O recoñecido científico e heroe da independencia de Colombia Francisco José de Caldas (1768-1816), do que este ano se cumpre o bicentenario da súa morte, ten as súas raíces paternas en Galicia, en concreto no Concello de Caldas de Reis. Por esa razón, o municipio pontevedrés quere recuperar a memoria do fillo de José de Caldas, quen chegou a ser alcalde da cidade colombiana de Popayán, unha das máis importantes do virreinato do Novo Reino de Granada.
A homenaxe a Francisco José de Caldas á que se suma a Universidade de Santiago terá lugar este xoves 20 ás 18.00 horas no Paraninfo (Facultade de Xeografía e Historia), nun acto que reunirá académicos colombianos e profesores universitarios da Universidade Distrital Francisco José de Caldas (Colombia), da Universidade del Valle e do Departamento de Historia da USC, que compoñerán unha imaxe da figura e obra do científico e prócer da independencia de Colombia.
O ‘Sabio Caldas’, como é coñecido popularmente en Colombia, é todo un símbolo de progreso, ciencia e liberdade nacional nese país. Participou nos primeiros pasos que desembocaron en 1810 na independencia da España napoleónica, sendo fusilado en 1816 polas tropas realistas españolas que reconquistaron por poucos anos aqueles territorios. A pesar das súas solicitudes de clemencia para poder acabar os seus traballos científicos, sinala a lenda que o militar que ordenou a súa execución, o xeneral Pablo Morillo, dixo que “España non necesita de sabios”.
Francisco José de Caldas participara na Real Expedición Botánica ao Novo Reino de Granada identificando miles de plantas nos actuais territorios de Colombia e Ecuador, e foi director do Real Observatorio Astronómico de Santafé de Bogotá, o primeiro da súa tipoloxía que se construíu en América. Tamén destacou polos seus traballos de xeografía, cartografía, matemáticas, física, enxeñaría ou agronomía. Ademais, foi o fundador do Semanario de la Nueva Granada, importante instrumento de reflexión política e divulgación científica da época.
En homenaxe ao Sabio Caldas, toda unha rexión colombiana leva o seu nome (Caldas) así como dúas universidades públicas e numerosas prazas, rúas e equipamentos culturais, educativos e científicos de todo o país.
Na organización destes actos participan a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Embaixada de Colombia en España e o Concello de Caldas de Reis, ademais doutras entidades colombianas.