Venres 26 Abril 2024

Achado un dentes de sabre extinto do tamaño dun gato montés

A investigación pode axudar a entender como evolucionaron os primeiros mamíferos que tiveron unha dieta baseada exclusivamente en carne

O fósil achado no xacemento de Santiago Formation (California, Estados Unidos) e bautizado co nome de Diegoalelurus vanvalkenburghae é único: representa o primeiro espécime descuberto en América do Norte dun depredador cun tamaño parecido ao do gato montés actual.

Tan só se conserva a parte inferior da mandíbula, con dentes case intactos que achegan valiosa información sobre o comportamento e evolución dos primeiros mamíferos que tiveron unha dieta baseada exclusivamente en carne (hipercarnivorismo). Os detalles publicáronse na revista PeerJ.

Publicidade

O fósil achega valiosa información sobre o comportamento e evolución dos primeiros mamíferos cunha dieta baseada exclusivamente en carne

“Na actualidade, a habilidade para alimentarse só de carne non é tan rara: os tigres, leóns, ou mesmo os osos polares son exemplos claros; se tes un gato, é posible que teñas a un hipercarnívoro na casa”, explica Ashley Poust, coautor do traballo, e investigador do Museo de Historia Natural (NAT) de San Diego, en Estados Unidos.

“En cambio, hai 42 millóns de anos os mamíferos aínda estaban a pescudar como sobrevivir alimentándose exclusivamente de carne”, engade Poust.

Segundo o paleontólogo, un dos maiores avances evolutivos neste sentido produciuse cando algúns mamíferos desenvolveron dentes especializados para cortar carne, unha característica anatómica presente neste fósil recentemente descuberto.

Un fósil moi valioso

Este depredador prehistórico pertence á subfamilia dos macairodontinos, un misterioso grupo animal extinto na actualidade, sen relación próxima cos carnívoros actuais.

“Sabemos moi pouco sobre eles, así que calquera descubrimento nos achega moita información”, subliña Shawn Zack, investigador da Universidade de Arizona e primeiro autor do estudo.

“Este fósil de Diegoaelurus, relativamente completo e ben conservado, é especialmente útil porque os dentes permítennos inferir a dieta e empezar a entender como se relacionan os macairodontinos entre si”, engade o investigador.

O carnívoro era do tamaño dun gato montés, pero co queixo óseo orientado cara abaixo para protexer os seus dentes de sabre superiores

O nome do depredador fai honra ao condado de San Diego, onde se atopou o espécime, e á científica Blaire Van Valkenburgh, expresidenta da Sociedade de Paleontoloxía de Vertebrados, cuxo pioneiro traballo sobre a evolución dos carnívoros influíu nesta investigación, segundo indican os autores.

Cara a unha dieta carnívora

O D. vanvalkenburghae era do tamaño dun gato montés, pero co queixo óseo orientado cara a abaixo para protexer os seus dentes de sabre superiores. As súas características serían as dun cazador eficiente e relativamente novo. “Non existía nada semellante nos mamíferos desa época”, explica Poust.

“Algúns antepasados dos mamíferos tiñan cabeiros longos, pero o Diegoaelurus e os seus escasos parentes representan a primeira adaptación felina cara a unha dieta baseada exclusivamente en carne, con dentes de sabre na parte dianteira, e dentes de tesoira cortantes —chamados carnais— na parte traseira”, engade o autor. Este animal e os seus parentes representan unha primeira tentativa de hipercarnivoría: o estilo de vida que seguen os felinos actuais.

Segundo os autores, esta é unha potente combinación morfolóxica que varios grupos de animais desenvolveron de forma independente nos millóns de anos transcorridos desde entón.

Ilustración que suxire como puido ser o felino atopado. Crédito: San Diego Natural History Museum
Ilustración que suxire como puido ser o felino atopado. Crédito: San Diego Natural History Museum

Unha peza máis do crebacabezas evolutivo

Con só un puñado de especímenes fósiles procedentes de Wyoming e Asia, os macairodontinos son tan pouco coñecidos que os científicos nin sequera están seguros de se había varias especies convivindo no mesmo período de tempo. “Este achado demostra que eran máis diversos do que pensabamos”, apunta Zack.

“Xa sabiamos que existía un felino de maior tamaño, Apataelurus, que vivía no que hoxe é o leste de Utah. Agora atopamos este espécime máis pequeno que viviu aproximadamente na mesma época, o que indica a posibilidade de que atopemos máis”, engade.

Os macairodontinos son tan pouco coñecidos que os científicos nin sequera están seguros de se había varias especies convivindo no mesmo período de tempo

Ademais desta coexistencia solapada, Poust sinala que estes individuos poderían ter compartido espazo con outros dentes de sabre.

“O Diegoaleurus, aínda que antigo, é o máis recente destes depredadores macairodontinos, o que o sitúa a pouca distancia da época en que os seguintes animais felinos chegaron a América do Norte, coñecidos como nimravides ou falsos felinos de dentes de sabre”, sinala.

“Coincidiron algunha vez estes grupos? Competiron polo espazo e as presas? Aínda non o sabemos, pero San Diego está a demostrar ser un lugar sorprendentemente importante para investigar a evolución destes animais prehistóricos”, conclúe Poust.


Referencia: Diegoaelurus, a new machaeroidine (Oxyaenidae) from the Santiago Formation (late Uintan) of southern California and the relationships of
Machaeroidinae, the oldest group of sabertooth mammals (Publicado en PeerJ)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Novos restos fósiles suxiren que a Terra viviu unha sexta extinción masiva

Unha caída global nos niveis de osíxeno fai uns 550 millóns de anos conduciu á primeira extinción masiva coñecida

Un modelo 3D revela que o megalodón podía devorar presas do tamaño dunha orca

Un equipo científico internacional realizou a primeira reconstrución tridimensional da quenlla xigante extinta

Reforzo nos recursos humanos e materiais na loita contra o lume

O operativo fronte os incendios está formado por máis de 7.000 persoas das diferentes administracións

A misteriosa extinción masiva de tiburóns que se produciu fai 19 millóns de anos

A revista 'Science' recolle en dous artigos unha desaparición do 90% das especies destes animais, da que non se coñecen as causas