Os excepcionais tecidos do castelo de Pambre: así vestían os galegos na Idade Media

A arqueóloga María Martín Seijo publica un novo estudo onde analiza a vida dunha tea desde a súa creación ata o seu abandono final

En Palas de Rei, sobre un promontorio rochoso e rodeado de diferentes tons de verde, érguese o castelo de Pambre. Esta fortificación, que se comezou a construír a finais do século XIV, foi a residencia habitual de figuras históricas como Inés de Castro ou o seu fillo Sancho Sánchez de Ulloa. Coa morte deste último no ano 1505 o castelo baleirouse. No 2013, séculos despois de que o seu último habitante abandonara o edificio, unha escavación arqueolóxica, dirixida por Santiago Vázquez Collazo, recuperou unha serie de tecidos no que se considerou un “achado excepcional en Europa”. Porque, cantas veces chegan anacos de tea desde a Idade Media ata os nosos días?

O achado destes retallos no castelo de Pambre permitiu estudar a vida dunha tea desde a súa creación ata o seu abandono final cuns resultados que acaban de ser publicados na revista Journal of Archaeological Science. O artigo, liderado pola arqueóloga María Martín Seijo, percorre a historia destes tecidos para buscar respostas a como se vestía séculos atrás.

Publicidade

Polo xeral, o estudo dos téxtiles na Idade Media adoita realizarse a través de fontes visuais como manuscritos ou retratos das persoas que viviron nesa época, ou a través das poucas tombas ou restos arqueolóxicos que se preservan deste período. Isto é así debido á dificultade de conservación duns materiais tan delicados como as teas. Aínda así, o estudo da roupa é moi importante para entender como funcionaba o status e a moda noutros momentos da historia, como se modificaba o uso que se lles daba ás teas conforme pasaba o tempo e para entender o tipo de produción destes materiais séculos atrás. Todos estes datos poden achegar unha mirada máis ampla sobre a vida cotiá dos nosos antepasados.

“Normalmente as teas están feitas de materiais orgánicos, de la ou de fibras de plantas como liño, cánabo, etc. E iso, cando queda enterrado no solo, desaparece”, explica María Martín Seijo. “Neste caso, unha serie de circunstancias permitiron que se conservaran ata hoxe. É o conxunto de téxtiles do período que vai entre finais da Idade Media e inicios da época Moderna mellor conservado nun contexto arqueolóxico do norte peninsular”, engade.

Castelo de Pambre. Foto: Santiago Vázquez Collazo

Martín Seijo explica que os oito tecidos —engurrados e dobrados— atopados no interior dunha das torres, xunto cunha gran cantidade de lixo, preserváronse grazas a que a torre mantivo todos estes séculos a súa cuberta orixinal, o que favoreceu a existencia dunhas condicións ambientais moi estables. “Non entrou luz, a temperatura mantívose constante e a humidade moi alta, o que fixo que se deran unhas condicións como as que se dan en contextos de conservación por anegamentos: unha cantidade de osíxeno moi baixa, frío e humidade”, explica a arqueóloga.

O segundo conxunto de retallos son oito fragmentos que se atoparon na á norte do castelo de Pambre e se conservaron ao estar adheridos a unha placas metálicas. “Neste caso, a corrosión do metal foi envolvendo as fibras do tecido, e facendo como se fora un molde. E ese molde que se conservou foi o que puidemos estudar”, comenta Martín Seijo. “Aínda que sexa practicamente metal, si que permite conservar a superficie, a forma da torsión dos fíos, a trama do tecido, etc”, di a investigadora.

A biografía dunha tea

No caso dos tecidos atopados na torre, trátase de fragmentos de tafetá e la que non conservan as orelas, é dicir, as marxes que permitirían saber en que tipo de tear foron feitos ou se se trataba de vestidos, sabas ou camisas. Con todo, si que hai outra moita información relevante que se puido extraer do estudo das mostras, como o feito de que se trataría de anacos de mínimo dúas pezas de maiores dimensións.

“Hai que ter en conta que o tecido na Idade Media non era só escaso, senón tamén caro. Tiñan unha vida moi longa desde que se facían e se convertían en vestimenta ou o que fose, ata que se desfacían en anacos máis pequenos e se lles daban outros usos, que foi probablemente o que pasou aquí”, comenta Martín Seijo.

Con isto, a arqueóloga refírese ao feito de ter atopado os retallos da torre xunto con lixo, material fecal e ácidos biliares, o que fai pensar que probablemente a última fase do seu ciclo vital fose como papel de váter ou que se tirasen como un residuo máis. Xunto os refugallos tamén se atopou o fragmento dun gorgullo, un insecto que adoita colonizar a madeira de deriva e que formula a pregunta de como puido chegar ata alí, se con caixas de peixe ou enganchado á roupa de alguén que fixo unha viaxe á costa. Todo isto permitiulles entender que na Idade Media os tecidos tiñan unha vida longa: eran utilizados e reutilizados máis aló da súa función orixinal e tiñan uns ciclos de vida complexos.

Outra das preguntas das que aínda non conseguiron resposta ten que ver coa cor dos tecidos atopados, xa que despois de tantos anos esta é case imposible de diferenciar. “Realizamos diferentes análises para tentar identificar marcadores químicos que proporcionasen algunha información sobre os posibles tintes utilizados nestas teas, pero non foi posible chegar a unha conclusión pola degradación dos compostos químicos”, comenta Martín Seijo. A arqueóloga explica ademais que na Idade Media a cor da roupa era moi importante, polo que espera que no futuro, e con novas técnicas, poidan descifrar este misterio. “Se averiguasemos a cor destes téxtiles, podería darnos algunhas claves para poder interpretar máis os tecidos, porque na Idade Media había un código de cores moi marcado. Algunhas eran exclusivas da aristocracia, por exemplo”, apunta.

No caso dos tecidos atopados nas placas de metal, a interpretación é máis sinxela e hai máis respostas sobre o seu uso e función, en primeiro lugar porque o metal amosa que formaban parte dunha brigantina ou coracina, un tipo de armadura moi lixeira cuxo uso estaba xeneralizado desde o século XV. Era típica dos soldados de infantería pero púxose de moda tamén entre a aristocracia. “Tamén eran prendas de vestir, e eran ademais unha vestimenta de prestixio”, di Martín Seijo. “Eran roupas de protección forradas de cánabo, ou de veludo no caso da aristocracia, e tiñan remaches dourados. Era unha vestimenta moi espectacular e os veludos de diferentes cores permitían diferenciar os bandos nas batallas”, indica.

Ilustración da Matanza dos Inocentes, onde se ve a brigantina ou coracina.

Como acontece coas teas atopadas na torre, estas pezas tamén perderon cor co cal non se pode saber todo sobre elas. Aínda así, o achado é moi importante porque por unha vez atopáronse restos fóra dos que están completos en museos europeos, americanos ou coleccións privadas. Son moi poucos os casos nos que se conservara tea asociada a placas nun contexto arqueolóxico e isto permitiu estudar máis en detalle este tipo de vestimenta.

A importancia de achados da vida cotiá

Este tipo de achados permiten entender un pouco mellor como vivían os nosos antepasados porque a roupa é algo que forma parte de todas as persoas. María Seijo lembra que cando nos vestimos, diferenciámonos, e iso fai que sexamos conscientes da vestimenta como parte da nosa identidade. “Por iso son moi interesantes este tipo de achados, ademais de que deixan unha vía aberta para posibles reproducións dos tecidos”, comenta a arqueóloga.

Xunto a isto, María Martín Seijo resalta a importancia que teñen as análises posteriores ás escavacións para xerar datos que permitan reconstruír a vida cotiá do pasado. “Simplemente con recontos de obxectos ou descricións quedamos sabendo unha parte moi pequena, polo que aplicando este outro tipo de analíticas conseguimos polo menos ensanchar un pouco a información que nos proporcionan estas evidencias arqueolóxicas”, reflexiona a arqueóloga. Ao final, é a través do día a día das persoas que estiveron aquí antes ca nós que nos podemos identificar co noso pasado e achegarnos un pouco máis a el. E por que non facelo a través da roupa?

1 comentario

  1. 93molkvvvcvfvf4ffhjvj4xkfikdj5jkdck4ikcdkedk8vxndkkimxkgxk. km3kmdu mcimfkmdkodlldkeñkmci kmxoof8n8 kmfino lk8ci kldnl”bn. km. in8

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII
00:03:42

S de Suevos: adiviñas cal foi o primeiro reino medieval de Europa?

O historiador Pablo C. Díaz sinala que este pobo xermano foi "absolutamente ignorado" despois da conquista dos visigodos no ano 585
00:04:21

N de Nutrición: os galegos do medievo xa comían filloas e polbo (pero non á feira)

A dieta do pobo estaba restrinxida a papas, potaxes e sopas, coas castañas como principal fonte de hidratos de carbono máis alá do pan
00:03:43

G de Galegas: mulleres con poder no Reino de Galicia

É un mito a falta de documentación sobre o seu papel na Idade Media, foi a falta de consideración dos investigadores ao longo da historia o que provocou que o seu legado non se investigase