Un bo médico que inventou un biberón

Unha biografía de Gumersindo Sánchez Guisande.
Unha biografía de Gumersindo Sánchez Guisande.

Gumersindo Sánchez Guisande foi, como diría Machado, un home, no bo sentido da palabra, bo. Médico, científico, catedrático, humanista, galeguista, masón, intelectual, activista republicano, exiliado en Bos Aires… este compostelán nado en 1894 tivo unha vida de fes e vivencias diversas. Pero todos o que o coñeceron coinciden no mesmo: era un home cun corazón xeneroso. Ó punto de que, pola súa filantropía, o chamaban “o médico dos nenos pobres”. O que resulta menos sabido é que Sánchez Guisande foi o inventor do biberón. Cando menos, o modelo “dosificador”, que chegou a patentar e que salvou a morte a moitos cativos por sobrealimentación.

Que Gumersindo Sánchez Guisande chegaría lonxe ninguén o dubidada en Compostela en 1915. Ese ano, licénciase en Medicina con Premio Extraordinario e incorpórase como profesor auxiliar ás aulas de Fonseca.

Publicidade

Pouco despois, obtén praza na Universidade de Zaragoza, onde foi decano de Medicina e catedrático de Anatomía Descritiva. Xa por entón pertencía a unha loxia masónica coruñesa e tiña fondas preocupacións sociais. É por isto que funda unha institución de protección á infancia, na que exerce como pediatra, gañando o alcume do “médico dos nenos pobres”.

É nesta época cando Sánchez Guisande patenta o seu invento, o biberón dosificador, que permite ós nenos alimentarse sen atragoarse.

Publicidade

A Guerra Civil truncou a vida e a carreira deste santiagués. Perseguido pola súa militancia republicana, ten que agocharse ata conseguir saír cara á Arxentina, vía Lisboa.

No exilio, foi director médico do Centro Galego e fundou, con Antonio Baltar, un sanatorio en Mendoza, cidade na que ocupou a cátedra de Anatomía.

Castelao embalsamado

Intelectual inquieto, pronunciou conferencias e publicou numerosos traballos científicos. Ó tempo que frecuentaba a vida cultural galega no exilio arxentino. Castelao foi un dos seus grandes amigos, ó que tivo que atender durante a súa enfermidade. Estivo presente no momento da súa morte e Sánchez Guisande foi quen embalsamou o seu cadáver.

O galego inventor do biberón falecería en Bos Aires en 1976. Pero, ó longo da súa vida, dedicouse co mesmo esforzo á investigación e divulgación científica, que a realización de obras sociais. Entre elas, o Fogar Galego para Anciáns, en 1942, ou diversas iniciativas editoriais e culturais.

Entre as súas obras, destacan “El padre Feijoo y los anatomistas españoles de su siglo”, “Historia de la Medicina” y “Seis cantos galegos”. Pero, dos seus moitos títulos, o que levaba máis a honra foi aquel oficioso que gañou de pediatra mozo: “O médico dos nenos pobres”.

4 COMENTÁRIOS

  1. Biberón Gelwe, patentado por Gumersindo Sánchez Guisande, con data 1 de xuño de 1926. Nº de expedente 98.258

    Gelwe: nome composto coas iniciais de Gumersindo, Elisa, Luciano, Wenceslao e Elisa (muller e fillos do doutor).

    Extraído de “La Inmigración española en Mendoza: cuatro estudios monográficos”, de Marta López de Pederzoli

  2. só por curiosidade, cal foi a data exacta en que patentou o biberón dosificador? Graciñas de forma anticipada pola resposta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Maior Pérez e o seu instinto empresarial na Pontevedra do século XIV

A nobre de orixe compostelá, unhas das máis poderosas do seu momento, impulsou uns baños públicos únicos na Galicia medieval

Sancha de Lobeira: como preitear contra o arcebispo de Santiago e saír gañando

Foi unha gran señora feudal que viviu entre os séculos XV e XVI e cuxa xestión patrimonial deixou fonda pegada nos concellos da Serra de Outes

Xoana de Castro, unha raíña para a eternidade

O seu matrimonio con Pedro I de Castela foi moi efémero pero ela defendeu o seu título rexio ata a fin dos seus días

Quen era o carniceiro de Santiago? Afonso da Cana, o verdugo medieval de Compostela

Abel de Lorenzo, historiador medieval da USC, analiza o primeiro contrato que se coñece nos reinos medievais peninsulares sobre un sanguinolento funcionario