragmentos de ósos. Pedreño contactou co xeólogo Isidro Parga Pondal, accionista da cementeira que explotaba a canteira, que tempo despois, tras analizar os restos, confirmrou que aquela vaca tan grande era en realidade un mamut lanudo (Mammuthus primigenius) o único que se atopou ata agora no actual territorio galego.

Publicidade

Naquela análise tamén participaron o paleontólogo Emiliano Aguirre, un dos ‘pais’ de Atapuerca, e o xeólogo Uxío Torre Enciso, autor dun artigo que achega relevantes datos sobre o achado. Despois de seren estudados, algúns dos restos foron doados por Parga Pondal ao Museo de Historia Natural da USC e hoxe forman parte da colección do Museo Luís Iglesias, agora situado no parque de Vista Alegre. É unha das alfaias que se pode visitar nesta instalación.

Varios estudos recentes realizados por investigadores españois, dirixidos polo asturiano Diego Álvarez Lao, analizan a distribución cronolóxica e xeográfica dos mamuts na península Ibérica. Crese que baixaban ata latitudes meridionais cando os invernos glaciais eran especialmente duros, buscando un clima máis temperado e pastos que non estiveran conxelados. Un destes mamuts sería o atopado no Incio, do mesmo xeito que apareceron outros en diversos lugares como Madrid, o centro de Portugal ou Sierra Nevada.

Publicidade

As análises realizadas non permitiron datar con exactitude a época na que viviu o mamut

Alén das primeiras análises realizadas por Parga Pondal, Torre Enciso ou Aguirre, non foi posible revelar máis datos sobre cando e como viviu o único mamut de Galicia. Na súa tese de doutoramento, Diego Álvarez Lao subliña que “vairas mostras de dentina dos fragmentos do molar superior foron enviados para a súa datación por carbono 14, resultando a análise negativa por carencia de coláxeno na mesma. Este motivo, sumado á inexistencia de contexto arqueolóxico, implican que idade de este exemplar permaneza incerta”.

Con todo, as estimacións realizadas no seu momento por Uxío Torre Enciso falan de que, con alto grao de probabilidade, o exemplar tería entre 115.000 e 25.000 anos de antigüidade. Alén disto, non se descarta que existan máis restos fósiles agochados noutros puntos de Galicia.

O mamut como atracción turística

Nos últimos anos, o Concello do Incio está intentando potenciar o achado do mamut como ferramenta de atracción turística. Nas redes sociais, xa se promociona o concello como “Terra do Mamut”, e o camión que recolle o lixo leva impresa unha imaxe do animal. Recentemente, o municipio solicitou financiamento para a creación dunha ruta que percorrerá a zona onde se atoparon os restos, segundo informaba o xornal El Progreso. Tamén se instalou o ano pasado unha réplica de mamut a tamaño natural en Val do Mao.

1 comentario

  1. Álvaro Pereiro : Yo tenia seis años cuando se a encontrado el Mamut de Buxan , los empleados de la mina ó ( cantera) se hospedaban y alimentaban en la misma vivienda lo que hoy es el Museo da Pedra , tuve la suerte
    que en esa temporada trabajaban mis tíos por ese motivo tenia la localización donde se encontró.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lúa chea de Cervo iluminará os ceos de xullo este domingo

Aínda que o plenilunio producirase na mañá do 21 de xullo, o fenómeno da superlúa poderase contemplar nas noites previas e posteriores

“A circulación do virus de Crimea-Congo en Galicia existe, pero polo de agora é moi baixa”

Investigadores da USC admiten que o salto do patóxeno a persoas é “cada vez máis posible” no territorio galego, pero chaman á calma

O virus hemorráxico Crimea-Congo salta por primeira vez a 13 animais de granxa en Galicia

A carracha 'Hyalomma marginatum' quintuplica a súa presencia no territorio galego e transmite o patóxeno a outras especies en ata oito concellos distintos

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro