Publicidade
Martes 18 Marzo 2025
Publicidade

Un equipo da USC escava un asentamento de época sueva en Mondoñedo

Unha nova intervención na parroquia de San Vicente de Trigás pretende sacar á luz como se vivía na Galicia altomedieval

Na parroquia de San Vicente de Trigás, no concello lugués de Mondoñedo, atopouse en 2023 un asentamento datado entre os séculos V e VII. Neste xacemento de época sueva achouse unha estrutura habitacional —que podería ser unha casa— e un forno. Agora, un equipo da Universidade de Santiago (USC) e da empresa Tempos Arqueólogos volverá a este enclave para continuar coa sondaxe realizada o ano pasado. “O noso obxectivo é reanudar a delimitación e documentación desta estrutura habitacional, así como confirmar que estamos ante a presenza dunha aldea altomedieval, un tipo de asentamento moi pouco coñecido para os séculos dos que estamos a tratar”, indica a directora da intervención, Celtia Rodríguez González.

Esta nova fase da escavación iniciarase o 27 de maio e continuará ata o 7 de xuño. Durante a intervención levarase a cabo a ampliación das sondaxes abertas en 2023 en dúas fincas propiedade de Miguel Chao. O director científico dos traballos, José Carlos Sánchez Pardo, sinala: “Os traballos en Mondoñedo permiten coñecer, dende a colaboración científica e a interdisciplinariedade, tanto ás persoas que viviron aquí durante a Alta Idade Media como a evolución do uso da territorio. Estes traballos son fundamentais para entender a paisaxe rural da Galicia altomedieval“.

Publicidade

Un xacemento de “moito potencial”

Os principais obxectivos desta nova escavación son dous: en primeiro lugar, continuar coa sondaxe realizada no ano 2023, onde apareceu un forno do século V-VII d.C. e diversas estruturas asociadas a unha posible casa altomedieval; e en segundo lugar, avaliar os posibles muros descubertos a través da prospección xeofísica realizada en marzo pola empresa SOT. “Os resultados foron importantes e significativos porque demostra que a superficie do xacemento é moito maior do que se pensaba e ten moito potencial”, di Sánchez Pardo.

Algunhas pezas localizadas no lugar na intervención do ano 2023.

Malia que agora retoman as sondaxes, a investigación ao longo de 2023 e principios de 2024 continuou executándose a través do traballo dos materiais, a elaboración da memoria científico-técnica, así como a realización dunha prospección xeofísica. A intervención conta coa colaboración do Concello de Mondoñedo a través do asesoramento do arqueólogo Abel Vigo, así como coa participación interdisciplinar da especialista en arqueobotánica Leonor Peña Chocarro do CSIC de Madrid quen realizará unha análise das especies de plantas e cultivos que se utilizaban durante a fase altomedieval do xacemento.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela contaminación por nitratos na Cova do Rei Cintolo

Un equipo da UVigo e da UDC cre que a orixe da polución nas augas do lago pode estar nos xurros que se empregan para abonar prados

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

As escavacións na necrópole de Combarro descobren un forno de posible orixe altomedieval

O achado apunta cara a un tipo de asentamento que vai máis alá do uso exclusivamente cemiterial que se lle atribuía ao comezo dos traballos

Atopan novos tramos de muralla e fosos no castelo da Rocha, en Santiago

O enclave, que foi alterado pola primeira vía do tren construída en Galicia, ten unha gran relevancia na historia da cidade compostelá