O metro, como unidade de medida, debe moito a un home nado nunha aldea de Lalín. Tiña un nome do máis común: José Rodríguez González. E, como acontece en tantas ocasións, foi máis apreciado fóra que dentro do seu propio país. Porque o ‘Matemático Rodríguez’ foi unha autoridade científica dacabalo entre os séculos XVIII e XIX, impulsor da cristalografía, protagonista de achados astronómicos e, sobre todo, un dos pais do Sistema Métrico Decimal. Este galego xenial foi tamén mestre doutro personaxe capital na historia de Galicia, o seu primeiro cartógrafo científico: Domingo Fontán.
Pedro Joseph Rodríguez González naceu en Bermés (Lalín) o 25 de outubro de 1770. A súa foi unha historia de superación persoal, forxando unha carreira científica internacional dende unha orixe moi humilde. Os seus pais eran labregos e conseguiu estudar grazas á protección dun tío eclesiástico. Obtivo os títulos de bachiller en Filosofía, Teoloxía e Matemáticas, e con 28 anos xa exercía como catedrático suplente na Universidade de Santiago de Compostela. En 1800 xa era titular da cátedra e o tribunal quedou abraiado cos seus coñecementos, ata o punto de enviar unha carta ao rei Carlos IV louvando as súas capacidades.
A súa carreira internacional comeza en París, en 1803. Con 33 anos aproveita a súa estadía para ampliar os seus coñecementos de astronomía e matemáticas como discípulo de Jean-Baptiste Biot. Xunto con este científico, sae en 1806 para a medición da medida do arco do meridiano de París entre Dunkerke e Barcelona ata a illa de Fomenteira. As guerras napoleónicas dificultan o seu traballo, pero os resultados serán fundamentais para o establecemento da lonxitude do metro e a implantación do Sistema Métrico Decimal. En Francia, Rodríguez obtivo -segundo algunhas fontes- o recoñecemento dun dos grandes matemáticos do momento e de toda a historia, Pierre Simon Laplace.
En 1809, o Matemático Rodríguez desprázase a Londres, onde realiza estudos sobre o meridiano de Greenwich. Na súa investigación, logra corrixir a un prestixiado xeógrafo da época, William Mudge, quen pensaba que a Terra era achatada polo Ecuador e non polos polos. Tamén, grazas as súas medicións do arco do meridiano demostra empíricamente que a teoría de Newton era certa. O seu traballo é presentado diante da célebre Royal Society en 1812, baixo o título: “Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudge”.
En Londres fixo achegas sobre a forma da Terra e o meridiano de Greenwich
En 1814 prosegue o Matemático Rodríguez a súa andaina internacional, afincándose en Alemaña, onde estuda cristalografía na Universidade de Gotinga. Aquí se relaciona con Werner e con Gauss.
A Universidade de Santiago pídelle en 1817 que regrese a París para mercar novos instrumentos para o gabinete de Física da institución compostelá. E regresa a España en 1819 para asumir a dirección do Observatorio astronómico de Madrid e será máis tarde un dos fundadores da Universidade Central de Madrid, xerme do que hoxe é a Universidade Complutense. De feito, cambiaría a súa cátedra de Santiago pola madrileña.
A experiencia europea do Matemático Rodríguez permitiulle contactar coas máis adiantadas ideas políticas e filosóficas da súa época, en contraste co atraso existente en España. Deste xeito, fixo carreira e foi deputado en Cortes por Galicia durante o Trienio Liberal (1820-1823). A represión desatada despois polo rei Fernando VII, na chamada Ominosa Década, fixo que lle fora retirada a súa cátedra en Madrid. Empobrecido e enfermo, o Matemático Rodríguez viaxou a Portugal, onde traballou coas universidades de Coimbra e Lisboa. Finalmente, regresou a Compostela, onde morreu en 1824. A súa tumba na igrexa de San Agustín non leva inscrición ningunha.
Do legado do Matemático Rodríguez queda en Santiago a súa colección de minerais, que se conserva no Museo de Historia Natural da USC. Boa parte deste tesouro mineralóxico provén do feito de que Rodríguez coñecera en Francia a Haüy, o pai da cristalografía moderna. Ademais, os seus instrumentos de traballo están nunha sala do actual Museo de Ciencias Naturales de Madrid.
Pero, malia o seu grande prestixio, poucos recordan ao Matemático Rodríguez. O galego que axudou a crear o Sistema Métrico Decimal.
Iván Fernández: “A figura do matemático Rodríguez debería estudarse nos colexios”
Donde están calles con el nombre de estas personas tan importantes, matemáticos, científicos, etc,, o libros de texto donde hablen de ellos?, Está visto que los superdotados de entonces no interesan,
Así se fai Galiza. Graciñas.
¿Y por qué no se le pone su nombre a la tumba donde está enterrado?
Moi bo artigo. Parabens e grazas por lembrarnos a este gran galego.
Excelente ártico. Rodríguez foi o percursor do primer mapa exacto de Galicia, elaborado finalmente polo seu mais prestigioso discípulo, Domingo Fontán. É curioso que uns séculos despois, un descendente do matemático elaborase tamén un mapa dixital para as novas tecnoloxías, os GPS.
http://www.bikertravesia.wordpres.com/topo-galicia
Fascinante artigo.
Agradezo a Gciencia o seu interés por achegarnos ós nosos científicos.
Saúdos
Muy buen artículo, comparto en mi web e incluyo en las unidades didácticas de física y quimica.
Interesantísimo e, lamentablemente, moi descoñecido. Quería indicar unha errata na data do seu regreso a España, que supoño que será 1819, e non 1919.
Moitas grazas polo aviso. Xa está corrixido. Saúdos dende GCiencia.