A antiga escola de Ons: vivindo como colonos

O actual Centro de Visitantes foi o centro neurálxico do pobo durante o século XX, época na que varios centos de persoas habitaban a illa

Chegando ao barrio de Curro, fronte a igrexa de San Xoaquín, encontramos o Centro de Visitantes, situado no edificio que albergaba a antiga escola. Nel descubriremos o modo de vida, os costumes e as tradicións dos habitantes da illa de Ons. O Centro de Visitantes foi o centro neurálxico do pobo durante o século XX, época na que varios centos de persoas habitaban a illa.

Neste barrio tamén se pode ver unha igrexa adicada ao patrón local, San Xoaquín, e outras edificacións, como as antigas casas do cura, do profesor e do médico. O barrio supón unha boa representación da organización habida nunha típica vila mariñeiro de costa.

Publicidade

O Centro é de planta baixa e alongada, reflexo da escola orixinal. Nas súas exposicións amosa o modo de vida, costumes e tradicións deste pequeno arquipélago.

Para a observación

A poboación da illa de Ons comezou a medrar nos anos 20 do século pasado, cando Manuel Riobó Guimeráns e Manuel Bernal compraron a illa aos herdeiros da familia Montenegro, instalando nela unha fábrica de salgadura de polbo. Don Didio, fillo de Manuel Riobó, actuaría como propietario das illas, percibindo por parte dos colonos o aluguer do terreo, ademais do polbo que pescaban.

Publicidade

Ao estalar a guerra civil, a envexa que provocaba o negocio da familia Riobó, fixo que Don Didio, o fillo, fose denunciado por masón. Perseguido pola Garda Civil, refuxiouse na illa, aforcándose o 3 de outubro de 1936. Tras isto, a illa quedou sen xestión ata 1943, momento no que é expropiada polo Estado para destinala a fins defensivos. No documento de expropiación, foi valorada nun millón de pesetas, e a renda anual dos seus habitantes, que daquela eran 468 veciños, era de 21.400 pesetas, cantidade que tiña que ser entregada á autoridade insular.

Nos anos 70, xa propiedade do Instituto de Conservación da Natureza, comeza a despoboarse. As mellores condicións de vida ofrecidas polas cidades costeiras fixeron que as familias migrasen. Este descenso da poboación autóctona coincidiu co aumento progresivo do turismo, co cal se puxo sobre a mesa a necesidade de xestionar a afluencia de visitantes co fin de protexer e conservar o seu singular medio natural. Este proceso culminou coa súa inclusión no Parque Nacional Illas Atlánticas no ano 2002, sendo a súa xestión responsabilidade da Xunta de Galicia.

As londras nas Illas Atlánticas

A presenza de londras (Lutra lutra), que se pensaba desaparecida nas illas, foi en aumento ano tras ano. As londras galegas son as únicas que tamén habitan nas illas mariñas, o cal lles confire un valor engadido aos grupos familiares estables que hoxe podemos atopar nos arquipélagos de Ons e Sálvora.

Descarga aquí a duodécima entrega da guía.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

O Porto de Vigo inicia a vertedura de 220.000 toneladas de dragaxes a 3,6 millas de Cíes

O ministerio reabre o vertedoiro submarino xunto a Sálvora e habilita un terceiro a 5,5 quilómetros de Ons, onde descansarán as escavacións do Lérez

Praia de Melide, a importancia de conservar os sistemas dunares

Xunto co de Muxieiro, situado nas illas Cíes, constitúe un dos principais depósitos de area do parque nacional

Punta Centolo, o refuxio das aves mariñas

Este miradoiro da illa de Ons é zona de cría das aves máis emblemáticas do parque nacional