Localizado un novo petróglifo no monte Chamorro, en Ferrol

O gravado rupestre achado polo Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos (GATT) ten 15 combinacións de círculos concéntricos e unha trintena de cazoletas

Afeccionados e voluntarios peitean os montes galegos co obxectivo de rescatar do esquecemento un patrimonio milenario pétreo e único —mámoas, petróglifos— que, ás veces, está situado en lugares inaccesibles, e noutras ocasións, oculto pola vexetación ou esvaecido pola erosión. É o caso dos membros do Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos (GATT), que veñen de localizar un novo petróglifo no monte Chamorro, en Ferrol, nunha zona na que se fixo unha tala masiva denunciada, no seu momento, polo Club de Montaña Ferrol-Alpinista Abrente diante do Concello.

“Que fósemos inspeccionar esa zona non foi casual, é un terreo con moitas pedras, existían antecedentes de achados e a súa vexetación, ata o momento da tala, non deixaba ver o que había”, explica Manuel Huerga, vicepresidente de GATT. E o que se atoparon foi un afloramento granítico elevado sobre o terreo “con 15 combinacións de círculos concéntricos e unha trintena de cazoletas (ocos escavados na pedra)”. 

Publicidade

Son precisamente as combinacións circulares o tema máis característico da arte rupestre galaica (atlántico), o que lle dá unha personalidade diferenciada, subliñan desde a asociación cultural.

“Que fósemos inspeccionar esa zona non foi casual, é un terreo con moitas pedras, existían antecedentes de achados e a súa vexetación non deixaba ver o que había”

MANUEL HUERGA, vicepresidente do GATT

Trátase dun petróglifo en “bo estado de conservación”, cos debuxos ben marcados, que fala da existencia de actividade humana na zona en época inmemorial. Os petróglifos, arte rupestre ao aire libre, remóntannos á etapa prehistórica da Idade de Bronce, que abarca desde o 3.000 a.C. ao 1200 a.C.

Publicidade

Comunicado a Patrimonio

O achado foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia hai unha semana para que teña coñecemento da súa existencia, o catalogue e adopte as medidas necesarias para a súa preservación e posta en valor, sinala Alberto López, secretario do GATT. 

Unha vez acreditado o seu interese, ditarase a súa incorporación ao Visor do Plan básico autonómico de Galicia, que recolle información sobre o patrimonio cultural, histórico, arqueolóxico ou artístico baixo protección e marca unha liña vermella á hora de acometer calquera obra ou intervención que poida afectar o devandito patrimonio.

Corría o ano 1992 —poucos meses despois da constitución da asociación cultural ferrolá—  cando o Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos localizou un primeiro petróglifo no monte Chamorro. Desde entón xeolocalizou e comunicou a Patrimonio outros dous gravados rupestres no mesma contorna, ademais do recentemente descuberto.

O GATT nace co obxectivo declarado de investigar, inventariar, divulgar e preservar o patrimonio histórico-arqueolóxico. Nos seus algo máis de tres décadas de existencia localizou, e comunicado, centos de gravados rupestres nas comarcas de Ferrolterra, Eume e As Mariñas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade

Un estudo galego analiza o papel do clima na evolución de máis de 4.200 tipos de pequenos mamíferos

Os resultados amosan que un 39 % das especies son especialistas climáticas, polo que se restrinxen a unha área de condicións concretas

Que é o Virus do Nilo, a enfermidade que activa as alarmas en España e suma máis de 50 mortes en Italia

A maioría dos pacientes son asintomáticos, pero existe unha variante neuroinvasiva que inflama o cerebro e causa encefalite ou meninxite

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular