“Faino ti!”: o reto que destapou aos 40 anos a vocación de Juan Oliveira, o escultor dos cabalos

Cúmprense 20 anos da morte do autor de obras como a fonte da praza de España de Vigo, un artista que descubriu o seu talento por casualidade

De como un negocio próspero derivou en ruína, e a ruína —e un reto afortunado— nunha vocación marabillosa. O tudense Juan Oliveira seguiu a tradición familiar na fábrica de galletas La Peninsular, un negocio próspero que a finais dos 50 hereda do seu pai, Juan Alberto de Oliveira. Por circunstancias da vida, a empresa familiar quebrou, e case de casualidade, o que entón era o seu máximo responsable acabaríase convertendo no gran escultor que deu a cidades coma Vigo obras tan recoñecidas coma o Monumento dos Cabalos, na Praza de España. Cúmprense 20 anos da morte dun persoaxe que caería atrapado pola maxia da escultura, e moi especialmente dos cabalos, porque en 1969 vía frustrado como un artista local trataba de esculpir un dos exemplares que el criaba. E canso, retou a Oliveira: “Fai ti un se tanto sabes”.

E vaia se o fixo. Durante os seguintes 35 anos, Juan de Oliveira, que entón contaba xa con 41, dedicaríase en exclusiva á escultura, e o que empezou como un pequeno cabalo de cera transformouse en exhibicións e galardóns internacionais e obras monumentais en cidades de toda España. Así o relatou recentemente o seu neto, o director de cine Guillermo de Oliveira —responsable entre outros do documental Desenterrando Sad Hill—, nun fío de Twitter de homenaxe ao seu avó. “Parecíame que 20 anos despois da súa morte a súa historia merecía ser lembrada e compartida. Unha pequena homenaxe ao meu querido avó, Juan José de Oliveira Vieitez”, pecha o cineasta.

Publicidade

“El nunca pensara en dedicarse á escultura porque estudara enxeñería e comezara a ocuparse do negocio familiar e, logo da crise do sector, tivo granxas de animais”, comenta a súa filla maior, a escritora Mercedes Oliveira. “Todos os seus negocios foron sempre ruinosos”, apunta riseira. “Foi un asunto peliagudo e miña nai era a que tiraba de todo, incluso aconsellaba nas obras do meu pai”, prosegue a tamén catedrática de Filosofía, mentres resalta que todo foi froito da casualidade.

As “galletas de batalla”

O pai do escultor herdou en 1933 e durante décadas próspero negocio familiar, que fundara 20 anos antes o seu proxenitor, o lisboeta Juan Benito de Oliveira. Durante a Guerra Civil, as galletas galegas aumentaron as súas exportacións debido a que os seus rivais estaban nos principais territorios republicanos, como o País Vasco, Cataluña e Aragón, o que converteron as que se fabricaban en Tui en auténticas “galletas de batalla”. Estaban feitas de fariña e azucre e abasteceron ás tropas e máis á poboación civil durante a contenda.

O crecemento en ventas contrasta co que viría despois, nunha posguerra na que a escaseza de materias primas, electricidade ou a falta de transporte obligou á empresa a simplificar os gastos para a súa supervivencia.

Anuncio das galletas
Anuncio das galletas La Peninsular.
Foto do muro da fábrica
Os fundadores de La Peninsular.

 

 

 

 

 

 

Eran os anos 50 e Juan de Oliveira xa asumira a presidencia da compañía. E en menos dunha década, conduciu á quebra a empresa familiar. En palabras do seu neto, “quizais é que non era ningún xenio da administración de empresas, ou quizá foi que os tempos simplemente non acompañaron”. En todo caso, coa quebra, o bisavó do cineasta adicouse á cría de animais nunha granxa de Tui. “Lembro que había unha peste porcina en non dabamos enterrado tantos porcos como morrían. Era patético. Despois viñan as galiñas, para el era todo marabilloso, pero logo baixaron os ovos e as galiñas, un pouco ruína todo”, comenta a súa filla, que recorda entre risas como o seu pai trataba de levar a cabo as máis extravagantes ideas. O que non quita que, para o seu neto, o famoso escultor non resultara un exemplo para todos: “Cada un de nós deberíamos ter a oportunidade de probar cousas e poder así acadar a nosa vocación“.

A casualidade que converteu ao industrial das galletas en escultor de éxito produciuse nesa mesma granxa, onde un amigo artista acudira a coller referencias dos cabalos que alí criaba. Familiarizado como poucos co corpo daqueles animais, máis incluso que ca dos humanos, non tardou en estenderse en consellos. Ata que o artista tirou a toalla e despachouse co xa famoso “faino ti!”. Esa frase marcou un antes e un despois, o que deu lugar a unha especie de “suxéitame o cubata”, como recorda o seu neto con humor.

Retado por un escultor local, esculpiu en cera o súa primeira obra, un cabalo en equilibrio sostido sobre unha soa pata

Oliveira creou un cabalo sostido a unha pata en equilibrio. Nese mesmo día, recorda Chis de Oliveira —como é coñecida familiarmente a súa filla Mercedes—, outros amigos do mundo artístico como Xavier Pousa, Eliseo Alonso ou Laxeiro quedaron impresionados pola obra e animárono a participar na Bienal artística de Pontevedra, onde gañou unha medalla de ouro e “impulsou a súa carreira”.

O protagonista desta historia, segundo indica a familia, sempre andaba probando cousas cos materiais que ía atopando pola finca. “Pintaba, pero sen pretensións. Era moi apañado”. Así, animouse a expor en lugares relevantes como as Galerías Durán en Madrid onde vendeu abundantes pezas, pero foi un momento de vertixe. “Nese intres estaba esperando a quinta filla, e meu pai, con esa personalidade arrolladora, era un tío espléndido e moi xeneroso e non lle duraban os cartos na man”. Pero as exposicións eran un éxito, incluso en Dublín. “E comezou a ter máis compañeiros e amigos de profesión, comeza a viaxar cada vez máis, cunha viaxe a Grecia que tivo en el moita pegada”, ata que lle encargan as obras monumentais.

 “Todas as cidades querían ter un monumento del, e a primeira foi Vigo, para a praza de España”

O primeiro encargo que recibira fora O Pegaso de Barajas de Madrid, que recibiu un premio Guiness ao cabalo de bronce mais grande do mundo. “Todas estas cousas flipábannos. Antes non había tanta televisión nin internet, o que aínda causaba máis impresión”, recorda con orgullo a súa filla maior. Acadou máis recoñecemento e chegaron máis encargos institucionáis como os de Menorca ou o do aeroporto de Lavacolla en Santiago. “Todas as cidades querían ter un monumento del, e a primeira foi Vigo, concretamente na Praza de España, cunha escultura formada por aceiro radial e en equilibrio perfecto”. Vigo foi a primeira cidade en apostar polas súas creacións. Outra obra coñecida do autor na mesma cidade é O rapto de Europa de Samil. A esta corrente de peticións uníronse outras cidades galegas, burgueses e xente das esferas altas de Galicia.

Non todo ían ser cabalos

Oliveira exhibía unha gran paixón por mostrar o movemento, a forza, a xeometría e o espazo, e o cabalo “resultáballe un recurso perfecto para mostralo”. Nunca chegou a formarse como escultor, máis alá do que podía atopar nos libros e visitando museos, onde atopaba inspiración. Así, pasou dos cabalos a rinocerontes, cans e paxaros. Tamén esculpiu corpos femininos, que a familia garda para algún día mostralos como obras póstumas. Segundo recoñece o seu neto, “puido xuntar unha paixón e un talento que lle deu de comer os últimos 35 anos“.

Para as obras usaba a súa finca de Tui, “onde tiña todas as súas esculturas en cera que esculpía e modelaba, suxeitas con pedazos de madeira”. “Os nenos tiñamos que ir con moito coidado”, conta Guillermo, que aínda lembraba o cheiro do lugar a cera e aos materiais que empregaba o seu avó. Logo deses prototipos en madeira, pasaban a ser moldes de escaiola e logo neles fundían o bronce. “O que me chamaba máis a atención é que ata as obras monumentais se fundían alí debaixo na casa“.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Probablemente os materiais que empregaba nas súas creacións, moitos deles tóxicos, foron os que lle provocaron un cancro de pulmón que acabaría coa súa vida en 2002, deixando moitos proxectos pendentes.

Aquí non remata a historia: obras póstumas

A familia loita para ir sacando á luz a súa obra non exposta, para que a figura de Juan de Oliveira poida seguir no recordo e inspirar ou axudar a outros artistas. Algunhas das obras póstumas rematadas son un polbo que ía destinar as festas do Carballiño ou un monumento para as Carreiras de Sanlúcar de Barrameda, inaugurado recentemente.

Inauguración da obra póstuma para as Carreiras de Sanlúcar de Barrameda

“Hai moito pendente e podería ser marabilloso levar adiante”, indica entusiasmada Chis de Oliveira, con abundantes ideas para homenaxear a un home que tiña como desexo axudar a outros a descubrir o seu camiño artístico, igual que el descubrira o seu case por casualidade.

1 comentario

  1. Os anos fanse, non se cumpren. O verbo cumprir significa levar a cabo o que se debe, o que se ordena ou o que corresponde. As oracións onde se conteñen períodos de tempo constrúense co verbo haber

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Doces de proteína de insecto e outros proxectos da UVigo xunto á Universidade do Minho

Un dos traballos da colaboración propón o uso de biosurfactantes prebióticos para aplicacións dérmicas

Vigo lidera unha investigación que permitirá fabricar con biocomposites no sector náutico

A empresa viguesa Amura pon en marcha o primeiro Centro privado de Investigación e Desenvolvemento no que se construirá un prototipo de embarcación integramente en liño

Unha viaxe ao pasado de Galicia: 4.000 anos de historia nun mapa interactivo

Chronas é unha ferramenta web con máis de 50 millóns de puntos de datos que abranguen dende o 2000 a. C.

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña