Iglesias Brage, o aviador ferrolán que quixo explorar a Amazonia

Aterrou en Basora (Iraq), bateu o récord mundial de voo sobre o mar e deseñou os aeroportos de Lavacolla, Peinador e Alvedro

Foi o supervisor dos tres aeroportos de Galicia. Primeiro, deseñou a pista norte-sur de Lavacolla, para fundar daquela o Aeroclub de Santiago. Máis tarde, dirixiu en 1952 o trazado do aeroporto de Peinador e, en 1953, o aeroporto de Alvedro. Pero, antes de dedicarse á enxeñería civil, Francisco Iglesias Brage tivo unha vida moito máis intensa como pioneiro da aviación, militar, explorador e impulsor dunha ambiciosa campaña científica no Amazonas.

Naceu este ferrolán en 1900 no seo dunha modesta familia na que o seu pai, Francisco Iglesias Castrillón, era mestre da Banda de Cornetas do Batallón de Artillería de Ferrol; a súa nai era María Manuela Brage Ramos.

Publicidade

Con 13 anos, con motivo da  botadura en Ferrol do acoirazado Alfonso XIII, Iglesias Brage quedou abraiado cunha exhibición aérea a cargo do aviador Piñeiro. Aos 18 anos, ingresou na Academia de Enxeñeiros de Guadalaxara, pero coa vista posta en voar algún día. Conseguiríao pouco despois, en 1925, cando xa como tenente é admitido no aeródromo de Catro Ventos para un curso de Observador de Aeroplano.

Iglesias Brage e Jiménez, a bordo dun aeroplano.

A partir de aquí, participou no desembarco da baía de Alhucemas, e foi ferido e derrubado ao longo da guerra marroquí, na que participou en varias operacións de recoñecemento e bombardeo. Máis tarde, xa dentro da Comisión Xeográfica de Marrocos, colaboraría na confección dun mapa topográfico do territorio, en escala 1/50.000.

Publicidade

En 1927, tras culminar todos os cursos dispoñibles como piloto nas súas diferentes especialidades, ascendeu a capitán e foi nomeado inspector de fabricación en Construcións Aeronáuticas S.A., a lonxeva compañía de orixe estatal CASA.

Pero as súas grandes aventuras comezarán despois de que, a mediados de 1927, lle escribiu unha carta ao capitán Jiménez Martín, que tiña algúns records de España de aviación. Idearon unha viaxe á Habana, para a que non obtiveron autorización. Así que decidiron poñer rumbo á India, directamente e sen escalas.

O avión Jesús del Gran Poder, que se conserva na actualidade.

Non conseguiron este obxectivo, pero a súa primeira aventura internacional xa foi todo un fito con repercusión na prensa mundial. Porque, tras despegar en maio de 1828 desde Sevilla rumbo a Karachi (hoxe  Paquistán), como adestramento para unha futura travesía do Atlántico, non alcanzarían o seu obxectivo, pero tras 23 horas de voo terían que aterrar de emerxencia en Basora (Iraq), por mor dunha avaría no motor do avión, tras o que foron rescatados ao cabo de dous días pola aviación inglesa en pleno deserto.

Aínda tivo maior impacto mundial o seu segundo gran raid, que comezou o 24 de marzo de 1929, no aeródromo de Tablada (Sevilla) cun  monomotor Breguet  XIX  Súper Bidón de seiscentos cabalos, construído por Construcións Aeronáuticas de Xetafe, que despegou rumbo a Brasil. Aos 6.550 quilómetros, unha vez completadas corenta e catro horas de voo, tiveron que tomar terra en Baía (por falta de combustible) e a tan só 638 quilómetros de bater a marca mundial de distancia, aínda que si foi a maior percorrida sobre o mar. Máis tarde, co mesmo avión seguiu de xira por varios países suramericanos e residiu unha tempada en América.

Ao seu regreso, Iglesias Brage trazou o seu proxecto máis ambicioso, que captou o interese en 1932 do goberno da República. Tratábase de realizar unha expedición científica ao Alto Amazonas, que explorase os campos da Xeografía, Xeoloxía, Mineraloxía, Botánica, Zooloxía, Medicina, Etnografía e Antropoloxía, Meteoroloxía, Magnetismo e Radio. Contaba cun equipo humano de cincuenta persoas, entre técnicos e tripulación. A base fundamental da expedición era o barco “Ártabro”, o primeiro eléctrico con propulsión Diésel dos construídos en España, e unha avioneta para a observación radial.

Francisco Iglesias Brage.

En maio de 1932, o Ministro de Instrución Pública presentou o proxecto definitivo, aprobado polo Consello de Ministros, que encomenda a “Expedición Iglesias ao Amazonas” á Fundación Nacional para Investigacións Científicas e Ensaios da Reforma. Estaba apoiado por un padroado formado por eminentes figuras da vida intelectual como Gregorio  Marañón, Ortega  y Gasset,  Menéndez Pidal e Fernando de los  Ríos, entre outros.

Pero, tras sucesivos atrasos, o proxecto científico comandado polo ferrolán caerá no esquecemento, obrigado tras a sublevación militar, na que se suma ao bando de Franco contra o goberno lexítimo da República.

Tras a Guerra Civil, continuará a súa carreira na aviación civil, aplicando os seus importantes coñecementos de enxeñería aeronáutica e sendo o impulsor dos tres grandes aeroportos galegos.

Francisco Iglesias Brage faleceu en 1973 e doou a súa biblioteca ao  Arquivo  do Reino de Galicia. Os seus restos repousan no cemiterio de Catabois da súa cidade natal, Ferrol, que no ano 2000 dedicou unha homenaxe á memoria deste galego pioneiro da aviación mundial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Buscan nun cemiterio de Narón unha das maiores fosas creadas polos golpistas en Galicia

O 26 de decembro de 1936 levouse a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia en terras galegas, na que foron asasinadas un total de 34 persoas

Aparece en Ferrol unha balea xibarte morta de case 10 metros

É o primeiro cetáceo desta especie que vara en Galicia dende 2011, e puido morrer ao quedar engachado en aparellos de pesca

Aparece unha balea morta na Estación Naval da Graña, en Ferrol

Foi descuberta polo persoal de garda nunha das roldas de vixilancia, sendo retirada da auga ao redor das 10:00 horas

Guía para non perder a G-Night: un cento de actividades en sete cidades

Charlas, obradoiros, visitas guiadas e feiras científicas conforman a ampla oferta da Noite das Persoas Investigadoras en Galicia