O 1 de marzo de 1493, a carabela Pinta arribou a Baiona cunha noticia que cambiou o rumbo da historia: había terra firme navegando sen descanso cara ao Oeste. Aqueles mariñeiros non sabían que descubriran América, como tampouco os primeiros humanos que pisaron o continente, fai 14.000 anos. Nin moito menos os viquingos de Leif Eriksson, que se estableceron en Terranova en 985 d.C. Pero a ‘Arribada’ do barco de Martín Alonso Pinzón supuxo unha conmoción histórica.
Dende América, a primeira expedición de Colón introduciu en Europa unha auténtica revolución das especies. Con eles chegou o millo (Zea mays), que rematou desprazando ao vello millo galego. A pataca non chegaría ata as expedicións de Pizarro, pero si a batata (Ipomea batatas) ou a mandioca, aínda que ningunha delas se adaptou aquí. En cambio, unha nova faba (Phaseolus vulgaris) desprazou á menos nutritiva Vicia faba, coñecida en Galicia como faballón. Grazas a Colón comemos pementos de Padrón e apareceron novas tinguiduras como o urucú (Bixa Orellana) ou a genipa (Genipa americana). E, por suposto, tamén coa Pinta chegou a Europa o tabaco.
Con todo, a bordo daquela carabela podería vir outro pasaxeiro máis inesperado. Trátase da bacteria espiroqueta Treponema pallidum’. Porque, a partir de 1493, se desatou en toda Europa unha brutal epidemia de sífilis, que durante séculos foi atribuída á chegada da enfermidade desde América coa primeira expedición de Colón.
A polémica médica desatada xa dura máis de cinco centurias. Porque a hipótese americana parecía indiscutible, pero posteriormente foron descubertos en Asia e Europa esqueletos con síntomas de sífilis, por exemplo en Rusia fai catro mil anos ou na Pompeia de antes da gran erupción do Vesubio. Pero hai investigadores que a consideran outra enfermidade diferente. Mentres que existe tamén unha ‘hipótese unitaria’ que tenta combinar ambas as teorías: a sífilis xa existía, podería ser menos virulenta, e en 1493 entrou desde América un brote moi agresivo que derivou no desastre.
O feito incontestable é que a primeira epidemia europea de sífilis se desatou en 1493, xusto despois do regreso da primeira expedición de Colón. E tamén que a enfermidade sorprendeu aos primeiros viaxeiros a América. O explorador Gonzalo Fernández de Oviedo deixou crónicas moi gráficas: “A primeira vez que aquesta enfermidade en España se viu foi despois que o almirante don Cristóbal Colón descubriu as Indias e (…) algúns cristiáns dos que con el viñeron que se acharon naquel descubrimento e deles pegouse a outras persoas”. E sinala no seu “Sumario da Natural Historia das Indias” (1526) que as bubas (así chamaban á sífilis) “péganse do axuntamento de home a muller (…) e os cristiáns que se dan á conversación e axuntamento das indias, poucos hai que escapen deste perigo”.
Outro cronista, Francisco López de Gómara, sinala: “Que as bubas viñeron das Indias. Os de aquesta illa Española son todos bubosos, e como os españois durmían coas indias, fincháronse logo de bubas, enfermidade pegaxosísima e que atormenta con recias dores”.
A partir de aquí, apareceron esqueletos de nativos americanos con mostras de sífilis antes da chegada de Colón. E o avance da epidemia en Europa nos séculos sucesivos é o principal argumento desta hipótese.
O primeiro tratamento era con mercurio: “Unha noite con Venus, unha vida con Mercurio” era o dito
Pero, ao lado contrario da opinión científica, hai outra lexión de expertos que sosteñen que a sífilis xa estaba no continente europeo previamente. Ademais, hai outras treponematoses (enfermidades causadas polo xénero bacteriano Treponema) con maior ou menor gravidade, distribuídas polo mundo. Algunhas investigacións sitúan en África e o comercio de escravos a extensión da epidemia, xa antes de 1493, durante as Descobertas portuguesas.
E o debate segue aberto, cunha sucesión de artigos científicos que regularmente aparecen nas revistas de maior prestixio tentando soster unha ou outra teorías sobre a orixe da sífilis. Así que non o sabemos con certeza. Só é evidente que en 1493, xusto despois da primeira viaxe de Colón, se desatou en Europa a súa maior epidemia, que non remitiría claramente ata que en 1901 o bacteriólogo alemán Paul Ehrlich sintetizou o Salvarsán, un primeiro tratamento efectivo, despois de que durante décadas se tratase con gases de mercurio, altamente tóxico. Unha frase antiga chanceaba co modo de contaxio e co seu tratamento: “Unha noite con Venus, unha vida con Mercurio”.
Máis tarde, en 1913, o xaponés Hideyo Noguchi identificou a bacteria Treponema pallidum. E o verdadeiro tratamento chegou coa penicilina, sempre que se atallase a enfermidade a tempo.
Así que non sabemos se aquela minúscula espiroqueta chegou a Baiona o 1 de marzo de 1493. O debate científico continuará para saber se a carabela Pinta tamén trouxo de Arribada a sífilis a Europa.
Si me permiten el adjetivo: fabuloso artigo. Yo era de los que creía que la sífilis había sido importada de Europa para América. Ahora creo que fue al revés. Muchas gracias.
Etnocentrismo? Non hai datos de prevalencia e incidencia nas Américas, pre e pos colonización?
Un saúdo, e grazas sempre