É moi posible que ninguén percorrera Galicia máis polo miúdo. Mais hai varios lugares que influíron de forma decisiva na vida do autor da Carta Xeométrica de Galicia. Desde o seu nacemento en Porta do Conde ata a súa morte, moi preto de alí, no balneario de Cuntis, Domingo Fontán percorreu milleiros de aldeas, vilas e cidades para desenvolver unha obra que ficará para sempre na memoria do país.
Se nos achegamos á Carta Xeométrica, poderemos ver como Fontán quixo marcar de forma especial o lugar de onde viña. Na aldea de Porta do Conde, preto de Caldas de Reis, e hoxe pertencente ao concello de Portas, o xeógrafo anotou entre paréntese “Patria do autor”. Este lugar é o punto de partida dunha viaxe por nove lugares que marcaron a vida do xeógrafo.
1. Porta do Conde
Aquí naceu, o día 17 de abril de 1788 Domingo Fontán Rodríguez, fillo de Rosendo Fontán Oliveira y Sebastiana Rodríguez Blanco. Esta aldea de Portas conta hoxe, segundo os datos do padrón do INE, con 112 habitantes.
A Carta Xeométrica de Fontán valeu tempo despois para ampliar a rede de estradas e ferrocarrís de Galicia. E, precisamente, Porta do Conde atópase hoxe encaixada entre tres das principais vías de comunicación do eixe atlántico. A poucos metros pasan a AP-9, a N-550 e a liña de tren que une A Coruña e Vigo.
A ‘patria’ de Fontán segue lembrando hoxe ao seu veciño ilustre. Unha enorme inscrición preside a fachada da casa onde naceu, un busto do xeógrafo pode verse preto de alí e unha asociación, unha praza e o colexio público da localidade levan o seu nome. Todos os anos, o concello e os colectivos que lembran ao autor do primeiro mapa científico de Galicia reúnense na súa honra en Porta do Conde.
2. Noia
Desde moi novo, Domingo Fontán pasaba os veráns na vila de Noia, onde o seu tío materno Sebastián era cura párroco. Aquelas estancias marcaron para sempre a vida do pequeno Domingo, que xa desde moi novo deu mostras das súas grandes aptitudes académicas. Aquí, xunto ao seu tío Sebastián, residían uns presbíteros franceses que tiveran que fuxir do país despois do triunfo da Revolución de 1789. Deles aprendeu a lingua que tempo despois lle abriría as portas á elite científica da época. Uns coñecementos grazas aos cales puido desenvolver con mestría a súa Carta.
A casa onde viviu Fontán durante a maior parte do tempo que pasou en Noia está (aínda que hoxe moi restaurada) na rúa do Curro, e está a carón da actual praza de Abastos. Ten un xardín traseiro que dá cara ao malecón de Cadarso e a ría, da que a Fundación Domingo Fontán aínda conserva fotografías antigas, previas á restauración, cando os descendentes do xeógrafo ían visitar a vila.
3. Universidade de Santiago de Compostela
Con só 12 anos, Fontán xa estaba matriculado en Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. E con 14, o 21 de maio de 1802, obtivo o título de bacharel. A súa carreira académica era meteórica, pero a convulsión da Guerra de Independencia primeiro, e a represión do absolutismo polas súas ideas liberais, despois, frearon repetidamente a traxectoria.
Con todo, comezou a dar clase no curso 1811-1812 na cátedra de Retórica e Belas Artes. Seguiu formándose en Filosofía, Teoloxía, Belas Artes ou Física, entre outras materias. E no ano 1813 comezou a asistir ás clases do que sería o seu mestre José Rodríguez, o matemático de Bermés, que o inspiraría na idea de desenvolver a Carta Xeométrica. Só un ano despois, en 1814, substituíu a Rodríguez na cátedra de Matemáticas Sublimes.
Ese mesmo ano foi denunciado por primeira vez por liberal, aínda que quedou absolto pola Audiencia de Galicia ao ano seguinte e puido seguir exercendo como profesor na universidade compostelá.
Durante o trienio liberal (1820-1823) Fontán desenvolveu a velocidade de vertixe a Carta Xeométrica e despregou tamén unha intensa actividade docente que se viu cortada de raíz o 23 de xullo de 1823, coa instauración do absolutismo de Fernando VII. O xeógrafo foi separado da cátedra de Matemáticas Sublimes. Solicitou unha súprica de purificación que lle foi denegada en varias ocasións ata que por fin foi reposto no seu cargo en 1826.
A Facultade de Xeografía e Historia onde estudou e impartiu clase Fontán conserva aínda hoxe un dos teodolitos cos que Fontán elaborou o mapa. E na sala de xuntas do edificio pode verse unha reprodución da Carta Xeométrica e do retrato de Fontán pintado por Antonio María Esquivel.
4. Rúa do Vilar-A Berenguela
Ao saír da súa casa da rúa do Vilar, Fontán topábase coa maxestosidade da torre da Berenguela. E alí, a menos de 200 pasos da porta do lugar onde viviu durante unha parte importante da súa vida, sobre todo antes de converterse en deputado en Madrid, establecería o punto cero da Carta Xeométrica. Así o deixou escrito nos seus cadernos:
“Atopei a latitude da Torre do Reloxo da Catedral por máis de 144 observacións astronómicas da (estrela) Polar, e por outras 200 de Orión e por alturas meridianas do Sol”.
Unha vez coñecido o lugar exacto onde estaba a Berenguela, podía comezar a triangular o mapa.
Na mesma rúa do Vilar, así como na Acibechería, Fontán establecería tamén un almacén de trapo cando se convertiu en xerente, xunto ao seu irmán Andrés, da fábrica de papel do Castro, en Lousame. O trapo servíalle como materia prima para a fabricación da pasta de papel na factoría. E desde aquí tamén continuou facendo correccións á Carta Xeométrica desde a súa finalización ata o seu gravado, en 1845.
5. Madrid
A capital de España foi o lugar onde Fontán desenvolveu unha das múltiples facetas da súa vida: a da política. Despois das múltiples viaxes a Madrid á procura de financiamento para facer realidade a Carta Xeométrica, o desempeño académico e intelectual de Fontán era coñecido de sobra na vila e corte. Así, dous meses despois de presentar ante a rexente María Cristina de Borbón a Carta Xeométrica, en febreiro de 1835 don Domingo é nomeado director do Observatorio Astronómico de Madrid.
E ao pouco, cando se creou a Escola de Xeógrafos, Fontán pasa a ser o director. Establécese ese ano na rúa Huertas, nº 67. Asume outros cargos na administración xeral, mentres ao tempo segue á busca de financiamento para gravar a Carta.
A entrada na política estatal, despois de ocupar varios cargos na administración, chégalle por xestións realizadas por Ramón María Godoy. En 1837 sae elixido nas Cortes Constituíntes como deputado pola provincia de Pontevedra, e semanas despois sairía elixido nas Cortes ordinarias. No medio das convulsións derivadas da revolución de 1840, a rexencia de Espartero (cando foi apartado como director do Observatorio de Madrid) e a subida ao trono de Isabel II, Fontán conservou a súa acta de deputado ata 1843.
En Madrid está tamén hoxe a sede da Fundación que xestionan os seus descendentes.
6. París
O mes de decembro de 1834 foi clave para a Carta Xeométrica de Galicia. O día 1 Fontán presentou a súa magna obra ante o ministro de Interior, José María Moscoso de Altamira, pertencente á nobre familia galega. E dous días despois, ante a rexente María Cristina. O día 5, unha real orde instou a abrir un prazo de exposición pública da Carta.
Ante a ausencia de talleres en España para gravar o mapa, a rexente ordenou facelo en París. Os problemas económicos e outros obstáculos burocráticos e políticos ralentizaron moito o gravado. Finalmente, unha real orde de 1838 impulsou o proxecto. E en xaneiro de 1839, Fontán saíu cara a París co seu fillo Félix, e alí estaría ata xullo. Por consello do seu amigo Ramón de la Sagra e indicacións de Vicente Vázquez Queipo, o gravado do mapa de Galicia realizouno Leon Bouffard.
Despois destes primeiros contactos, comezaron as probas e as correccións, non exentas tampouco de dificultades. Pero finalmente, a Carta foi unha realidade en 1845.
Tamén en París, nos talleres de Joseph Lemercier, realizouse a impresión dos centos de copias do orixinal que aínda hoxe se poden ver en edificios insignes de Galicia. Estes mapas chegaron por mar en dúas tiradas (1847 e 1850) desde o porto de Le Havre ata A Coruña, e de aquí repartíronse por todo o país.
7. Fábrica de Papel do Castro
Na aldea do Castro, en Lousame, hai unha pequena sinal que indica o camiño para a “fábrica de papel de Fontán”. Neste edificio, hoxe en completa ruína e invadido pola maleza, o que lle dá un aspecto fantasmagórico, centrou os seus esforzos o insigne xeógrafo na última parte da súa vida.
A fábrica foi fundada en 1810 por Esteban Campero, Alberto Torrado e Domingo Antonio de Castro. En 1828, Rosendo Fontán, pai de Domingo, cede ao seu cuñado Sebastián Rodríguez as accións que tiña na fábrica. E á súa vez o crego doa as participacións aos seus sobriños Domingo e Andrés.
En 1843, coa morte de Sebastián, cuxos heredeiros son o xeógrafo e o seu irmán, estes fanse coa gran maioría das accións da factoría do Castro, e a partir de entón centran gran parte dos seus esforzos na xerencia da fábrica.
8. Balneario de Cuntis
Neste lugar terminaron os días do home que lle puxo rostro a Galicia. En outubro de 1866, con 78 anos, sentiuse indisposto e dirixiuse ao balneario a tomar as augas. Ás 9.30 da mañá do día 24 dese mes, segundo certificou o facultativo Valentín García, Domingo Fontán falecía a causa dunha cistite aguda.
Foi velado en Cuntis, e trasladado posteriormente a Santiago para ser soterrado no nicho 306 do cemiterio xeral da cidade. As súas cinzas permaneceron nunha urna propiedade do concello, ata que a familia as solicitou para trasladalas ao Panteón de Galegos Ilustres.
9. Panteón de Galegos Ilustres
O 30 de decembro de 1988, 200 anos despois do seu nacemento, os restos de Fontán foron trasladados por fin á igrexa de San Domingos de Bonaval, onde descansan ata hoxe. A súa tumba está no centro da capela, e foi a última ata o momento en engadirse ao panteón.
Xunto a el descansan Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey e Alfredo Brañas.