Durán Loriga: un matemático feminista

Amigo de eminencias como Poincaré, o científico coruñés pronunciou en 1904 un revolucionario discurso para defender á muller en ciencia

Ata o ano 1910, as mulleres non puideron en España matricularse na universidade en igualdade de condicións que os homes. E ata o ano 1924, cando se incorporou Luisa Cuesta á Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela, ningunha muller impartiu clases na universidade en Galicia. Así que nin sequera contamos un século desde que se permitise ás mulleres ser profesoras no ensino superior. Pero, antes deste proceso, houbo voces que clamaron pola igualdade. E unha das máis interesantes foi a do matemático coruñés Juan Jacobo Durán Loriga, quen en 1904 pronunciou un discurso memorable, titulado ‘Una conversacion sobre matemáticas’, no que defendeu a capacidade das mulleres para a ciencia e repasou a algunhas das máis brillantes da historia, repasando as súas achegas.

Durán Loriga nacera na Coruña en 1854 e, en 1869, con só 15 anos, ingresou na Academia de Artillería, da que sairía catro anos máis tarde co grao de tenente. A súa brillantez intelectual chamou  a atención xa durante a súa primeira mocidade e ofrecéuselle  unha cátedra de Mecánica que rexeitou, continuou servindo no exército e finalmente montou unha academia na que preparaba oposicións e o ingreso nas escolas de enxeñería e arquitectura.

Publicidade

Pero a súa paixón eran as matemáticas e durante anos dedicouse a resolver complicados problemas que presentou en diversas publicacións ou en certames como a Exposición Universal de Barcelona de 1888, onde obtivo unha medalla de ouro polas súas demostracións.

O investigador Ricardo Moreno Castillo denominouno “o  xeómetra do triángulo”, nunha  monografía para o Consello da Cultura Galega. Porque, en efecto, as súas principais achegas estiveron relacionadas coas relacións entre círculos e triángulos, das que obtivo algo que foi chamado “a curva de Durán Loriga”, que chamou a atención dalgúns estudosos do seu tempo. De feito, existe abundante correspondencia entre o matemático e estudosos como Charles  Hermite, experto en formas  cuadráticas, ou Ernesto  Cesaro,  Brocard,  Lemoine ou  Longchamps. Tamén espertou o interese do prestixioso  polímata  Henri  Poincaré.

Publicidade

O matemático coruñés publicou estudos en revistas internacionais e españolas como a  Gaceta de Matemáticas ou Progreso Matemático.

Pero, ademais da súa excelente faceta científica, Durán Loriga revelouse tamén como un feminista, que defendía a igualdade entre homes e mulleres nun momento en que elas carecían dos dereitos máis elementais tanto para o estudo, como para a investigación ou o propio sufraxio activo ou pasivo. O día de Nadal de 1904, pronunciou a súa famosa conferencia titulada “Una conversación sobre Matemáticas”, que se celebrou no salón de actos  da Reunión de Artesáns da Coruña, organizada pola Academia de Belas Artes.

A conferencia de Durán Loriga foi editada por La Voz de Galicia.

“Matemática no cerebro do sabio, matemática no corazón do  paria, matemática no ceo, na terra, no grande, no pequeno… En todas partes matemática!”, proclamaba nesta charla, que se publicou nun  opúsculo de 38 páxinas que puidemos consultar e que foi publicado en 1905 pola imprenta de La Voz de Galicia. “Campa o número -dicía o Sr. Durán- nas máis belas odas de Píndaro, nas estatuas de Miguel Angel, nos lenzos de Rafael”, engadía.

No traballo, Durán Loriga defende que as matemáticas son unha disciplina na que a muller pode brillar  singularmente, tras o que eloxia ás grandes autoras da historia como a marquesa de Chatelet, brillante matemática do século  XVIII que traduciu as obras de Newton ao francés. Tamén menciona con admiración a  Marie-Sophie Germain, autora de importantes achegas á teoría de números, de xeito que existen os denominados como “números primos de Sophie Germain”, que son números primos cuxo dobre incrementado nunha unidade é tamén un número primo (2p+1). Por curiosidade, os dez primeiros números primos de Sophie Germain son:  2, 3, 5, 11, 23, 29, 41, 53, 83 e 89. Abonda con multiplicalos por dous e sumarlles 1 para que o resultado sexa outro número primo.

Na súa conferencia, Durán Loriga declara o seu amor polas matemáticas, que na súa opinión achegan “Verdades que constitúen a honra da ciencia e unha das formas da beleza”. Ademais, divirte ao seu auditorio con diversos problemas que resolve nun taboleiro, como o de dous xogadores que arriscan cen millóns de pesetas cada un.

Tumba de Durán-Loriga.

Outras das mulleres matemáticas loubadas por Durán serán María Gaetana  Agnesi, que coa súa  Instituzioni Analitiche, publicada tras un longo retiro para estudar problemas matemáticos, tivo un impacto enorme na disciplina para mediados do século  XVIII. Tamén eloxia a Sofía Kovalewska, experta en ecuacións diferenciais parciais que foi a primeira muller en Europa que conseguiu unha praza como profesora universitaria, en Suecia, 1881. En España, a primeira muller que conseguiu unha cátedra universitaria foi a galega Emilia Pardo Bazán na Universidade Central de Madrid en 1916.

Así que Juan Jacobo Durán Loriga foi un gran matemático que chamou a atención desde A Coruña dos grandes mestres do seu tempo. Pero que, ademais, foi un sabio preocupado pola formidable inxustiza da marxinación da muller. Un matemático feminista a comezos do século  XX.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A conciliación impide que as científicas participen nos medios tanto como os homes

A situación persoal e familiar é o obstáculo que atopan o 23% das investigadoras para divulgar fronte ao 10% do sexo masculino

Visitas a centros de referencia e máis de 60 relatores: o evento que impulsa o investimento en ciencia

O evento celebrarase en Santiago os días 19 e 20 de febreiro e brindará a oportunidade de coñecer casos de éxito e tendencias de investigación

Pode o dixital ‘matar’ os museos de ciencia e tecnoloxía?

Os máis críticos consideran que a dixitalización das salas distancia os visitantes das pezas físicas das exposicións

Santiago acolle en febreiro un evento sobre as tendencias de investigación en IA e saúde

O encontro celebrarase os días 19 e 20 de febreiro e conten un programa cheo de actividades para profesionais do sector