A galega Isabel Barreto, descubridora e primeira muller almirante

Aventureira, descubridora e primeira muller almirante dunha frota. A galega Isabel Barreto de Castro tivo unha vida de novela que, porén, case non foi publicitada e para moitos é descoñecida.

Barreto naceu en Pontevedra hai agora 450 anos, aínda que algunhas fontes discuten a súa orixe e para situala en Lima ou en Portugal. As brétemas da historia fan dubidar se era neta de Francisco  Barreto, un mariño portugués de quen herdou a súa paixón pola navegación. Outros estudos sosteñen que era filla de  Nuño Rodríguez  Barreto, conquistador do Perú. Pero moitos máis datos apuntan á súa orixe pontevedresa. E o que resulta indubidable é que viviu unha vida chea de aventuras.

Publicidade

Álvaro de Mendaña.
Álvaro de Mendaña.

Sendo nena, Isabel Barreto trasladouse coa súa familia ao  Virreinato do Perú, onde aos 18 anos contraeu matrimonio co adiantado Álvaro de Mendaña. Dez anos despois da súa voda, o 16 de xuño de 1595,  Barreto embarcou na frota que o seu marido organizou para fundar unha cidade nas illas  Salomón, descubertas por el mesmo uns anos antes. Catro barcos e 378 tripulantes compoñían a expedición, na que viaxaba o cronista portugués Pedro Fernández de  Quirós, con quen a navegante galega mantivo constantes desencontros.

A frota de Mendaña descubriu as illas Marquesas, para navegar logo cara ás illas  Salomón. Este arquipélago foi así bautizado polas míticas minas do rei  Salomón, que os españois esperaban atopar alí, seguindo unha antiga lenda inca. Pero, na illa de Santa Cruz, Álvaro de Mendaña enferma gravemente de malaria e falece o 18 de outubro de 1595, despois de ditar ordes de nomear á súa muller gobernadora de terra e ao seu cuñado,  Lorenzo  Barreto, almirante da expedición. Con todo, a morte destes último poucos días despois deixa a Isabel  Barreto tamén co cargo de “adiantada do mar océano”. Convértese así na primeira muller na historia que accede ao almirantado.

Publicidade

Barreto volveu embarcar nunha expedición a Acapulco e Guanaco

Pedro Fernández de  Quirós deia escrito este nomeamento na súa crónica da viaxe: “Deixou por herdeira universal e nomeada por gobernadora a dona Isabel de  Barreto, a súa muller, porque da súa Maxestade tiña  cédula particular con poder para nomear á persoa que quixese”, escribe.

Co mando completo da frota, Isabel  Barreto vive algúns conflitos nas illas  Salomón. O máis grave foi o levantamento dos indíxenas tras o asasinato do seu caudillo, chamado  Malope, a mans dos soldados españois. A almirante ordena entón partir cara a Filipinas, onde chegará nunha accidentada viaxe o 11 de febreiro de 1596, sete meses despois do inicio da expedición.

As crónicas de  Quirós aseguran que Isabel  Barreto foi cruel e desapiadada ao mando da frota. Relatan que mandou aforcar aos mariñeiros que discutiron as súas ordes, como sucedeu no caso dun tripulante que baixou a terra a recoller uns cocos, desatendendo as súas instrucións de non abandonar o barco. O pobre astroso rematou pendurando do pau maior.

Viaxe de Isabel Barreto.
Viaxe de Isabel Barreto.

Pero novas investigacións dubidan da veracidade de  Quirós, quen odiaba a  Barreto. Milagros Bará, nun recente artigo, apunta a que había no cronista unha intención de desacreditar á almirante, en primeiro lugar pola súa propia condición de muller: “Quirós describíaa no seu diario como unha muller de carácter  varonil, autoritaria,  indómita e decidida a imponer a súa vontade  despótica”.

O cronista chegouna a acusar, durante a travesía, de ‘roubar a escasa auga de que dispoñían para gastala en lavar con ela a súa roupa’, e de pasearse por cuberta ‘coas súas perlas brancas e os seus encaixes inmaculados’. Son, evidentemente, dous estereotipos machistas.

Do que non hai dúbida é sobre que Isabel  Barreto era unha persoa destemida. E, tras casar de novo, agora co xeneral Fernando de Castro, participou noutra expedición que a levou a  Acapulco e a  Guanaco.

Ao seu regreso a Lima, algunhas fontes din que faleceu. Outros autores cren que regresou a España, para reclamar os seus dereitos sobre as illas  Salomón. Esta segunda versión afirma que rematou os seus días en Galicia.

Isabel  Barreto, nada hai agora 450 anos, marcou un fito como a primeira almirante da historia.  Pero foi un personaxe pouco coñecido, seica polo feito de ser muller. Pero a vida desta aventureira, navegante e descubridora ben merecería unha novela…

5 COMENTÁRIOS

  1. Non quixera pecar de vaidoso, pero hónrome de ter escrito en 1992 “Mar para todo o sempre”, premio Carvalho Calero en 1991. Sei da excelente novela de Robert Graves, o grandísimo narrador de novela histórica, de feito posúo esta obra, “Las islas de la imprudencia”, a cal lin con verdadeiro interese e fruición, moitos anos despois de eu ter escrito “Mar para todo o sempre”.

    A este propósito déixolles aquí esta ligazón do meu blog en que se fala dela: http://letras-para-todo-o-sempre.blogspot.com.es/p/blog-page_15.html

    <>

  2. Sobre a expedición polo Pacífico surxe Mendaña, hai unha novela histórica de Robert Graves. Relata está singladura en clave de enfrontamento entre galegos e casteláns . Mendaña é considerado galego pero tamén berciano. Ten un monumento en Congosto, vila que hai uns 15 anos visitaron os aboríxenes das illas marquesas descobertas por el mais Barreto. Hoxe, o principal hotel da capital do case estado das Salomón leva o nome de Mendaña

  3. Esta expedición fue novelada por Robert Graves en su obra “Las islas de la imprudencia”. Magnífica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Un libro homenaxea o Matemático como o gran científico de Galicia

A obra da RAGC e do CCG está producida por GCiencia e coordinada polo académico Juan José Nieto Roig

GCiencia incorpórase ao Padroado de FEUGA

O portal de divulgación científica reforza o seu compormiso co desenvolvemento tecnolóxico, social e económico coa súa entrada na Fundación Empresa-Universidade Galega

Unha noticia de GCiencia cae na proba de Lingua Galega da ABAU 2024

A adaptación dunha peza sobre o Samaín, publicada en outubro de 2023, é o texto central dun dos exames de acceso á universidade

GCiencia abre o ciclo de faladoiros "Os mundos científicos de Vigo"

Os relatorios darán comezo o luns no edificio Redeiras cunha charla introdutoria que leva por título 'A divulgación científica en Galicia'