Luns 29 Abril 2024

O día que Crisanto Devesa e outros 13 heroes salvaron os náufragos do ‘City of Agra’

Camelle e Arou celebran esta fin de semana unha festa para conmemorar os mariñeiros galegos que rescataron as vítimas do afundimento en 1897

En 1897, Crisanto Devesa era o mellor mergullador de Camelle. Para a súa familia, para os seus veciños e para toda a Costa da Morte, o mar era a principal fonte de vida e de sustento. Pero a bravura das ondas e o perfil escrapado do litoral entre Camelle e Arou era, con máis frecuencia da desexada, sinónimo de naufraxio. Un dos que quedou gravado na memoria da veciñanza destas dúas vilas mariñeiras foi o afundimento do City of Agra na noite do 3 de febreiro de 1897. Catorce mariñeiros, entre eles Crisanto Devesa, non dubidaron en subir ás chalanas Manuel, Pedro e Mercedes e arriscar a súa vida para salvar os naufrágos. Das 75 persoas que ían a bordo do buque británico, sobreviviron 42 e faleceron 33.

Foto Crisanto Devesa. Foto

Tan profunda é a pegada do City of Agra na historia recente de Camelle e Arou, que cada mes de xullo celebran unha festa para conmemorar ás vítimas do naufraxio e aos 14 heroes galegos que as salvaron. Durante esta fin de semana, roteiros, música e recreacións servirán para retroceder no tempo e viaxar 126 anos atrás. Tal é o impacto desta romaxe, que se celebra dende 2019, que este ano recibirán a visita de Aman Chandra, representante da embaixada da India en España. O obxectivo é coñecer máis de preto a historia do naufraxio e, sobre todo, da maioría de indios que ían a bordo. De feito, das 33 persoas falecidas, 24 delas eran lascars —como se coñecía popularme aos mariñeiros de orixe india—.

Publicidade

Segundo relatan os investigadores Fernando Patricio e Xurxo R. Baña nun texto para lembrar o naufaxio, durante a medianoite do 3 de febreiro de 1897, o City of Agra afundía nos baixos do Canesudo, en Arou. O buque británico viña de Glasgow, tan só fixera unha escala en Liverpool e o seu destino era a cidade india de Calcuta. A bordo ían 75 persoas, contando os 70 tripulantes, o capitán William Frame, dous polisóns e dous pasaxeiros. Entre estes últimos salienta a figura de Arthur Ernest Jamrach, falecido no naufraxio, neto do tratante de bestas londinense Charles Jamrach. O seu obxectivo era chegar á India para proverse de animais exóticos.

Unha vez que o buque británico petou coa pedra do Canesudo, desapareceu rapidamente da superficie e foi engulido polas bravas augas do Altántico. Segundo detallan Patricio e Baña, partiuse en dous e dos seus tres paus, tan só un saíu á superficie. Nel ficaban, agarrados, dous tripulantes indios que foron rescatados por mariñeiros de Arou. Os propios superviventes contaron que, tras rachar o barco, outro dos paus caeu sobre un grupo de náufragos que trataban de nadar a manterse a flote. Porén, o golpe acabou coas súas vidas.

Os heroes de Camelle decatáronse do naufraxio cando, ollando o mar ao amencer para saír ao mar, viron un bote á deriva. O patrón Manuel Sánchez Carril saíu con outros cinco homes, entre os que estaba Crisanto Devesa, ao rescate dos náufragos. Xunto a el saíron Pedro e Mercedes, outras dúas chalanas con catro e cinco homes a bordo, respectivamente. Finalmente, lograron remolcar ese primeiro bote salvavidas que levaba 12 persoas. Pouco despois, rescataron outra embarcación con 18 náufragos. O terceiro bote, con 10 superviventes, envorcou. Pero, afortunadamente, foron salvados polo vapor británico Onega que os deixou no porto de Xibraltar.

Entre as pegadas do naufraxio, aínda hoxe vivo en Camelle e Arou, están as tres medallas que o goberno británico entregou aos patróns das embarcacións Manuel, Pedro e Mercedes. Estes galardóns son a máis alta condecoración que o goberno do Reino Unido entrega a un estranxeiro por salvar a un británico dunha morte segura. Tamén pervive nesta vila mariñeira a campá do barco, que está pendurada no campanario da igrexa do Espírito Santo de Camelle dende que no 1897 fora extraída do pecio e doada pola empresa Barbeito. Tócana cada segunda fin de semana de xullo para conmemorar a xenerosidade dos mariñeiros galegos e para lembrar as almas do City of Agra perdidas no mar.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un pobo fronte á traxedia: así rescataron as xentes de Camelle os náufragos do ‘City of Agra’

Un documental rememora o afundimento do vapor británico en 1897, no que perderon a vida 33 persoas e sobreviviron 42

A clase de EXB que escribiu a historia dos naufraxios da Costa da Morte

No verán de 1974, un mestre de Camelle e os seus alumnos percorreron este litoral para elaborar un libro que aínda hoxe é unha obra de referencia

A USC investigará o legado artístico de Man de Camelle

O Concello de Camariñas e a universidade asinaron un convenio para estudar as obras do anacoreta, falecido tras a catástrofe do Prestige

O lobo mariño Camelle xa viaxa á liberdade en augas de Irlanda

Foi recollido en febreiro gravemente ferido e agora volve ao mar tras a súa recuperación na CEMMA